Skip to content

Concurso deseño camisolas

21/06/2011

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade inicia unha nova campaña na defensa da anguía. Nos seguintes meses iremos traballando nunha serie de artigos que servirán de base para unha nova denuncia ante a Unión Europea, dado que as administracións locais, nacionais e estatais parecen non darse conta de que a solución non pasa só pola simple restrición das capturas, medida a todas luces insuficiente para unha especie cunha rebaixa poboacional dende a década dos 80 de máis dun 95%. O reto: lograr non só a supervivencia desta especie, en perigo crítico de extinción segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), senón facer pagar a todo aquel que contribuíu en deixar a esta especie ó borde da súa total extinción.

Pero desta volta imos comezar as nosas reivindicacións dun xeito un tanto diferente. A Asociación Ecoloxista Coto do Frade inicia o I Concurso de deseño de camisolas, onde o eixo fundamental é a propia anguía. Na sección de medio fluvial da Asociación podedes ler artigos antigos onde se explica a loita desta asociación na defensa da anguía, que quizás vos poidan servir de base a hora de deseñar os debuxos das camisolas. Agardamos os vosos deseños. Ánimo e moita sorte!!!

 

BASES DO CONCURSO DE DESEÑO DE CAMISOLAS COTO DO FRADE

TEMA

O tema principal será a campaña de verán encamiñada a salvagardar a presenza da derradeira especie migradora do río Miño, a anguía.

PARTICIPANTES

Aberto a todas as persoas maiores de 18 anos de calquera nacionalidade e país de residencia.

INSCRICIÓN

A inscrición é gratuíta. Os deseños presentados deben ser inéditos e as imaxes deben ser orixinais. Coa presentación do deseño e conseguinte aceptación das bases, @s participantes declaran que son autor@s das obras que presentan, que éstas son inéditas e non incorporan elementos producidos por outras persoas.

ADMISIÓN DE DESEÑOS

  • OBRAS: Cada participante pode entregar o número que desexe de deseños.
  • ENVÍO DAS OBRAS: As obras poderán ser entregadas persoalmente ou enviadas a nome da Asociación Coto do Frade ó seguinte enderezo:

Aptdo de Correos 32

32400 Ribadavia (Ourense)

Tamén se poderán enviar vía e-mail ó seguinte enderezo electrónico:

cotodofraderibeiro@gmail.com

Os deseños poden ser presentados en papel ou en formato dixital.

Cada participante deberá facilitar os seguintes datos:

– Nome e Apelidos.

– DNI.

– Dirección.

– Teléfono de contacto.

– Correo electrónico (opcional).

Os envíos serán por conta d@s participantes e libres de gastos, e deberán chegar debidamente protexidos. A organización non se fai responsable da posible deterioración ou perda das obras.

Non se devolverán as obras non premiadas nin as non seleccionadas.

PREMIO:

Establecerase un único premio consistente nun bono para dúas persoas dunha xornada de actividade de deportes de aventura para dúas persoas
a elexir (hidrospeed, rafting, descenso de cañóns… ) na zona do Ribeiro. O premio poderáse canxear polo seu importe en metálico (aprox. 100 euros).

ACEPTACIÓN DAS BASES

@s autores das fotografías, polo feito de participar neste concurso, ceden en exclusiva os seus dereitos de uso, difusión, distribución, comunicación pública, exhibición e reprodución que respondan a fins promocionais, medio ambientais e/ou culturais sobre as fotografías á Asociación Ecoloxista Coto do Frade. A Asociación manterase sempre aberta ao diálogo en caso de que @ autor@ quixera facer uso das imaxes.

CALENDARIO

Data límite de admisión de deseños: 22 de xullo de 2011.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: