Skip to content

Sumidoiros desborados:denuncia

23/01/2011

Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

■ Expón:

Que ante as numerosas queixas feitas a esta asociación por un número elevado de veciños debido a rotura de numerosos sumidoiros polo paseo do río de Ribadavia, dende a zona da Barca até a depuradora de Francelos, constatadas por parte desta asociación, e sumando ó feito de que incluso existen vertidos en zonas superiores do río, como por exemplo á altura da ponte de San Francisco.

Tendo en conta o prexuízo ambiental que isto supón para os ríos Avia e Miño, debido a que estes vertidos son de augas residuais que deberían de tratarse na Estación Depuradora de Augas Residuais E.D.A.R. de Francelos, e nunca verterse o río sen antes pasar por un proceso de depuración axeitado, ratificando que a rede de sumidoiros estea en perfectas condicións para o correcto funcionamento do servizo.

Verificando que a empresa encargada da xestión deste servizo de depuración de augas residuais, Aqualia, ten constancia de tales roturas de sumidoiros e vertidos ós ríos na zona referida, pasando continuamente cos coches de empresa por ditos lugares, sen facer nada por remediar o desastre que isto supón e facendo deixadez das súas funcións, demostrando o pouco que lles importa o río.

Corroborando que o Concello de Ribadavia, que se encargou de xestionar a construción do paseo do río, pero sen facer nada por manter o propio río san, sabendo deste problema que ocorre continuamente cando as choivas son abundantes, sen facer políticas de prevención sobre o que os cidadáns da vila deberían tirar polos seus retretes – como se pode observar nas fotos aparecen plásticos, compresas, kleenex e demais obxectos que nunca deberían ser evacuados polas cañerías das casas -, atascando os sumidoiros e impedindo que estas augas con contidos fecais e residuais sexan tratadas. Constatando que o Concello de Ribadavia éncheselle ultimamente a boca coa defensa de supostos criterios de sostibilidade ambiental para a zona do Ribeiro.

■ Solicita:

Se tomen as medidas necesarias por parte de Concello e Empresa para emendar todas estas deficiencias, adoptando as medidas correctoras necesarias para que este problema non volva a ser queixa por parte dos veciños e desta asociación, á que se pide manteña informada de ditas medidas.

 

Fotos que acompañan a denuncia

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Un problema engadido para Avia e Miño: o escándalo do río Carras

A poboación ribadaviense debería saber que durante máis de 20 anos o río Avia, e por ende os seus cidadáns, estivemos, e estamos, coméndonos literalmente a merda que sae  dos cus dos nosos veciños do Carballiño.

O río Carras, afluente do Arenteiro e este a súa vez do río Avia, recibe directamente, sen pasar por ningún tipo de tratamento de depuración, as augas fecais que proveñen de aproximadamente o 40 % dos cidadáns do Carballiño “aproximadamente o 40% das augas fecais do casco urbán estanse a verter no cauce do Carrás sen ningún tipo de depuración previa”. Por se isto non fora pouco as augas residuais da área industrial do Carballiño, cos polígonos da Uceira e Seoane, tamén van parar a este río, afluente do Avia.

Durante os últimos 20 anos as sancións, da man das normativas europea, non pareceron importarlle os distintos gobernos de Xunta e Concello. Só no momento en que a súa ilustrísima, don Manuel “Pachi” Vázquez, entrou na Xunta de Galicia, dirixindo a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ,albiscouse unha solución a este problema – o que deixa moi claro que no noso país, para que o goberno faga algo por ti, debes ter algún peso pesado dentro, sen importar o que ocorra de verdade cos veciños e o medioambiente, que xa manda carallo – , coa construción dunha depuradora pro Carrás, no ano 2007, sita no concello de Partovia.

En agosto do ano pasado prometíase, por parte do concello carballinés, que a nova depuradora que aliviaría o Avia deste longo padecemento, entraría en funcionamento no prazo máximo dun mes “só quedan unhas poucas conexións de tuberías, e a estación depuradora xa está practicamente rematada”. Estas promesas quedan en auga de borralla cando hoxe en día, tres meses despois do prometido, a depuradora, que xa está construida a un cen por cen, segue sen funcionar.

Segundo parece, por información do propio concello do Carballiño a esta asociación, o problema radica en que a empresa Gas Natural-Fenosa, coñecida dona e señora dos ríos galegos, non aporta a potencia necesaria para poñer en funcionamento a nova EDAR do Carballiño, o que demostra moi ás claras quen manda aquí , ademais da inoperanza dos noso políticos, que de tanto deixar facer a esta empresa, agora se cre con dereito de pernada sobre o medio fluvial galego. Unha vez máis: manda carallo.

 

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: