Skip to content

Escomeza o baile fraudulento

04/02/2011

Onte soubemos que as negociacións para albergar a planta incineradora no sur da provincia xa están dando os seus froitos. A Peroxa parece ser un quiero y no puedo da man do rexedor local, manexado coma un monicreque sen graza polo bufón maior de Ourense, no reino de Feijóo.

Baltar apunta tamén a Xinzo como lugar con “posibilidades”, a pesar de que o actual alcalde de Xinzo, posto a dedo polo PP no pasado mes de outubro, alega descoñecer este interese “de  momento, no tengo conocimiento de nada”. Pero Baltar sinala que “o único que estamos facendo é xestións, analizando e explicándolle aos alcaldes que requisitos teñen que reunir os terreos e sobre todo explicándolles que o que teñen que conseguir é que a sociedade estea de acordo”. De aquí deducimos varias cousas:

1.      Ou minte o alcalde popular, ou minte o presidente da deputación, porque ou hai negociacións ou non as hai.

2.      No caso, máis probable, de que si has haxa, ¿Qué se lle está explicando sobre os terreos o rexedor de Xinzo?, ¿de que xeito e forma teñen que ser?. Lembremos que o resto dos galegos non temos esta información, nada se sabe do plano de residuos aprobado o mes pasado, algo que é totalmente ilegal, como se recolle, por citar só unha referencia, o segundo artigo da Ley 4/2006, de 30 de junio, de transparencia y de buenas prácticas en la Administración pública gallega.

3.      Ó incidir en “sobre todo explicándolles que o que teñen que conseguir é que a sociedade estea de acordo” quizais se refira a que teñen que mentir de calquer xeito ós veciños da Limia para que non teña que comerse as súas propias declaracións “cunha oposición frontal dos veciños non o imos facer”. Pois a ver se é verdade, senón sempre poderán compartir empanada galega de falsas promesas cos seus colegas de Estela Eólica.

Seguindo coas declaracións do señor Baltar “Non querer unha cousa polos danos que poda causar a pode levar a outra provincia, prexudícanos igual e non levamos ningún beneficio”. Toma ya. Isto é algo así como “xa sabemos que é unha merda contaminante sen sentido ningún, pero non vos preocupedes que na paparota de cartos que imos levar, sempre quedarán unhas migallas para que recollades do chan”. E nisto debeu estar pensando cando declarou “Igual resulta que dicimos que no Ribeiro non, póñencha en A Cañiza e resulta que despois os postos de traballo vanse para Pontevedra porque supoño que o lóxico é que, se levan o óso, teñen que levar algo de carne”.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade esixe de novo publicamente que se diga abertamente cales son o tipo de negociacións levadas a cabo na procura dun lugar para a macroplanta incineradora. Con quen se están facendo estas xestións, de que xeito e de que forma. As alusións a metáforas sobre carne, ósos e demais, so exemplifica a falta de respecto que os señores do Partido Popular teñen para os seus votantes, poboación galega en xeral e para cos procesos democráticos que deben ser levados por unha administración seria, competente e onde a transparencia sexa un modelo, non unha utopía.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade pon de novo en manifesto o absoluto escurantismo levado a cabo pola administración galega no tema dos residuos e a ubicación da planta incineradora sur, deixando claro que até o momento se actuou de xeito totalmente fraudulento sen seguir en ningún momento o principio de acceso á información e participación na toma de decisións pola poboación reflexado no convenio de Aarhus, a súa transposición as directivas europeas, estatais e por último as leis galegas, saltándose continuamente a Ley 4/2006, de 30 de junio, de transparencia y de buenas prácticas en la Administración pública gallega.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade quere expresar o seu profundo malestar por este xeito de actuar que só pode traer consigo un enfrontamento entre a poboación galega, onde o único prexudicado será, de novo, o medioambiente e a propia sociedade galegas.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: