Skip to content

Achegas de Coto do Frade para as eleccións municipais

10/05/2011

O vindeiro 22 de maio celebraranse eleccións municipais. Coa presentación deste documento dende a Asociación Ecoloxista queremos salientar a importancia crucial dos concellos (por mor das súas responsabilidades e competencias) á hora de realizar actuacións tendentes a acadar un modelo ecoloxicamente sustentable no noso territorio.

Por este motivo, dende a Asociación Ecoloxista Coto do Frade queremos achegar unha serie de propostas, que xa foron enviadas aos distintos partidos políticos, para seren incluídas nos programas electorais cos que as diferentes formaciónsa concorren ás eleccións de maio.

 

1.- Enerxía e contaminación

 Estabelecer como obxectivo da lexislatura a redución do 20% do consumo enerxético a través de políticas de aforro, eficiencia e xestión da demanda, aumentando a promoción das enerxías renovables e substituíndo sistemas nos lugares públicos, amais de incentivar a substitución no ámbito privado, fixando obxectivos concretos e verificable para cada tipo.

 

2.- Protexer e recuperar os espacios naturais

 Promover e executar a plantación de árbores autóctonas para recuperar os espazos degradados por mor dos incendios forestais, evitando deste xeito a erosión do solo e o asentamento de especies invasoras. Elaboración dun Plan para a eliminación da acacia a nivel local e supramunicipal. Fomento de proxectos específicos de lecer que axuden a valorar os espazos naturais (roteiros, actividades deportivas ligadas ó medio ambiente, voluntariado ambiental, etc). Recuperar as áreas fluviais controlando a calidade das augas, inspeccionando as verteduras e aplicando as sancións que correspondan segundo a lexislación vixente.

 

3.- Implantación dunha nova cultura da auga

 Neste apartado consideramos imprescindible garantir o saneamento integral das augas residuais, para elo é preciso en primeiro termo unha separación efectiva das pluviais. Acometer as obras necesarias para acadar este obxectivo ten que ser unha prioridade para os vindeiros catro anos, sin esquecer manter en perfecto estado as infraestruturas xa en funcionamento (limpeza periódica de entubados, substitución dos tramos defectuosos, etc).

 

4.- Educación ambiental

 Campañas para a concienciación cidadá como por exemplo de aforro de auga en períodos de seca, control de elementos que por falla de educación ambiental se verten dende os fogares ó sistema de saneamento, fomento do comercio xusto, xestión de residuos, etc.

 

5.- Amieiros do Avia

 Especial atención e seguimento aos amieiros das beiras do río Avia, que están sendo atacados por un fungo que provoca a súa seca. É importante estar en contacto coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, e esixir un plan de actuación para a solución deste problema así como a reforestación das beiras do río con especies autóctonas.

 

6.- Regato de Maquiáns

 Esixirlle á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que tome en serio o caso do regato de Maquiáns. Este regato está a sufrir verteduras diversas e incontroladas augas arriba do Concello de Ribadavia, tanto por parte de Carballeda de Avia como de canteiras que se atopan na zona.

 

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: