Skip to content

Vertidos de augas residuais: denuncia

02/06/2011

Don Braulio Estévez Rodríguez, con D.N.I. nº 7671XXXX-L, en calidade de Vicepresidente da Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

■ Expón:

Que ante as queixas feitas a esta asociación por un número considerable de veciños debido a presenza de vertidos de augas fecais e residuais, a altura da ponte de San Francisco, en ocasións intermitentes, sendo preferentemente o mediodía e a noite para estes vertidos, segundo nos informan no último mes.

Facendo un seguimento e constatando por parte desta asociación tales vertidos o día mércores 1 de Xuño de 2011 ás 12:50 do mediodía, chamando a Guardia Civil, que se persoa e toma fotografías de tales vertidos, advertindo ó denunciante da inminente chegada do Seprona que se encargaría de tomar mostras da zona afectada.

Constatando que estes vertidos xa foron feitos en ocasións anteriores, como o xoves 28 de Maio ás 16:50 da tarde, presenciado polo mesmo denunciante como un coche propiedade de Aqualia pasaba nese momento polo lugar, cunha persoa dentro que entraba a estación de bombeo e como nese momento paraban os vertidos, sen ningunha outra proba nin fotográfica nin doutro sentido que o constate máis que a propia palabra do denunciante.

Tendo en conta o prexuízo ambiental que isto supón para os ríos Avia e Miño, debido a que estes vertidos son de augas residuais que deberían de tratarse na Estación Depuradora de Augas Residuais E.D.A.R. de Francelos, e nunca verterse o río sen antes pasar por un proceso de depuración axeitado.

Sumando o feito de que a primavera do 2011 é a máis seca e cálida dos últimos 50 anos, o que fai máis problemático se cabe o estado ecolóxico padecido polo río Avia nos últimos anos (amieiros, seca do río, outros vertidos, …).

Tendo en conta tamén que esta zona está decretada como de pesca sen morte, o que a fixo nos últimos anos albergar unha enorme cantidade de peixes que agora están en fase alevín e que estes vertidos poden prexudicar o ciclo biolóxico destas especies piscícolas que, como se pode apreciar nas fotografías que acompañan a denuncia, algúns dos peixes adultos están comendo destes restos fecais.

Engadindo que a zona de pesca sen morte remata a escasos 15 metros da zona dos vertidos, zona moi frecuentada por pescadores debido a numerosa presenza de peixes, aseverando que o seu consumo podería ser unha fonte de problemas de salubriedade actual ou futura, podendo conter estes peixes axentes patóxenos de orixe humano, tal como bacterias enterogástricas – coliformes fecais – como por exemplo E. Coli, hoxe de moda pola crise alimentaria dos pepinos.

Verificando que a empresa encargada da xestión deste servizo de depuración de augas residuais, Aqualia, non só ten constancia de tal vertido ó río na zona referida, senón que son os propios responsables de tal desfeita ecolóxica, demostrando o pouco que lles importa a súa saúde e a dos cidadáns.

Corroborando que o Concello de Ribadavia, que se encargou de xestionar a construción do paseo do río, pero sen facer nada por manter o propio río san, coñecedor deste problema e outros que lle acontecen ó río, sen facer nada por solucionalos.

■ Declara:

Que todo o mencionado é verdade, sen ter nada máis que engadir que o mal cheiro que proviña de dito vertido e se comezaba a estender por todo o tramo de río afectado.

■ Solicita:

Se tomen as medidas sancionadoras  por parte das autoridades competentes e se teña en conta o carácter de reincidencia activa por parte da empresa Aqualia e de permisividade pasiva por parte do concello de Ribadavia.

Se adopten as medidas correctoras necesarias para que este problema non volva a ser queixa por parte dos veciños e desta asociación, á que se pide manteña informada de ditas medidas e das sancións á empresa e concello.

Fotos que acompañan a denuncia:

Cano vertendo

A vexetación e o río cubertos de residuos

O vertido extendéndose polo río

Compresas e restos de papel hixiénico

Alevíns afectados polo vertido

Peixes comendo residuos

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: