Skip to content

Alegacións á nova lei de montes

13/07/2011

Coto do Frade presentou fai pouco alegacións ao borrador do que pretende ser a nova lei de montes (DOGA do 17 de xuño de 2011). Dende Coto do Frade pensamos que as leis teñen que facerse con visión estratéxica de país, e dicir, para que duren no tempo e sexan ferramentas útiles para o goberno de turno e os que veñan detras, calquera que sexa a súa cor. A este respecto xa había unha lei que estaba consensuada por tódolos partidos políticos, e que non se chegou a aprobar por falta de tempo (anterior lexislatura). Habería que preguntarse porqué agora non vale. Se cadra, este governo foi quen de mellorala el só. Tempo tiveron, posto que na actual lexislatura so se aprobaron arredor de 4 leis completamente novas. Pero como nos decimos, non se trata de cantidade, senon de calidade.

Pola nosa parte, como asociación ecoloxista incidimos nos aspectos que poden ter repercusión ambiental máis directa.

 

1  ACERCA DO CONCEPTO DE MONTE OU TERREO FORESTAL

A consideración de monte ou terreo forestal en terreos de antigo uso agrícola e con polo menos máis de dez anos continuados de abandono, non sería correcta dende o punto de vista de que suporía unha grave perda de superficie agraria, que inda que se atope en situación de abandono, si se lle aplican políticas que fomenten o seu uso como solo agrario tamén contribuiría a minimizar o abandono do rural, frear o envellecemento demográfico e a despoboación posibilitando a fixación da poboación.

A consideración de terrenos agrícolas como forestais, aínda que estén en  situación de abandono, non colabora co mantemento das explotacións existentes, xa que esta lei limita en gran medida a ampliación das actuais e a creación de novas que tamén axudarían a crear emprego e crecemento económico.

Non estamos en contra de fomentar o aproveitamento forestal nos montes galegos, pero para facer un rural ecosostible é necesario crear un equilibrio entre o uso dos montes e os usos agrarios, xa que está demostrado que a agricultura contribúe o mantemento das superficies libres de vexetación e maleza, causantes moitas veces de incendios. Ademáis os terreos agrarios en boas condicións tamén contribúen a creación de ecosistemas beneficiosos para o medio ambente, como é o caso da apicultura que contribúe a polinización nas árbores frutais, como os castiñeiros, sendo este un exemplo de compatibilidade entre o uso do monte e a agricultura.

 

2  ACERCA DOS LÍMITES PARCELACIÓNS, DIVISIONS OU SEGREGACIÓNS

Con respecto á prohibición de non realizar segregacións en terreos forestais das que se obteñan como resultado parcelas cunha superficie menor de 15 Ha, considerámola excesiva, no que a superficie se refire. Suxerimos que se rebaixe esta limitación a 5 Ha. ou inferior, xa que facilitaría o acceso dun maior número de persoas a un proxecto de aproveitamento do monte debido a que os custes de inversión serían moito menores e facilitaría  a adquisición da propiedade, non sendo unha parcelación de 5 Ha ou menor unha tendencia ao minifundismo.

 

3 OUTRAS CONSIDERACIÓNS

Solicitamos á Dirección xeral de montes que defina cales son as especies que se van a  autorizar para o aprobeitamento do monte, dando prioridade ás especies autóctonas xa definidas no ANEXO I ante outras especies que a larga se convirtan en especies invasoras e non fagan que o aprobeitamento do monte sexa sostible.

Tamén solicitamos que se defina en qué condicións se teñen que realizar as plantacións para que cumplan co concepto de sostibles largamente mencionado ó longo deste documento.

Con respecto ás distancias mínimas a respetar polas novas repoboacións forestais nos seus apartados b) h) e i) consideramos que os 10 m sinalados son insuficientes e que en caso de incendio non protexería as vivendas, explotacións e solos urbano, de núcleo rural e solo urbanizable delimitado, xa que en 10 m en especies autóctonas e 30 nas restantes as lapas, con condicións favorables, acadarían rápidamente ditas vivendas e explotacións.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: