Skip to content

SOGAMA prepara o camiño á incineración no sur galego

10/01/2011

SOGAMA ven de lanzar unha campaña publicitaria a traveso de “La voz de Galicia”, só na versión papel, co ánimo de lavar a súa imaxe e ir achantando o camiño cara á instalación dunha segunda planta para o Sur da Galiza, unha planta que superará en capacidade á de Cerceda e que levará consigo a continuidade dun modelo fracasado onde á pésima xestión engádese a corrupción que ó longo do tempo veñen denunciando diferentes colectivos ecoloxistas e empresas subcontratadas. O último episodio da desfeita foi a resolución favorável á demanda presentada por DANIGAL, a empresa concesionaria entre os anos 2006-2009 foi indemnizada con 2.655.720 euros polos gastos que a firma tivo que realizar para remendar o desaguisado do vertedoiro de Areosa.

Tamén, os riscos para a saúde pública son unha evidencia reflexada na estafa que DANIGAL e SOGAMA desenvoltaron dende o ano 2002, cando se implanta o modelo SIGRE, que baixo o irónico lema “Por la salud, por la naturaleza” ofertaba unha xestión innovadora, única en Europa, dos restos de productos oncolóxicos (altamente tóxicos). A normativa ó respecto é ben clara, este tipo de sustancias deben ser incineradas a altas temperaturas para inertizar completamente os compostos químicos (a incineradora de SOGAMA non cumpre os requisitos mínimos para realizar esta tarefa con seguridade) e así, minimizar os riscos de saúde pública e medio ambiental, tódolos actores do entramado eran conscientes desta realidade. Na actualidade,  máis de 12.000 toneladas aparecen depositadas no vertedeiro de Areosa mesturadas cos residuos sólidos urbáns.

Dende o movemento ecoloxista, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) demandou a depuración de tódalas responsabilidades políticas e xudiciais polos delitos ambientais e de posíbel corrupción que se puideran ter dado na última década. De feito lembran que o Consello de Contas no informe de 2004, entre outras irregularidades, denunciaba tratos de favor a empresas do grupo Unión Fenosa, adxudicacións irregulares de contratas que SOGAMA fixo en favor da eléctrica. A fraude da reciclaxe foi tamén denunciada polo colectivo, SOGAMA apenas recupera un 7% dos residuos que chegan á planta.

Na actualidade, o lixo da meirande parte dos galegos está a poluír o río Lengüelle, polo que compre un exercicio de corresponsabilidade da cidadanía. Os cidadás temos que reclamar a alcaldes e conselleiros que os nosos residuos sexan tratados adecuadamente, e o novo plano de residuos debe contar cos mecanismos de participación e control cidadán que permitan que non teñamos outra SOGAMA nunca máis.

A propaganda que a Xunta de Galiza está a realizar na actualidade baixo a tutela do presidente da empresa (medio pública, medio privada) Luis Lamas, apresentando datos falseados sobor a xestión na planta de Cerceda xa non convencen a ninguén. O único modelo aceptábel para a xestión dos residuos galegos pasa pola descentralización, pola reciclaxe e a compostaxe da materia orgánica, así como, pola aplicación de políticas encamiñadas a reducción tomando como base os ciclos produtivos.

Están a asfaltar o camiño, o sendeiro que nos leva directamente a incineración está xa marcado, só cabe agardar o destinatario do agasallo, e O Ribeiro segue a contar coa meirande parte das papeletas sen resposta social algunha. E isto tampouco é unha inocentada.

Texto orixinal de  Anacos do Ribeiro

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: