Skip to content

Informe-denuncia río Avia

18/07/2011

O pasado venres 15 de Xullo, a Asociación Ecoloxista Coto do Frade presentou un informe-denuncia perante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, motivado polo ataque constante que está a sufrir o río nos últimos meses. Estendemos así a preocupación que moitos de vós nos fixestes chegar agardando, con este novo escrito, que se poida solucionar un problema que está a rematar coa pouca saúde que lle quedaba ó noso río e a todo o ecosistema asociado a este. Podedes ler o informe completo aquí, salvo os anexos que os podedes buscar mirando pola data de publicación, na sección de medio fluvial da nosa web. Tamén tedes un resumo do anexo fotográfico apresentado na Confederación, que podedes descargar no enlace do final. Tódalas fotos que aparecen aquí corresponden a días diferentes, o que deixa claro que isto non é algo  nin ocasional nin puntual. Gracias a todos aqueles que contribuistes coa vosa denuncia, alzando a voz para que este ataque contra o noso patrimonio non quede impune e, dunha vez por todas, atope unha solución que perdure no tempo:

Don Braulio Estévez Rodríguez, con D.N.I. nº 7671XXXX-X, en calidade de Vicepresidente da Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

Expón:

“A auga non é un ben comercial como os demais, senón un patrimonio que hai que protexer, defender e tratar como tal”. 1ª consideración da Directiva Marco de Augas.

O ataque á biodiversidade, soporte último da vida e a maior riqueza do noso pobo, constátase a diario. Un ataque a un río como o Avia, patrimonio dos galegos e galegas, que está sendo condenado ó ostracismo. Un ostracismo permitido que será a morte de todo un ecosistema, como queda patente en todo este informe-denuncia.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade, ante a insistencia dun innumerable  grupo de veciños de Ribadavia e outras zonas do Ribeiro, así como de pescadores de zonas colindantes, alarmados pola presenza de espumas no río Avia nos últimos meses, contactando continuamente con membros da asociación, dado que as chamadas ó Seprona parecen non ter o efecto desexado, como pode comprobar esta mesma Asociación, que chama ó Seprona o 30 de Xullo de 2011, entre outras ocasións anteriores, alertados de novo por veciños ante a presenza de espumas no río, dicindo o Seprona que nese momento non se pode presentar, por non ter unha patrulla que traballe de tarde -falamos das 21:45 da tarde- e pedíndolle á mesma asociación se non podemos tomar nos mostras, contestando que non, que non temos os medios para facelo. Contestándonos a Guardia Civil que non pode facer nada. Consideramos esta situación coma un agravio comparativo: nos preguntamos se chamasen por un incendio, nesta época na que se multiplican, se a Guardia Civil non se persoaría na zona, se o Seprona non traballaría de tarde, se habería medios para paliar tal desfeita, se habería comunicación entre forzas de seguridade e administración. Probablemente a resposta sería moi distinta. Sen embargo este problema, que aparece nos mesmos puntos cun período de recorrencia moi baixo, o que fai multiplicar o seu poder contaminante, non é tan visible nin espectacular como pode ser un incendio, polo que as súas consecuencias, erroneamente, non teñen a mesma consideración.

Constatando por parte desta asociación a presenza de espumas no río Avia, da que xa se presentou denuncia (Anexo I) o xoves 9 de Xuño deste mesmo ano, perante as dependencias da Guardia Civil de Ribadavia, motivadas polo seguimento que se fixo do río Avia, tamén ante as queixas dos veciños pola presenza de vertidos de augas residuais ó mesmo río Avia, presentando denuncia  tamén nas dependencias da Guardia Civil de Ribadavia o día 2 de Xuño de 2011, que tamén se acompaña neste novo escrito (Anexo II). Repetindo a presenza de vertidos de residuais o día 12 de Xullo de 2011 (Anexo III), denunciadas publicamente na nosa páxina web e ante medios de comunicación, avisando a Guardia Civil de novo, sin que se pretenda presentar, por este novo atentado, unha nova denuncia, máis que esta conxunta de toda a problemática do río, agardando se tome en conta por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Espumas no río Avia

Tendo en conta que a presenza de espumas continúa a producirse a cotío, case tódolos días e tódalas semanas, presentando esta asociación probas gráficas neste informe-denuncia, durante o pasado mes de Xuño e as primeiras semanas de Xullo que así o corroboran (Anexo fotográfico). Tendo en conta tamén que o problema dos vertidos ó río non é puntual, senón que se produce con demasiada frecuencia, por problemas na rede de sumidoiros, que conecta en certas zonas pluviais con residuais, atascando a estación de bombeo sita baixo a ponte de San Francisco unha e outra vez, con rotura de novos sumidoiros, emporcallando o río con residuos fecais, papel hixiénico, compresas e toalliñas de bebé. Por todos estes motivos consideramos máis que necesario a presentación deste escrito, esperando que se teña en conta na súa totalidade, anexos incluídos, e se lle de solución a un problema que pode acabar de rematar co pouco que lle queda de río ó Avia: o seu ecosistema.

En canto a presenza de espumas:

Sabemos que esta presenza de espumas é anterior incluso ás denuncias efectuadas por parte desta asociación, pero sen ter probas gráficas ou doutra natureza que o constaten, máis que a propia palabra desta asociación, facéndose eco das queixas feitas polos veciños da zona á mesma.

Sen descartar tampouco que a súa presenza poida deberse a acumulación de diversos contaminantes multifocais, con acumulacións quizais nos solos e que nesta época se fan máis patentes debido ó aumento significativo da temperatura da masa de auga do río Avia, por efecto das elevadas temperaturas estivais e a perda de vexetación riparia (seca dos amieiros) o que parece agravar o problema.

Engadindo por parte desta asociación que a presenza de espumas discorre por todo o tramo do río estudado, dende a zona de Leiro (con menor presenza) até a desembocadura do río Avia, non podendo asegurar de onde proceden os contaminantes que fan que estas espumas aparezan no río, pero presumindo por parte desta asociación que a súa procedencia é de zonas superiores como o Arenteiro e os seus afluentes. Que esta presenza de espumas se fai máis patente nas zonas de batemento de augas, producido polas represas que abondan no propio río, si ben estas espumas, unha vez producido este batemento, se producen de xeito intermitente, claro indicativo antropoxénico.

Máis espumas no río

Unha orixe probable da presenza de espumas debería ter como orixe o emprego de deterxentes e xabóns, o que parece quedar claro debido a que a presenza destas espumas e de carácter intermitente, é dicir, cando son empregadas no seu lugar de orixe e cando se fai máis patente a súa presenza no río. Tendo constatada esta asociación que esta circunstancia non se produce en fin de semana, polo que sospeitamos que poda ser debido a algún tipo de industria. O carácter antropoxénico así, deste tipo de contaminante, parece quedar probado.

A presenza de espumas no río é motivada por unha serie de condicións, que o cumprirse todas elas, parece que fan inevitable esta presenza. Concentración de deterxentes, temperatura da masa de auga e grao de axitación deberían ser os condicionantes desta presenza.

Na industria agrícola este emprego de deterxentes é en forma de humectantes, que forman parte da descomposición de insecticidas, herbicidas, xermicidas, funxicidas…, todos eles incluídos na lista de principais contaminantes das augas, no anexo VIII da directiva Marco da auga. A industria máis importante do Ribeiro é eminentemente agrícola, en forma de viñedos, e é ben coñecido o emprego masivo, e máis nesta época do ano, de funxicidas de base cúprica, que poden empregar nas súas composicións este tipo de humectantes. Ademais disto, a limpeza de adegas, preparándose para a vindeira vendima, podería ser outra causa probable. Pero non hai que esquecer o seu uso en simple limpeza ou no seu uso textil, en construcción, transporte, etc. De todos xeitos, esta asociación considera que este tipo de compostos, que é indubidable que discorren polo río, non son a causa principal da presenza destas espumas, senón máis ben un motivo máis de contaminación ó provocar sinerxías con algún outro tipo de vertido, que é o que nos ocupa.

O problema deste tipo de contaminantes radican nos seus compoñentes. Os compostos sódicos da meirande parte destes deterxentes son altamente prexudiciais pras masas de auga: xabón sódico ou compostos sódicos tales como perborato, silicato, carboximetilcelulosa sódicos, con alta perigosidade para as augas como tamén o son os carbonatos e fosfatos sódicos. Outros produtos perniciosos destes compoñentes dos xabóns son os aditivos tales como perfumes, axentes conservantes tales ácido etilendiamino-tetrácetico, blanquenates como TiO2, xermicidas nalgúns casos, presenza de sales solubles de calcio e magnesio.

O uso de surfactivos sintéticos tamén podería ser orixe destas espumas, sobre todo os aniónicos que conteñen hidrocarburos saturados, cunha gran persistencia na auga. Os surfactantes, destes tipo de deterxentes sintéticos, conxuntamente cunha concentración máis elevada do normal, podería ser outra posible causa desta anormal presenza de espumas, que impiden a capacidade normal de autodepuración que a propia auga contén (conxuntamente coa suba de temperaturas, propias da época na que nos atopamos, e a escaseza de augas que parecen levar os ríos galegos nestas datas de escaseza de choivas).

Espumas preto da Veronza

 Todos estes inhiben a captación normal de osíxeno das augas naturais, alterando a transferencia e disolución de osíxeno. A presenza dunha capa superficial protectora dificulta a presenza do osíxeno disolto na interfase aire-auga, ralentizando o proceso de autodepuración das correntes de auga,  o que supón unha grave ameaza para a supervivencia de practicamente tódalas especies que poboan o río. A afección sobre os invertebrados pode ser particularmente grave, cunha recolonización posterior lenta, o que fai que toda a cadea trófica atópese en perigo. A longo prazo tódolos axentes tensioactivos están demostrados como perigosos, incluso a pequenas concentracións: taxa de crecemento, desenrolo larvario e reaccións fisióloxicas vense afectadas por estes axentes. A fauna acuática ou de ribeira do río pode verse tamén afectada, polo cal, todo o ecosistema fluvial que soporta o río podería verse danado se a presenza deste tipo de contaminantes continúa nas masas de auga, incluso cando a súa presenza non é tan patente, en forma de espumas, pero a súa concentración continúa aí.

 A presenza de deterxentes nas augas inhibe tamén a actividade de bacterias celulolíticas, perturban a sedimentación primaria, alteran a permeabilidade dos solos e, consecuentemente, facilitan a penetración de microorganismos nas augas subterráneas. Ademais da posibilidade de exercer efectos tóxicos por si mesmas, a presenza de espumas nas augas teñen a posibilidade de vehicular axentes patóxenos, como bacterias, concentrar virus ou actuar de transporte para especies fúnxicas, o que se torna nun motivo de enorme preocupación para esta asociación, e que tamén debería selo para Confederación, debido a que o fungo que ataca ós amieiros (Phytophtora alni) podería empregar estas espumas como “medio de transporte”, debido a que existen innumerables amieiros mortos, pero co fungo latente, en diversos decursos do río Avia, o que pode facilitar a propagación deste problema de perda da vexetación riparia, con máis que preocupantes consecuencias, que a Confederación, coñece sobradamente.

Polo tanto, vemos que o emprego masivo de deterxentes en múltiples actividades humanas enxendra un particular tipo de contaminación motivo de innumerables prexuizos á calidade das  augas e ó funcionamento das estaciones de tratamento, tanto de augas brancas como de augas residuais. No tocante a isto gustaríanos saber se a nova Estación Depuradora de Augas do Carballiño (E.D.A.R.) ten, ou tivo, algún problema de funcionamento.

A toma de mostras e posterior análise das mesmas deberían indicar cales e en que cantidade se atopan estes compostos no río Avia, cal e a súa toxicidade e o máis importante, claves para a súa identificación e xénese no río a partir da súa natureza compositiva, é dicir, sabendo que é pódese saber de onde provén.

Volvemos repetir, a súa presenza pode deberse a un problema multifocal, que estea envelenando ós nosos ríos pouco a pouco, facéndose máis patente en épocas estivais, debido a presenza de calor que aumenta a cantidade de espuma, a parte visible dos deterxentes, nos ríos. A toma de mostras vólvese así fundamental para atopar unha orixe a este problema.

En canto ós vertidos da rede de depuración de augas:

Chamarlle depuración de augas ó sistema que actualmente ten o concello de Ribadavia é algo así como chamarlle benefactor da humanidade a Radovan Karadzic. O sistema ten un grave problema no seu deseño, unindo os colectores de pluviais con residuais nunha mesma rede, o que provoca que ante choivas abundantes o sistema colapse e  verta directamente ó río. Nese intre o río convertese en charca.

Novo vertido ó río:obsérvanse compresas e toalliñas de bebé

Este problema de deseño debería ser coñecido pola Confederación, a quen lle queremos lembrar que é responsable última da verificación da saúde do río e da súa depuración, coa concesión da autorización ó Concello de Ribadavia para a depuración de augas co número de referencia V/32/00120, no ano 1998, na que establecía unhas condicións, que hoxe en día e coa aparición da Directiva 2000/60/CE (Directiva Marco da Auga), deberían ser claramente revisadas. O artigo 4 desta Directiva, na que se fala de “…aplicar as medidas necesarias para previr o deterioro de tódalas masas de auga superficiais…” parece quedar no limbo. A aparición de causas excluíntes no devandito artigo da presente Directiva – apartados 6, 7 e 8 – non son de aplicación neste caso. O cal demostra que se está saltando á toureira esta Directiva de referencia.

 Ademais disto, cremos que tamén se está conculcando de xeito explícito, con coñecemento da Confederación, a Directiva 91/271/CEE do Consello, de 21 de maio de 1991, sobre o tratamento das augas residuais urbanas, concretamente o artigo 4 de dita Directiva, algo que consideramos de extrema gravidade e con sancións por parte de Europa. Consideramos que se o Tribunal de Xustiza da Unión Europea soubese deste, e probablemente doutros casos, declararía de novo as administracións galega e estatal como culpables. A administración europea xa admitiu a trámite o informe denuncia sobre a situación do río Avia, que presentou esta asociación polo atentado ecolóxico sufrido por este río, no período Maio-Novembro de 2009, con hábitats prioritarios presentes –os mesmos que se ven agora afectados como se mostra naquel informe-denuncia que recomendamos, por presente a pesar do tempo que pasou, botarlle unha ollada na sección de medio fluvial da nosa web –un ano para a súa elaboración e admisión a trámite, e outro escaso dende aquelas- o que sumar este novo desastre, que deixa patente que de novo, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, parece ser un quero e non podo, cunha xestión que deixa moito que desexar.

A Confederación Hidrográfica xa iniciou expediente sancionador contra Aqualia e o concello de Ribadavia, comunicando a esta asociación o acordo de incoación con data de saída de 4 de abril de 2011, co número de referencia S/32/0007/11/V, motivada pola denuncia feita por esta asociación, debido a rotura de sumidoiros polo paseo do río, debido ó erro no sistema de deseño que vimos denunciando. Pero o problema continúa. As sancións non son suficientes e agora o que pedimos é que a Confederación se implique no problema de saneamento do río. Contaminar sae barato. Pequena multa económica, tirón de orellas, e as conciencias quedan tranquilas. Pero ó non aplicar, como aparece recollido no artigo 23 da directiva marco da auga “sancións efectivas, proporcionadas e disuasorias”, o problema continúa. A sensación de impunidade que se lle da á sociedade é patente e, o atentado ecolóxico que ven sufrindo o río Avia dende fai uns anos, permitido pola Confederación.

Ademais disto, a acumulación de vertidos no sistema de bombeo, fai que Coto do Frade presente unha nova denuncia (anexo III), o día 12-07-2011, de xeito público e avisando a Guardia Civil. Compresas, tampóns, papel hixiénico e contaminantes fecais volven aparecer ese día no río. O anexo fotográfico, que tamén debería ter a Guardia Civil de Ribadavia ou o Seprona, así o constatan. O que non poden recoller as imaxes é o cheiro nauseabundo que procede  do río e que, de seguir así, se vai converter en habitual. Algo que consideramos moi grave e que se manifestou tamén ese mesmo día -como nos explicou o alcalde de Ribadavia nunha reunión de urxencia mantida entre el e está asociación-, na rotura, unha vez máis, de sumidoiros por todo o paseo do río.

Nos atopamos, de novo, coa rotura de sumidoiros

Está moi ben a presenza e construción de paseos polas beiras de diferentes ríos, que enchen follas de periódicos e fan que a Confederación quede estupendamente ante a opinión pública. O que parece unha desfachatez e que se pretenda, como é intención da Confederación e do concello de Ribadavia, a construción dun novo paseo no río cando eses cartos se deberían empregar para a renovación do sistema de colectores e estación de bombeo. Deste xeito o río quedaría limpo e o seu sistema ecolóxico sería moito máis doado de manter, sen ter que pensar en emendas posteriores. O mellor é previr, porque cando se pretende curar, as veces, é demasiado tarde.

Por todo elo, parécenos probado o ataque a todo o ecosistema do río. A bibliografía é clara o respecto e non imos facer aquí un análise pormenorizado, demasiado largo e pesado, xa que ademais nos consta que os técnicos da Confederación a coñecen a perfección. O que si nos parece algo a salientar e a incoherencia entre isto e o bo estado ecolóxico das augas, que continuamente se honra en dicir a Confederación, alá por onde vai. Se isto é un bo estado ecolóxico das augas, deixando o físico-químico aparte, que baje Dios y lo vea.

Solicita:

–          Que se faga un análise pormenorizado, non só das características físico químicas do río, senón tamén dos indicadores biolóxicos, co motivo de avaliar de xeito completo, veraz e verificable o estado ecolóxico deste.

–          Que este análise teña unha duración non inferior a un ano natural.

–          Que se envíen a esta asociación os análises dos últimos 5 anos feitos ó río Avia e os seus afluentes, que obren en poder da Confederación, co motivo de poder comparalos entre si e cos novos análises que vimos solicitando.

–          Que se investiguen todo este tipo de feitos de maneira máis exhaustiva e transparente, co fin de que sexa posible depurar as responsabilidades dos mesmos e aplicar as sancións pertinentes, no seu caso.

–          Que se fagan públicas as sancións que se apliquen para non dar unha sensación de impunidade ante a sociedade.

–          Que exista unha comunicación efectiva entre Concello de Ribadavia e Confederación co fin de paliar, dunha vez por todas, as deficiencias na rede de saneamento de augas.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade está disposta a colaborar con todo aquilo que a Confederación estime oportuno, aportando o noso traballo para todo o que se requira. O noso único interese é a eliminación dun problema que leva demasiado tempo preocupando a poboación do Ribeiro. Non pretendemos que este escrito se tome como un ataque contra a Confederación.

Descarga aquí o resumo do anexo fotográfico apresentado na Confederación:

http://www.megaupload.com/?d=HUZ0X6AE

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: