Coto do Frade denuncia: novo desastre no Avia
O río Avia apareceu estes días cheo de espuma. Non se sabe moito da posible presenza das mesmas, inda que si se pode intuír. Inda que nun primeiro momento se pensou por parte dalgúns veciños que esta espuma non era máis que as babas que proviñan das glándulas salivares dos políticos locais, nesta tempada de pacto, repacto , chupo do bote e enchufo porque me toca, ó final resultou que non, que pode ser porque anden limpando a piscina, con sabe Dios o que, ou vaia saber vostede de onde provén esta nova merda, que nos andamos ó noso.
O alcalde en funcións e concelleiros de Ribadavia, máis preocupados seica polo reparto de poderes na vila, outro dereito de pernada de catro anos sobre a poboación ribadaviense e o seu entorno, parecen máis preocupados deste reparto que de traballar en prol do ecosistema da propia vila, entendéndose este ecosistema – animais, persoas e demais fauna, conxuntamente co medio físico no que se relacionan – no sentido máis amplo da palabra.
Pode ser que anden preocupados por ver onde reparten o seu poder, para ver despois a quen lle toca máis torta dun pastel, onde os cidadáns e o medio ambiente parecen quedar relegados a un segundo plano, sempre por detrás dos intereses políticos e partidistas destes grupos, que parece repetirse no tempo, botando a teoría de Heráclito do “panta rei” – todo flúe – a tomar vento. Salvo no caso do río, claro.
É que o río si que flúe, vaia se flúe, enchido de merda semana si semana tamén, agora o que flúe por el é a espuma. Coto do Frade ven de denunciar outra lamentable actuación por parte do concello de Ribadavia. É que tiveron moita caradura ó poñernos nos seus panfletos electorais, alegando que nos apoiaban no tema dos amieros do río Avia, para gañar uns cantos votos claro, sen que ninguén desta asociación teña constancia de tal apoio, salvo na frase que ocupaba devanditos panfletos. Agora, unha vez pasadas as eleccións, mostran a súa verdadeira faciana. Nin unha palabra sobre o vertido da semana pasada, nin un control ó río e sobre este novo problema, que volve afectar a mesma zona, entre outras máis. E quizais até eles mesmos teñan a culpa. Pero non pasa nada, que despois de pactar chega agosto e Samil, e este ano, seica ten bandeira azul.
Coto do Frade recoméndalle o concello de Ribadavia que averigüe se esta espuma sae da limpeza das instalacións que eles mesmos xestionan. De non ser así, recomendámoslle que fagan un estudo serio pra averiguar quen contamina o noso enfermo río Avia e que fagan un seguimento dos contaminantes que últimamente fan perigar a saúde do noso río, así como de todo o estado ecolóxico do mesmo. Que fagan algo, pero que o fagan dunha vez.
Denuncia presentada nas dependencias da Guardia Civil de Ribadavia:
Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.
■ Expón:
Que ante as queixas feitas a esta asociación por veciños de Ribadavia debido a presenza de espumas no río Avia, dende a zona da Veronza vella até a desembocadura do río Miño, con acumulación destas espumas en diversos puntos, preferentemente no lugar coñecido como “o Muíño”.
Acudindo membros desta asociación e constatando por parte da mesma a presenza desas espumas o día mércores 8 de Xuño de 2011 ás 10:30 do mediodía, con persistencia no tempo durante todo ese mesmo día, se ben a súa presenza viuse diminuida co paso das horas, non en cambio a súa acumulación no entorno do Muíño e zonas inferiores.
Avisando desta presenza a Guardia Civil, quen acude a inspeccionar o tramo de río afectado. Chamando eles mesmos o Seprona, quen non pode acudir nese mesmo día, pero si o día seguinte, xoves 9 de Xuño de 2011.
Constatando que a mesma presenza de espuma continúa presente no río o mesmo xoves 9 de Xuño de 2011, se ben a súa intensidade é moito menor.
Sumando o feito de que a primavera do 2011 é a máis seca e cálida dos últimos 50 anos, o que fai máis problemático se cabe o estado ecolóxico padecido polo río Avia nos últimos anos (amieiros, seca do río, outros vertidos, …), o que se engade este último problema, que volve a afectar a mesma zona, entre outras, na que a semana pasada se denunciaron vertidos de augas residuais por parte desta asociación. Sumando tamén o feito de que a porcentaxe de dilución, debido a escaseza de choivas, fai que capacidade de autodepuración que ten o río vexase altamente diminuída, alcanzando esta porcentaxe cotas próximas ó cero absoluto.
Tendo en conta tamén que había pescadores na zona, que informan a membros desta asociación que as espumas veñen da limpeza da piscina municipal, sita na Veronza vella, feito repetitivo no tempo por estas datas, e que algúns dos mesmos avisaron os traballadores de que estaban emporcallando o río, sen o parecer facerlles nengún caso.
Verificando por parte desta asociación que esta limpeza das piscinas municipais é certa, nos mesmos días 8 e 9 de Xuño, cando se produce a presenza de espumas. Subindo río arriba e comprobando como estas espumas non aparecían en zonas superiores do río onde se atopa ubicada a piscina, e como mesmo xa na zona da Veronza nova esta presenza de espuma era inexistente, sen que os denunciantes poidan constatar se esas espumas en verdade proceden da limpeza das piscinas municipais ou non, ó non ter medios analíticos que o corroboren.
■ Solicita:
Se tomen as medidas necesarias por parte das autoridades competentes, as que se pide comproben as mostras efectuadas no río cos produtos empregados polos membros do concello encargados da limpeza da piscina e se comprobe, de ser certa esta asociación, cal é a posible toxicidade de ditos produtos de limpeza que se atopan tanto circulando como estancados no río.
Se adopten as medidas correctoras necesarias para que este problema non volva a ser queixa por parte dos veciños e desta asociación, á que se pide manteña informada de ditas medidas e das sancións pertinentes, no caso que proceda, ó concello de Ribadavia.
Fotografías que acompañan á denuncia:
Os comentarios están pechados.