Skip to content

Non haberá remonte de anguías este ano

24/08/2011

Informamos a tódolos socios, e non socios por suposto, que este ano a Asociación Ecoloxista Coto do Frade non procederá a súa práctica habitual de remonte desta especie. Tras moitos debates internos dentro da asociación chegouse, xa fai unhas semanas polo que pedimos desculpas pola demora do comunicado, a este acordo debido a que o acto simbólico de Coto do Frade no remonte de anguías -simbólico pero no que segundo datos propios temos liberado máis de 150.000 anguías durante estes 16 anos (unha media de algo máis 11 quilos de anguías por tempada, considerando que cada quilogramo contén unha media de 800 crías de anguía -estadío entre angula e anguía adulta-, nós da este magnífico resultado que fixo que a especie non estea completamente extinta no Miño hoxe en día)- foi tomado como dogma de fe pola administración -esquecéndose de facer cumprir as leis e non obrigando a Gas Natural Fenosa a construción de dispositivos eficaces que permitan o remonte de especies migradoras- pensando que con iso xa sería suficiente para ternos contentos. Nin moito menos. Tódalas especies migradoras do río Miño son de igual importancia e, inda que a anguía estea hoxe en día catalogada como en perigo crítico de extinción, non nos imos esquecer do resto de especies migradoras. A simboloxía da anguía englobaba ó resto de especies, algo que a administración nunca comprendeu, o que fai que hoxe en día máis especies se atopen ameazadas. E, de seguir así, a ameaza se concretará en extinción.

Hoxe en día a administración (segundo as súas propias palabras e das que non temos probas), conxuntamente coa concesionaria da explotación, encárganse do remonte de anguías -claro indicativo de que os dispositivos postos pola concesionaria non funcionan-, grazas a presión exercida por esta asociación durante todos estes anos. Só o fan dous días a semana e só na época estival, esquecéndose do resto das especies migradoras, o que claramente conculca as leis de referencia na materia.

Pero que ninguén se preocupe. A loita da anguía é buque insignia desta asociación e, inda que este ano non fagamos o seu remonte, continuamos coa loita. Esta asociación leva xa un tempo preparando unha denuncia contra Gas Natural Fenosa polos feitos levados a cabo por esta no encoro de Frieira. Probablemente esta denuncia sexa entregada no vindeiro mes de setembro deste ano ante a Fiscalía de Medio Ambiente.

Deste xeito completamos este ano unha loita na defensa da anguía un tanto diferente a doutros anos, que comezaba cun concurso de deseño de camisolas, coa anguía como tema principal, que fará que a nosa loita sexa un pouco máis visible na rúa. O concurso, fallado recentemente, foi gañado por Jacobo García cun deseño que nos lembra o traballo desenvolvido por esta asociación durante todos estes anos: unha anguía sendo recollida nunha rede de pesca como as que nós empregamos durante estes anos.

Jacobo García co presidente do Coto

A continuación expoñemos tamén unha serie de cartas que mantivemos nos últimos meses cos responsables de medio rural, co gallo do remonte de anguías, e a contestación que lle vimos de mandar no día de hoxe e que consideramos contén información de interese e que tamén forma parte deste artigo.

petición Coto remonte de anguías

contestación de medio rural

Grazas a tódolos soci@s e ós membros de anteriores xuntas directivas desta asociación. A luita continúa.

 Escrito de hoxe ante Medio Rural:

Á atención de Don Ricardo I. Vecillas Rojo

Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense

 

Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.

En contestación ó seu escrito dirixido a esta asociación, con data 8 de agosto de 2011 e número de saída 14639, en resposta ó escrito feito por esta asociación con data de 21 de xullo de 2011 e número de entrada 2011/631.

Expón:

1º.- Non nos contesta en canto a petición de remonte de anguías, como ven sendo habitual nos últimos quince anos por parte desta asociación, o que deberemos considerar como silencio administrativo positivo.

2º.- Vostede asegura que o remonte de anguías se está producindo, realizándose entre o Servizo de Conservación da Natureza (o mesmo que permite cazar nos vedados, nas zonas de adestramento de cans e organizar campionatos de matar raposos, feito este, entre outros, que nos fai dubidar da súa palabra) e persoal da empresa concesionaria. Nos pedimos verificar, como feito da participación cidadán en materia de medio ambiente recollida en diferentes leis, o servizo que vostedes din estar a levar.

Do mesmo xeito queremos sinalar que vostede confunde verificar (comprobar ou examinar a verdade dunha cousa) con supervisar (exercer a alta inspección en determinados casos). A nosa petición, sempre de boa fe, tiña a finalidade de simplemente ver como se estaban levando e en que condicións estes traballos. En ningún caso pensabamos en exercer unha inspección superior a que vostedes levan, sabendo que nos non estamos por riba de vostedes nin, moitísimo menos, por riba da concesionaria. Dende logo se isto fose así, outro galo cantaría.

3º.-Vostedes están permitindo continuamente a conculcación de leis por parte da concesionaria, sendo participes ademais da mesma. Isto non é algo que nos inventemos, está recollido no preámbulo da Lei 5/2006, de 30 de Xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos:

“Los principios de prevención, de evaluación de impacto ambiental, de información pública, de participación ciudadana, de educación ambiental… en los que se basa la Ley 1/1995, de 2 de enero, de protección ambiental de Galicia, no se materializaron en el caso de los ecosistemas fluviales. Diversos aspectos de la Ley 7/1992, de 24 de julio, de pesca fluvial de Galicia, están teniendo una aplicación deficiente, al igual que la normativa de evaluación de impacto ambiental, siendo manifiesta la necesidad de evaluar el impacto global de planes y programas mediante una evaluación estratégica de los mismos.”  

Esta mesma lei de pesca fluvial, no seu artigo 23 di:

“Las solicitudes y proyectos de todas las presas, diques o canales que se pretendan construir en las masas acuícolas al objeto de facilitar las migraciones periódicas de los peces a lo largo de los cursos fluviales deberán presentar:

  1. El estudio de evaluación del impacto ambiental, en su caso.
  2. La previsión de la pertinente escala, paso, esclusa o cualquier otro dispositivo que permita su remonte para especies migratorias.
  3. El mantenimiento en todo tiempo del caudal ecológico que habrá de verter por la escala o por el paso necesario para asegurar el movimiento natural de las especies.”

Parece pois demostrado, dado que se precisa do Servizo de Conservación da Natureza, que os dispositivos (mecanismo ou artificio disposto para obter un resultado automático) existentes na presa de Frieira, e no seu novo aproveitamento, non funcionan nin funcionaron nunca. A permisividade da consellería, e por ende da Xunta, coa concesionaria da explotación hidroeléctrica e tan manifesta que incluso, como se recoñece na carta que nos acaban de enviar, no traballo de remonte de anguías “interveñen axentes da autoridade (axentes forestais e medioambientais desta Xefatura Territorial)”.

Os axentes da autoridade da xefatura territorial, e a propia Xunta, non só non obrigan a Gas Natural Fenosa a cumprir a lei, senón que inda por riba axudan a esta empresa a conculcar a lei, facéndose deste xeito participes do delito. E, inda por riba, poñendo a súa disposición medios propios pagados por todos. Benefician os intereses privados dunha empresa, que ademais está propiciando a desertización biolóxico do río Miño, por riba dos intereses cidadáns e do patrimonio natural.

Se se nos permite faremos un simil para que poidan observar a incoherencia de tal actuación (a intervención de axentes da autoridade para axudar ó remonte de anguías, se entende): un home vai camiñando pola rúa, en claro estado de embriaguez, cando se achega o seu coche para collelo e marchar a casa. Nese momento uns axentes da autoridade que o ven se achegan até el pero, lonxe de multalo ou tratar de coaccionalo para que non se suba ó seu coche, un dos axentes da autoridade se sube ó coche do borracho, coa ridiculez de que o borracho vai inda por riba de copiloto, indicándolle o camiño, e o leva a súa casa, onde o deixa san e salvo. O esperpento deste cadro remata coa parella do axente vindo detrás destes co coche patrulla, para volver levar ó axente-piloto de volta ó lugar onde estaban patrullando, gastando deste xeito combustible do coche patrulla que é pagado por todos os cidadáns.

O simil parécenos bastante claro. A ningún cidadán se lle permitiría tal actuación. Só ás grandes empresas, entre as que se contan as enerxéticas, se lles concede tal dereito de pernada. E así nos vai.

Recomendamos neste senso, e ademais doutras moitas leis que se saltan de xeito sistemático, pero non queremos alongar este escrito máis do necesario dado que coñecemos a inoperanza da administración, que lle boten unha ollada a Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y la Biodiversidad, onde no seu preámbulo se di:

“la ley establece que las Administraciones competentes garantizarán que la gestión de los recursos naturales se produzca con los mayores beneficios para las generaciones actuales, sin merma de su potencialidad para satisfacer las necesidades y aspiraciones de las generaciones futuras, velando por el mantenimiento y conservación del patrimonio, la biodiversidad y los recursos naturales existentes en todo el territorio nacional, con independencia de su titularidad o régimen jurídico, atendiendo a su ordenado aprovechamiento y a la restauración de sus recursos renovables.

Los principios que inspiran esta Ley se centran, desde la perspectiva de la consideración del propio patrimonio natural, en el mantenimiento de los procesos ecológicos esenciales y de los sistemas vitales básicos, en la preservación de la diversidad biológica, genética, de poblaciones y de especies, y en la preservación de la variedad, singularidad y belleza de los ecosistemas naturales, de la diversidad geológica y del paisaje.”

A única explicación intelixible á falta de coherencia disto coa labor feita pola administración ó longo dos anos é declarar a esta de incompetente.

4º.- Non nos conten milongas en canto o Regulamento (CE) 1100/2007 do Consello de 18 de setembro de 2007, no que o consello da Unión Europea instaba ós países membros a tomar medidas para a recuperación da poboación da anguía. No seu momento o plan galego que se enviou a Unión europea foi ridículo: dous meses de veda entre novembro e decembro do 2010. E con iso pretendían permitir a fuga ó mar do 40% de anguías no suposto de que non houbese ningunha influencia antropoxénica, obviando deste xeito o resto de medidas propostas polo propio Consello Europeo: medidas de repoboación; medidas estruturais para facer os ríos máis transitables e mellorar os hábitats, xunto con outras medidas ambientais; loita contra os depredadores; desconexión temporal das turbinas de produción hidroeléctrica; e medidas relativas á acuicultura.

Observamos, así mesmo, unha clara incoherencia entre que esta consellería diga que en cumprimento deste Plan -o plan de xestión da anguía, se entende- se estean repoboando os afluentes do río Miño coas anguías recollidas na presa de Frieira e, en cambio, se nos asegure por outra parte que este servizo lévase facendo dende fai anos. Ou isto se fai en cumprimento do plan ou se leva facendo dende fai anos, as dúas cousas xuntas non. Por sorte non teremos que recorrer a física teórica para resolver tal incongruencia, a simple lóxica é suficiente para resolver este acertixo espazo-temporal: tendo en conta que o plan de xestión da anguía foi aprobado o 1 de outubro de 2010, por decisión da Unión Europea (a Unión europea aprobou o plan galego ó ser habilmente introducido entre o resto de plans, 12 en total, do Estado español)  e, en cartas anteriores a esa data en posesión desta asociación, se asegura que isto xa se leva facendo anos atrás, consideramos que se nos está tratando de enganar de xeito sistemático. Do que non temos nin idea é da motivación destas mentiras. Vostedes saberán os beneficios que sacan disto.

5º.- Consideramos máis que insuficiente que o remonte de anguías se estea realizando dous días a semana, luns ou martes e venres. Ademais supoñemos que en “horario de oficina”. Nos non temos constancia de que as anguías sexan coñecedoras de que os servizos de conservación, axentes da autoridade e persoal da concesionaria traballen normalmente de mañán e só dous días á semana. Se existe algunha información ó respecto de que as anguías sexan coñecedoras deste punto, rogamos se nos comunique.

Ademais consideramos que se nos volve mentir neste punto. En canto recibimos a súa notificación, o pasado 8 de agosto, agardamos até o venres seguinte, que é un dos días seguro onde se realiza, supostamente, o remonte de anguías segundo o comunicado que recibimos. Pasamos toda a mañán agardando a que alguén aparecese pola zona. Nin medio rural, nin medio ambiente, nin axentes forestais, medioambientais, xente de Gas Natural Fenosa, ninguén. Quizais nos equivocáramos de sitio e esa suposta recollida de anguías “nunha instalación privada da concesionaria suxeita a medidas de seguridade estritas”, non fose no lugar habilitado fai uns anos coa construción, ilegal por certo, da nova central que turbina o caudal ecolóxico do río Miño. Instalación esta pro remonte de especies piscícolas cun rendimento, máis que baixo, simplemente nulo. Se existe outro lugar marabilloso feito pola concesionaria pro remonte de anguías rogamos, como parte interesada, se nos comunique. Se non existe lle comunicamos que Alicia en el País de las Marabillas xa está escrito e o plaxio está mal visto.

Ademais disto dise que esta actividade “estase a realizar dende o mes de xullo…. e estenderase ata que finalice a subida de anguías normalmente a finais de agosto.” É dicir que o resto de especies migradoras do río Miño como o salmón atlántico -especie que nos consideramos xa extinta neste río dado a nulidade das súas capturas en anos precedentes-, o sábalo ou alosa – recollido no catálogo de especies en perigo de extinción do Catálogo Galego de Especies Ameazadas- a troita marisca ou reo e a lamprea – cuxa homóloga da zona Ártabro galega xa está considerada como en perigo de extinción no catálogo antes mencionado-; non teñen ningunha posibilidade de remonte ó outro lado do encoro, ó non producirse ningún tipo de remonte manual, o que fai imposible o seu remonte, dado que este encoro o impide claramente. Deste xeito vólvense a conculcar as leis vixentes xa que non se garante o libre tránsito polo río destas especies.

O acto simbólico de Coto do Frade no remonte de anguías -simbólico pero no que segundo datos propios temos subido máis de 150.000 anguías durante estes 16 anos- foi tomado como dogma de fe pola administración, pensando que con iso xa sería suficiente para ternos contentos. Nin moito menos. Tódalas especies migradoras do río MIño son de igual importancia e, inda que a anguía estea hoxe en día catalogada como en perigo crítico de extinción -pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), estamento de referencia  na Unión europea, porque xa sabemos que vostedes van moi por detrás-, non nos imos esquecer do resto de especies migradoras. A simboloxía da anguía englobaba ó resto de especies, algo que vostedes nunca comprenderon, o que fai que hoxe en día máis especies se atopen ameazadas. E, de seguir así, a ameaza se concretará en extinción.

Coa anguía xa conseguiron que o seguinte paso sexa que desapareza en estado salvaxe. Co resto de especies, a pesar estas de resistirse, van polo mesmo camiño. Dende aquí recomendámoslle que recapaciten e traten de solucionalo -cremos que ida están a tempo-. Pensamos que sería máis interesante nun futuro para o xefe territorial deste servizo que se poida comer unhas anguías frescas collidas do río Miño, con todas garantías, antes que as conxeladas dalgunha piscifactoría valenciana que degustou na pasada festa de Castrelo. Cremos tamén que, debido a importancia da entidade que dirixe, debería vostede de predicar co exemplo e non participar dunha festa de degustación dun animal en perigo crítico de extinción. Agardamos non se lle atragantaran.

6º.- Queremos tamén comunicarlle ó organismo que dirixe si é consciente dun fenómeno biolóxico que levamos constatando dende fai uns anos e que é un claro indicativo de que o encoro é un muro de formigón que impide o remonte das especies piscícolas: a aparición de muxos ou mujeres ó pe do encoro na época na que as anguías se achegan a este. O pasado domingo día 7 de agosto podíanse contar, en grupos de centos, a miles. Estes peixes mudaron os seus hábitos alimentarios e biolóxicos, subindo na época estival até o pe do encoro, acompañando as anguías no seu remonte. Unha vez alí gozan dun festín de difícil comparación: só teñen que esperar a que as anguías vaian chegando e, xa que estas non poden remontar o encoro, abrir as bocas e papar. Con isto prodúcese, ademais, un claro desequilibrio biolóxico a nivel de biodiversidade: unha especie, ademais neste caso con escaso valor alimentario e económico pro ser humano, prolifera mentres que outra sucumbe á súa desaparición.

Isto podería englobarse dentro das medidas propostas polo Consello Europeo dentro do Regulamento (CE) 1100/2007, nas medidas para a recuperación da poboación da anguía, no apartado de loita contra os seus depredadores, que vostedes obvian sistematicamente.

Por todo isto e en virtude da Directiva 2003/4/CE del Parlamento Europeo y del Consejo, de 28 de enero de 2003, relativa al acceso del público a la información medioambiental na que se especifica que:

El acceso a la información en materia de medio ambiente que obre en poder de las autoridades públicas es una condición fundamental que permitirá mejorar la ejecución y el control del Derecho comunitario de medio ambiente.

Se considerará información sobre medio ambiente aquella que se incluya entre los ámbitos que se enumeran a continuación: cualquier información disponible en forma escrita, visual y sonora o en forma de base de datos sobre el estado de las aguas, el aire, el suelo, la fauna, la flora, las tierras y los espacios naturales, así como la relativa a las actividades o medidas que les afecten o puedan afectarles y a las actividades o medidas destinadas a protegerlas (incluidas las medidas administrativas y los programas de gestión del medio ambiente).”

E a súa transposición a Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente. Tamén queremos facer referencia á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, que obriga, nos seus principios xerais, a difundir esta información.

Solicita:

Que se nos envíen os informes relativos á cantidade -expresada esta en kg ou en número de individuos- de anguías remontadas dende o encoro de Frieira, deste ano e de tódolos anteriores que obren en poder da consellería. Tamén pedimos que se nos informe exactamente de que ríos se están a repoboar con estas e que o modelo que se nos entregue sexa unha copia do oficial.

Que, en virtude da información científica que vostedes posúen, actúen de oficio e inclúan á anguía dentro do catálogo galego de especies ameazadas, directamente dentro da categoría de especies en perigo inminente de extinción. Así nos aforrarán a nós un pouco de papeleo (xa nos imaxinamos que non o van facer e nos deixarán todo o traballo a nós, pero por pedir que non quede). De todos xeitos isto é o menos importante de todo dado que dende que se aprobou o Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o catálogo galego de especies ameazadas e as súas posteriores modificacións sendo a última no Decreto 167/2011, publicado no doga o 12 de agosto de 2011, non se aprobou ningún plan de conservación nin de recuperación destas especies. Que a única defensa que se fai das especies ameazadas sexa escribilas nun papel é un claro indicativo da desidia da administración e da súa incompetencia.

Aquí tamén observamos unha clara incoherencia entre que se aporten 25 millóns de euros para a recuperación da biodiversidade na Serra do Invernadoiro -feito que por outra parte loamos- e en troques non se faga nada para a recuperación doutras especies e habitats cando estes están sendo claramente atacados. Pero claro, desta volta quen destrúe é unha grande enerxética e, neste punto, parece que a aplicación das leis se fan de xeito irregular, sempre primando os intereses privados ós do ben común.

Por último pedimos que, por favor, se lean as leis anteriormente mencionadas relativas ó acceso do público á información medioambiental e de participación pública en materia de medio ambiente. Deste modo, se o volvemos solicitar, saberán que non poden negarse a que vexamos como fan este remonte de especies e, incluso, poderiamos axudarlles dado que levamos máis tempo facendo este traballo, e dun xeito probablemente máis eficiente e entusiasta, ca vostedes. Negar a nosa axuda e a intercesión por parte da administración, tal e como recolle a lei, entre nós e a concesionaria para poder acudir as instalacións de Frieira para observar os traballos de remonte de especies, é un claro indicativo de quen manda aquí e do que lles importa a vostedes a biodiversidade versus beneficios económicos privados.

Sen outro particular, aproveitamos a ocasión para enviarlle un agarimoso saúdo.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: