Saltar ao contido

Quen contamina paga

15/06/2011

A Comisaría de augas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil inicia expediente sancionador contra Aqualia e o Concello de Ribadavia polos feitos delitivos denunciados por Coto do Frade o 23 de Xaneiro deste mesmo ano. Naquel momento denunciamos a rotura de sumidoiros polo paseo do río, dende a zona da Barca até a depuradora de Francelos, o que ocasionaban vertidos de augas residuais directos ó río sen pasar pola depuradora de Francelos. ¿Sóalles de algo?.

Aqualia

O apelido desta empresa, Xestión Integral da Auga, semella máis un cachondeo que unha realidade. Naquel momento, cando se denunciou o dos sumidoiros, a propia empresa tiña constancia da rotura dos mesmos, sen pretender facer nada por amañar tal desfeita. Agora, fai escasamente 15 días, volveuse a denunciar. O desastre ecolóxico era evidente. A reincidencia desta empresa faise palpable nas verbas dos seus responsables, que recoñeceron o vertido, segundo eles de forma esporádica por acumulación de residuos sólidos no sistema de bombeo, segundo Coto do Frade, e esperemos que de novo polas autoridades competentes, por deixadez nas súas funcións.

Concello de Ribadavia

Mención aparte merece o Concello de Ribadavia. Na denuncia dos sumidoiros recomendóuselles que fixesen políticas de prevención sobre o que os cidadáns da vila deberían tirar polos seus retretes, obxectos que atascaban os canos e podían ser froito deste problema, aparte da desidia de Aqualia e deles mesmos claro, o que producía un atasco no sistema debido a residuos sólidos. Lonxe de facer un exercicio de responsabilidade e tratar de solucionalo, o único que saíu naquel momento da boca dos nosos supostos representantes foi un berrinche contra esta asociación. Se aquel berrinche se convertese en responsabilidade Coto do Frade , os veciños de Ribadavia e o medio ambiente en xeral non terían que sufrir as consecuencias do novo desastre ecolóxico perpetrado por Aqualia, co permiso do Concello de Ribadavia, no mes pasado.

Pero a cousa non queda aí, oxalá. A semana pasada outra nova denuncia. A verdade é que o Concello da unha chea de traballo, pero desta volta non no Kalamúa ou no Eroski, senón nos xulgados, nas dependencias da Guardia Civil e na Confederación Hidrográfica. O río cheo de espuma. A recomendación do Coto de pescudar se esta procedía  da limpeza das piscinas a tomar vento. As labores de limpeza non paran e no río seguen apreciándose restos e acumulación de espumas. Coto do Frade non pode aseverar que estas espumas proceden das instalacións que eles mesmos xestionan, pero si pode afirmar que é un exercicio de irresponsabilidade que continúen con estas labores de limpeza sen antes concluír coa procedencia das espumas.

Así nos vai

Estamos até as narices de tanta denuncia. ¿Por qué carallo non fan o seu traballo?. ¿Por qué eles non ven o mesmo ca nos e o resto dos cidadáns?. ¿É que viven en Madrid?. Nos consta que, inda que algún deles viva en Madrid, cousa que non sabemos, si se dan paseos polo río de cando en cando e tamén teñen contactos cos cidadáns, igual ca nos. Nós non somos uns illuminati que sabemos máis ca ninguén. Nós non somos uns tocanarices desexosos de andar a poñer denuncias. O noso único desexo é o mesmo que o de todos os veciños: poder gozar dun medio ambiente san no lugar onde vivimos, onde a biodiversidade e o respecto polo medio sexan unha máxima, non un problema.

Comunicado da apertura de inicio do expediente sancionador

Coto do Frade agarda que estas sancións sexan exemplares, que non saia máis barato contaminar que cumprir coa responsabilidade. Que se teña en conta o carácter reincidente a hora de establecer as sancións. Do mesmo xeito queremos agradecer a Confederación Hidrográfica Miño-Sil a súa laboura, actuando de oficio e non permitindo que estas actuacións queden impunes.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: