Skip to content

Amieiros do Avia

19/04/2011

O pasado xoves 14 de abril, dando resposta as inquedanzas dos nosos socios, xente de Coto do Frade reunímonos con representantes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O motivo foi manifestar a nosa preocupación polo estado en que se atopan os amieiros do río Avia e Arenteiro así como acadar información de primeira man sobre as medidas ou plans de actuación que se van levar a cabo.

 Según puidemos saber, este problema que está a acontecer cos amieiros do Avía e do Arenteiro tamén se está a producir noutras partes da conca hidrógráfica Miño-Sil, como na zona de Lugo (probablemente a máis afectada) e no Bierzo. Tamén a conca Galicia-Costa, a zona Cantábrica e a conca do Douro están afectadas en maior ou menor medida. Como vemos, xa non ten carácter local como nun primeiro momento pensabamos. Chegados a este punto o problema xa ten dimensión nacional e por eso tanto as administracións autonómica como nacional teñen coñecemento do asunto.

Según os responsables da Confederación estase a realizar un “estudio exhaustivo” para determinar tanto as causas como o alcance do problema. Neste momento non está claro que sexa un único axente patóxeno o responsable da seca dos amieiros (nun primeiro momento pensábase que o único causante era o fungo “Phytophtora  alni”), posto que hai zonas afectadas, con síntomas similares, onde o fungo non está presente.  Este estudio exhaustivo, que tamén contempla inspeccións e seguemento, estase a facer en estreita colaboración coa administración autonómica (ver para crer).

Decir que esto non é novo en Europa, e que países como Reino Unido e Alemaña xa levan anos padecendo unha seca de árbores similar, polo que tamén se espera obter información da experiencia destes países de cara á acadar unha solución.

Falamos tamén dalgunhas actuacións que anoxaron a moita xente, como é a tala dalgunhas árbores mortas nas beiras do río deixando outras sen talar. A este respecto, a Confederación está a aplicar o principio de precaución, e dicir, só se retiran as árbores que estén caendo e ou poidan representar un perigo. As outras, de momento deixaranse no seu sitio para evitar que a sua retirada poida espallar o fungo e agravar así o problema.

A partir de aquí, cando remate esta fase de estudio, elaborarase un plan de actuación que tentará recuperar as ribeiras dos ríos coa mesma especie ou con outras, que en calquera caso serán sempre autóctonas. De tódolos xeitos, a solución sempre pasará por ter un financiamento adecuado, e dicir, será cuestión de cartos.

Coto do Frade espera que tanto a Confederación Hidrográfica Miño-Sil como a Xunta sigan traballando no tema, en estreita colaboración e co mesmo interés que parecen estar manifestando, para acadar unha solución o máis pronto posible. Tamén esperamos que tanto a Xunta de Galicia como o Goberno central no escatimen cartos, que tanto abundan para outras cousas, para que a solución que beneficiará a todolos cidadáns, e non só a uns poucos, non esté limitada por un financiamento escaso.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: