Skip to content

Plano de residuos: Tomadura de Pelo

31/12/2010

Hoxe era o último día para a aprobación do que sería o novo plano de residuos para Galiza no periodo que comprende o decenio 2010-2020. Como ben sabedes estabamos expectantes dado que saira en distintos medios de comunicación – informados pola consellería pertinente – que en decembro se publicaría este documento, non en cambio a ubicación definitiva da macroplanta que, pra non gañarse enemistades e perda de votos, esperarían a que pasasen as próximas eleccións e despois xa dirían onde se ubicaría todo este proxecto. Supoñemos que non é que non o saiban non, senon que simplemente non queren perder votos nas zonas colindantes á ubicación da planta.

Pois ben, cal é a miña sorpresa cando me levanto, merco o xornal e póñome a ler os distintos artigos que nel se publican, andando a procura da aprobación de dito plan. Nada na portada, nada na sección adicada a Galiza, nada na sección referente o Ribeiro…¡Zass! Sorpresa maiúscula. Cando xa non me esperaba nada vexo, no periódico de maior tirada da Galiza, na súas páxinas centrais, un publirreportaxe sobor a reciclaxe na Galiza, falando de como o ciudadano debería separar na casa, case que botando a culpa ós consumidores de que Sogama non funcione. Manda carallo!! Temos constancia de que se a planta non funciona é porque non se recicla apenas nada. O sistema non funciona. En Sogama non se recicla. Non inventamos nada, isto é algo que foi dito polos propios traballadores da planta de Cerceda, que foron despedidos e que manifestaron que se eles eran despedidos era porque alí non se reciclaba nada, polo que o seu traballo era prescindible.

Estamos a favor de que existan, por suposto, políticas de información para o cidadán en canto á reciclaxe de residuos e á separación dos mesmos nas casas, xeito este de conseguir unha adecuada xestión dos residuos -inda que non se fale da redución e demais -. O que parece indignante é que esta publirreportaxe apareza precisamente neste día – financiada pola Xunta, Ecoembes e Sogama -, como se dunha tomadura de pelo se tratase.

¿Teñen xa os señores da Xunta elaborado o plan? ¿Saben onde se ubicará a planta? ¿O tempo adicado para alegacións deste plan será o mínimo fixado pola lei?. Probablemente. Aquí estaremos, agardando a ver que diantres sacan, cando e de que forma. Parece que este circo, ó contrario do que moitos pensaban, non fixo sequera máis que escomezar.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: