Alegacións ao Plan Hidrolóxico
O pasado día 16 de xuño rematou o prazo para presentar alegacións ao borrador do Plan Hidrolóxico, que elaborou a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Limia. Este Plan Hidrolóxico pretende ser unha ferramenta útill para evitar a contaminación e degradación dos cauces, para recuperar a calidade dos nosos ríos e evitar actuacións lamentables que se teñen dado nos últimos anos.
Coto do Frade, pecando de inxenuidade, pensaba que con cumplir as leis existentes e cun pouco de sentido común sería suficiente para conseguir unhas masas de auga de calidade. Unha vez máis trabucámonos. De tódolos xeitos esperamos que este Plan Hidrolóxico cumpla os seus obxetivos e que en último termo teñamos unhos ríos dignos de ter tal nome.
Nun acto de responsabilidade, aportamos o noso gran de area en forma de alegacións, que pretenden mellorar este denso borrador de miles de páxinas, na medida das nosas posibilidades. Ainda que discrepemos en moitas cousas coa Confederación, empezando pola calidade actual das masas de auga, desexamos que esta ferramenta sexa de utilidade.
1. ACERCA DOS CAUDAIS ECOLÓXICOS
Os caudais ecolóxicos teñen xa lexislación que obriga a respetar un caudal mínimo nos cursos fluviais, que permita que estes sigan sendo sistemas vivos e dinámicos, aínda así, temos observado o seu incumprimento constante e reiterado nestes últimos anos en distintos lugares da Demarcación Hidrográfica.
Xa que neste Plan Hidrolóxico defínesde novos caudais ecolóxicos, que supomos estarán basados en criterios científicos, gustaríanos que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil tivera un papel máis activo para controlar o seu cumprimento e presionar nos organismos que procedan, para que estes caudais se respeten.
Na última reunión puidemos coñecer de primeira man que o cálculo destes caudais pode determinarse anualmente, mensualmente, semanalmente e incluso de xeito diario. Nós cremos que aquí debe primar o sentido común. Calcular un caudal diario e incluso semanal xa nos parece excesivo. Facelo de xeito estacional, tendo especial coidado na época estival ou épocas de déficit, pode ser suficiente. Co cumprimento destes caudais o que queremos non é saber si o río leva x metros cúbicos por segundo máis ou menos, o que pretendemos é evitar episodios lamentables que teñen acontecido nestes últimos anos, como por exemplo o problema do río Avia o ano pasado, que debido a labores de limpeza no encoro de Albarellos semellaba máis unha charca que un río; tamén se trata de evitar que tramos de río de varios kilómetros queden secos, como por exemplo o que hai augas abaixo deste encoro de Albarellos; ou por citar outra zona que non sexa o Ribeiro, o que acontece co río Limia tódolos anos, este rio ao seu paso por Xinzo na época estival simplemente non flue, debido ás regas abusivas.
Para elo esiximos que todalas concesións hidroeléctricas existentes se adapten aos novos caudais ecolóxicos establecidos específicamente para cada sistema fluvial en base ás novas determinacións que incorporan as directices da 2000/60/CE da DMA.
2. ACERCA DOS ENCOROS
Os encoros son un dos principais causantes da degradación dos sistemas fluviais, facendo de barreira e impedindo o normal comportamento dos cauces, así como tamén impedindo a circulación de especies acuáticas migratorias principalmente.
Solicitamos que non se concedan máis licencias de explotación hidroeléctrica, de calquera tamaño, para construcción de encoros nos ríos da Demarcación Hidrográfica Miño-Sil-Limia (DHMSL), e se revoquen as xa concedidas. Consideramos que os ríos desta demarcación xa están saturados de encoros grandes, medianos e pequenos. Para esto, pedimos que se declare á DHMSL zonas libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos.
A meirande parte dos grandes encoros teñen concesións blindadas da época da dictadura franquista, que fai moi difícil conseguir que as empresas que os explotan se comporten de xeito respetuoso coa natureza e polo tanto con tódolos cidadáns. Aínda así, non nos cansaremos de pedir en cada ocasión en que teñamos oportunidade o seguinte:
Pedimos que se inicien os expedientes de caducidade, revisión ou rescate dos dereitos concesionais daqueles aproveitamentos que incidan na deterioración do bo estado ecolóxico das masas de auga e impidan a consecución en prazo dos obxetivos fixados pola Directiva Marco da Auga, procecedendo ao seu desmantelamento se fose necesario. A este respecto, esta asociación xa solicitou a demolición do encoro de Albarellos nunha denuncia admitida a trámite pola Unión Europea, por considerar que ten suficientes elementos perxudiciais como para seguir en funcionamento.
Pedimoslle á Confederación, que dalgún xeito artelle medidas para obligar ás concesionarias dos encoros a que constrúan estruturas realmente eficaces, que permitan a circulación de especies migratorias en ambos sentidos, o que axudaría a encher os ríos de vida e de paso evitar actuacións lamentables coas que nos ten agasallado Gas Natural-Unión Fenosa no encoro de Frieira, construindo dúas estruturas que pretendían ser escalas para peixes (con axuda de cartos públicos) e que neste intre se atopan en lamentable estado de abandono e que por suposto nunca cumpliron o seu cometido.
Tamén pedimos especial vixiancia con estas empresas e neste tipo de estructuras, para que non se volvan repetir auténticos atentados medioambientais como a seca dun tramo do río Sil por parte da empresa Iberdrola no ano 2009, máis propios dun territorio sin ley que dun país “moderno”.
3. ECOLOXIA DOS RÍOS
Os puntos de control parécennos elementos moi importantes para coñecer a saúde dos ríos, o cumprimento das normas de calidade, así como para controlar a procedencia de verteduras ou contaminantes nos cauces. Deste xeito, e sen chegar a definir un número fixo de puntos de control, gustaríanos que a Confederación dispuxera dun número maior. Si esto non fora posible, o que propoñemos é que alomenos se establezan puntos de control en zonas que a nós parécennos estratéxicas como son os puntos de desembocadura de afluentes (do Miño e do Sil), que forman sub-bacías na Demarcación Hidrográfica. Parécenos interesante porque así pódese determinar dun xeito inmediato, no caso de haber verteduras contaminantes, que sub-bacía está vertendo ás correntes principais. Podendo identificar a bacía da que proceden as verteduras, pensamos que é máis sinxelo facer un seguemento augas arriba a partir de ese punto para coñecer as fontes das que proceden os contaminantes.
Temos que facer unha mención especial aos encoros. Queremos que se establezan puntos de control en tódolos encoros que permitan coñecer o estado das augas para evitar episodios de contaminación moi serios, que poñen en serio risco a saúde da poboación, como os que teñen acontecido recentemente no encoro do Umia en Pontevedra, debido á proliferación de cianobacterias.
Con respecto ás reservas naturais fluviais, os tramos de ríos así considerados parécennos claramente insuficientes. Nós, que temos unha visión do estado xeral dos cauces fluviais diferente á da Confederación, e dicir, parécenos que os sistemas fluviais están en peor estado do que a Confederación considera (visión totalmente subxetiva pola nosa parte, pero basada na opinión da sociedade coa que estamos en contacto), pensamos que hai máis tramos que poden ter esta consideración por parte da Confederación. A sociedade debería ter acceso a este tipo de reservas con moita máis facilidade do que a Confederación propón. Este tipo de reservas son interesantes para que a cidadanía poida comparar tramos de río en moi bo estado co resto de cauces, e así poder ter conciencia do que acontece cos nosos ríos e poder asumir deste xeito unha maior responsabilidade.
Pedímoslle á Confederación que exerza máis control con respecto ás zonas de regadío. Non hai máis que achegarse por algunha destas zonas para comprobar cómo se abusa desta práctica na época estival. Regar ás tres da tarde a pleno sol e cunha temperatura superior aos trinta graos, parécenos un uso totalmente irresponsable dun recurso tan valioso como é a auga. A este respecto, pode ser interesante algunha campaña de uso eficiente da auga no regadío, aínda que recoñecemos que en última instancia o responsable é aquel que emprega a auga de xeito irresponsable.
As zonas gandeiras, en xeral, empregan unha maior cantidade de fertilizantes así como de productos fitosanitarios. Aínda que a confederación afirma que non hai fontes de contaminación por nitroxeno nestas áreas (cousa que a nós resúltanos difícil de crer), gustaríanos que se fixera algunha experiencia con filtros verdes, especialmente nestas zonas gandeiras, onde distintos tipos de escorrentías poden chegar o río. Non temos constancia de que se teñan feito este tipo de experiencias que poden contribuir a controlar verteduras contaminantes tanto en zonas gandeiras como noutros sitio.
4. ACERCA DAS MEDIDAS
Como ben di o borrador do Plan Hidrolóxico: “… a finalidade do primeiro programa de medidas é a consecución dos obxetivos medioambientais basándose en criterios de racionalidade económica e sostenibilidade”.
Tendo en conta o anterior, considerando as medidas propostas no borrador do Plan Hidrolóxico, o primeiro que nos chama a atención é a gran cantidade de medidas de abastecemento de augas. Non entendemos que este tipo de medidas, que non están incluídas no Anexo VI da Directiva Marco da Auga de medidas obrigatorias, teñan tanta relevancia. Parécenos que este tipo de actuacións son máis propias doutras administracións públicas como concellos, deputacións ou governos autonómicos, que son os que teñen que garantir o suministro de auga á poboación.
En canto ás medidas de saneamento e depuración, estas si que nos parecen importantes para acadar un bo estado dos nosos ríos. É ben sabido que ademáis de evitar verteduras contaminantes, as medidas de saneamento e depuración evitan un aporte excesivo de nutrientes ao río que pode dar lugar á proliferación de algas. Pedímoslle á Confederación que considere estas medidas como básicas e non complementarias como ven reflexado no borrador. Aínda así, consideramos que a Confederación ten que ser un actor máis no seu desenrolo e financiamento, no que deberían participar, administracións locais, autonómicas e deputacións.
Dentro do plan de medidas establecido no borrador botamos de menos outro tipo de medidas que nos gustaría que se incluíran e que pasamos a relatar a continuación:
Pedímoslle á Confederación que inclúa no plan de medidas, actuacións para loitar contra as especies exóticas que deterioran os ecosistemas e consecuentemente o estado dos nosos cauces fluviais. As especies invasoras teñen unha marcada incidencia negativa na ecoloxía dos ríos, xa sexan animais ou vexetais. Neste senso, consideramos que se debe controlar este tipo de especies o máis axiña posible, antes de que a sociedade as incorpore culturalmente como autóctonas, como lle está a acontecer a acacia, que a pesares de ser unha expecie invasora, ten a súa propia festa. Pensamos que unha festa da mimosa é suficiente para honrar a tódalas especies alóctonas. Por poñer algún exemplo, especies como a ameixa asiática, o cangarexo americano ou o xacinto de auga, están sendo moi perxudiciais para os nosos ríos.
Ademáis, queremos que o plan de medidas contemple accións para protexer e preservar aquelas especies que estén en perigo de extinción, como por exemplo o cangarexo de río autóctono, o mexillón de río ou distintos tipos de rás, por citar algún. A existencia destas especies autócnonas, ademáis de preservar a biodiversidade, dan boa conta da calidade dos ecosistemas fluviais.
Outra medida que nos gustaría que se incluíra é a retirada ou o control de plantas acuáticas en certos puntos dos cauces fluviais da Demarcación, onde teñen carácter invasivo. A proliferación excesiva deste tipo de plantas, fai que consuman gran cantidade de osíxeno da auga facendolle moi difícil a vida a outras especies como os peixes.
E seguindo coas medidas de retirada, solicitamos que se poidan retirar os troncos arrastrados polas crecidas debido as choivas intensas principalmente, ou caídos ao río por diversas causas. Si a Confederación non quere asumir o coste da retirada, alomenos que permita que os concellos ou outras partes interesadas o fagan.
Gustaríanos que se levaran a cabo experiencias de repoboación nas beiras dos ríos. É unha mágoa ver que moitos tramos dos cauces están completamente espidos de vexetación. A vexetación das beiras dos ríos é probablemente a que maior transformación ten sufrido pola acción do home. Entre os seus efectos beneficiosos destacan os de regular o microclima dos ríos, asegurar a estabilidade das beiras, actuar de filtro contra contaminantes ou a non menos importante de constituir un gran valor paisaxístico e cultural.
Tamén consideramos importantes as medidas de concienciación do uso da auga. A auga será no futuro un ben cada vez menos abundante. Facer algún tipo de campaña nas zonas de regadío, ou onde se saiba certamente que existe un uso abusivo ou ineficiente, e sobre todo cos máis pequenos, pensamos que non é tirar cos cartos.
5. PROBLEMA DOS AMIEIROS
Non podemos finalizar as alegacións sin referirnos ao problema da seca de amieiros que está a acontecer en varios puntos da Demarcación Hidrográfica. Fai pouco, esta asociación mantivo unha reunión na sede da Confederación onde se nos explicou que non é un problema puntual do Ribeiro-Carballiño, senón que está a acontecer noutras zonas da Demarcación e incluso fora dela. Puidemos saber que se están a analizar as causas do problema nun estudio en colaboración con outras administracións. O que lle pedimos á confederación é que en canto remate o estudio, que esperamos sexa o máis axiña posible, se poñan en práctica as medidas necesarias para atallar canto antes este problema. Ademáis, esperamos que nas zonas afectadas se fagan repoboacións nas beiras dos ríos con especies autóctonas, enlazando así co apartado anterior onde falabamos da importancia da vexetación riparia.
Xa para rematar, ainda que somos unha asociación a nivel comarcal, as alegacións aquí propostas considerámolas para toda a Demarcación Hidrográfica, como non podía ser de outro xeito. Os feitos concretos que relatamos nelas a modo de exemplo, non o facemos como acusación directa contra este organismo, facémolo coa intención de que non se repitan e poder así aprender da experiencia que nos proporcionan.
Somos conscientes de que a Confederación ten pouca potestade con respecto algunas destas alegacións, e recoñecemos a dificultade da implantación de outras. Aínda así, non nos cansaremos de repetir as nosas reivindicacións en cada ocasión que se nos presente. Sabemos por exemplo que a Confederación non ten capacidade sancionadora. O que si lle pedimos é que interceda ante quen a ten, para evitar que non saia barato contaminar ou alterar os cauces da Demarcación, e que as medidas sancionadoras sexan “efectivas, proporcionadas e disuasorias” (2000/60/CE DMA).
Os comentarios están pechados.