Skip to content

A Sogama do Sur xa é unha realidade

18/01/2011

A administración galega aprobou, o pasado 13 de Xaneiro, o que sería o Novo Plano de Residuos para o decenio 2010-2020. Os peores augurios quedaron confirmados. A maior parte do investimento adícase a unha macroplanta incineradora no sur da Galiza, preto dos 250 millóns de euros, a metade do custe previsto no novo Plano de Residuos , cun montante total de 510 millóns de euros que, na súa meirande parte, un 84% do total, virá de fontes privadas. Aposta clara e decidida pola privatización a grande escala e perpetuidade dun modelo claramente fracasado como é Sogama cun único fin, mercantilizar un problema como é hoxe en día o tema dos residuos, en beneficio duns cantos e prexuízo da sociedade e do medioambiente en xeral. As 68 alegacións presentadas a este plan durante os meses pasados xa teñen destino, serán queimadas na nova macroincineradora a modo de inauguración, botadas nun lume purificador de conciencias a cambio de cartos, das mans do mesmísimo conselleiro da Xunta para as cuestións de Medioambiente, Agustín Hernández, e os parabéns do señor Feijóo.

A Sogama do norte

O chamado complexo medioambiental de Cerceda foi dende o seu inicio un escándalo de xestión que, lonxe de mellorar no tempo, foi incrementando a súa inoperanza e mala praxe: denuncias por contratos millonarios irregulares, tráfico de influencias en empresa pública, prevaricación, despedimentos por falseamento de datos, vertidos tóxicos ó río Lengüelle, ademais da pobre bagaxe recicladora da planta e as emisións de substancias perigosas á atmosfera derivadas da incineración dos RSUs, ó que hai que sumarlle o escándalo na xestión dos residuos farmacéuticos do punto Sigre, que nos converteu durante máis de seis anos no vertedoiro ilegal de todo o Estado español, sen que ningún grupo político – PP como ideólogo e defensor deste sistema, PSOE e BNG durante a pasada lexislatura – fixese nada por evitar este delito ecolóxico de proporcións bíblicas.

Explicar pormenorizadamente cada un destes puntos daría para encher páxinas e páxinas desta web, podendo facer un monográfico adicado soamente ós escándalos medioambientais, políticos, económicos, sociais e xudiciais acontecidos dende o momento mesmo da creación de Sogama (a hemeroteca esta aí para quen queira consultala). O que si podemos explicar, de xeito conciso, breve e axeitado, é o porque da pretensión de repetir un modelo escandalosamente fracasado: cartos.

Incineración: ¿solución ou problema?

Sobre o papel, a chamada valorización dos residuos resulta un negocio redondo: materia prima de balde (residuos) e xeración de electricidade que logo pagaremos todos. Pero falar de valorización cando actualmente SOGAMA está a consumir máis enerxía da xerada, tira polo chan este concepto – a memoria de actividade da compañía en 2008 amosa que a incineradora xerou 459.867 Mv e consumiu 507.914 Mv -. O novo Plano de Residuos, recentemente alumeado na Consellería do señor Hernández, pretende que o capital privado financie o 84% do orzamento, para acadar este obxectivo nada mellor que recorrer ós megavatios eólicos. ¿Intelixencia ou caradura?.

Gas Natural-Fenosa é a grande propietaria da incineradora de Sogama e Estela Eólica, descoñecida até o momento, parece ser quen sufrague gran parte dos gastos da creación da nova planta a cambio de Megavatios no concurso eólico, que nada tería que ver coa xestión de lixo, obrigando a Javier Gracia (director xeral de Gecalsa, socio maioritario de Estela Eólica) a facer empanada galega coas súas declaracións ” (…)  nuestra propuesta no es una Sogama dos (…) haremos una planta de tratamiento de RSU sin valorización energética. Sogama es a nuestra planta lo que una central nuclear a una eólica”. Agardamos non se lle atragante.

En cuestión medioambiental e de xestión o modelo elixido é unha auténtica barbarie, sobre todo cando se pretende destinar a meirande parte dos residuos á incineración – lembremos que Sogama só recicla un 7% do que chega á súa planta, estando a anos luz doutro plantexamento que defende o “excelentísimo” presidente de Sogama Luis Lamas, poñendo como exemplo que en Austria ou Alemaña tamén existen incineradoras, pero obviando que a súa taxa de reciclaxe está en 69% e 65% respectivamente – co cal, a materia prima que inda está contida nos residuos e que é totalmente aproveitable para darlle unha segunda vida útil, é destinada á creación de enerxía e condenada polo tanto á súa desaparición nun inferno mal chamado valorización.

A futura planta incineradora do sur de Galiza terá unha capacidade similar a súa curmán do norte, co cal é facilmente asumible que esta última iguale os escandalosos números de 327.000 toneladas de CO2 que emite a actual Sogama. Ademais, e segundo datos do PRTR (Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes), emite 154 toneladas de óxidos de nitróxeno, 309 toneladas de partículas e 14,6 Kg de mercurio. Dentro da incineración non nos queremos esquecer da emisión de dioxinas e furanos, que son intrínsecas a ela, pero dos que non existen datos da cantidade emitida destes elementos, potentes carcinoxénicos. Sogama tamén verte metais pesados en cantidades importantes, en especial mercurio 3 Kg, cadmio 5,48 Kg, arsénico 13,7 Kg e fenois 27,3 Kg

En palabras de Ramón Varela, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía, “sorprende que unha industria creada para evitar a contaminación producida polos residuos urbanos sexa unha das industrias máis contaminantes da Galiza e a causante de notable contaminación na atmosfera e na auga”.

A alternativa na propia casa: o modelo Lousame

A planta que xestiona os residuos do Barbanza resulta ser a máis eficiente de todo o Estado español, a pesar dos paus sufridos fai uns meses debido á falla de pagamentos millonarios dalgúns dos seus concellos adheridos e da propia Ecoembes, hoxe en día seica liquidados. A nave de compostaxe de Lousame está acreditada como a instalación con maior taxa de recuperación de lixo por habitante. Un centro que simboliza o modelo de xestión de residuos a seguir, triplicando a cifra media estatal de recuperación de residuos por habitante, pulverizando as insignificantes marcas que o novo-antigo modelo que tratan de impoñernos posúe, superando en tódalas fases de recuperación de materiais – materia orgánica, vidro, papel, envases e demais – as pretensións do goberno galego para o 2020. De aquí xorde a pregunta de, contando con este sistema de demostrada eficacia que xa cumpre cos obxectivos de reciclaxe do novo PXRSUG, ¿Por qué non seguir este modelo e potenciar a súa posta en funcionamento en toda Galiza?. A historia repítese: cartos. Uns cartos que nunca se reverterán na sociedade galega senón que quedarán, coa conivencia da nosa noxenta clase política, nas mans das grandes enerxéticas.

A nivel económico-social a planta de Lousame tamén é un referente, seguindo o principio de que a maior taxa de reciclaxe, maiores beneficios. Ademais, esta planta segue un modelo descentralizado, algo que é básico na xestión dos residuos, onde cada bisbarra debe facerse cargo da xestión do seu propio lixo, onde prevaleza a minimización (redución, reutilización, reciclaxe) atendendo ás leis referentes na materia e a principios medioambientais, algo que se obvia no actual modelo da Xunta, mandando a paseo a xerarquía establecida pola Unión Europea na Directiva Marco de Residuos 2008/98. O modelo Lousame abrangue nove concellos, cunha poboación de 85.000 habitantes e un tratamento de residuos de 35.000 toneladas. A nivel social é un éxito, conta con 150 traballadores – de seguir con este modelo a Sogama do Sur tería que chegar ós 2.000 – co cal as promesas duns 300 traballadores para a nova Sogama quedan en puras migallas. O groso do pastel quedará para as grandes enerxéticas e os seus altos directivos, que queimarán máis e máis cartos nuns petos fedorentos.

A realidade

A aprobación por parte da Xunta dun plano de residuos, baseado fundamentalmente na creación de infraestruturas, no que a xoia da coroa queda sen emprazamento definitivo – a ubicación da Sogama Sur desvelarase despois das eleccións municipais de Maio, en previsión dunha sonora perda de votos na zona elixida – demostra moi ás claras a ineficacia do plan. Á vista de todo isto parece absurdo que se trate de repetir un modelo que demostra de antemán o seu fracaso. Bom, en realidade o modelo non se repite. Hai un pequeno cambio substancial que o modifica todo: a privatización do servizo, amparado polas escasas medidas proteccionistas de prevención na creación de lixo – este sistema precisa dun volume enorme de residuos, ó grito de más madera,  para lograr uns beneficios abundantes – e a creación e ampliación de macrovertedoiros, mesturándose neles residuos inda aproveitables para a súa reciclaxe coas cinzas tóxicas resultantes da incineración.

Vendo os precedentes podemos prever que o trapicheo económico vaise impoñer ó interese medioambiental, a empresa por riba do cidadán, que terá unha capacidade de decisión pouco menos que anecdótica. Se a privatización, da man de empresas enerxéticas, súmase á xestión dos residuos, a obtención dos beneficios será o que prime neste modelo de xestión, condenando a morte ó medioambiente e sociedade galegas.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: