A Confederación contestanos e nós lle replicamos
Como sabedes o pasado 15 de Xullo enviamos un informe denuncia á Confederación Hidrográfica Miño Sil co gallo dos problemas que lle acontecen ó río Avia. Xa temos a resposta que podedes observar no escaneado que aparece a continuación. Cremos que a Confederación fixo unha interpretación incorrecta e sesgada do informe que nós lle enviamos, co cal volvemos a enviarlle un novo escrito que podedes ler despois da resposta escaneada da confederación, máis amplo incluso que o anterior e que podedes ler a continuación.
Tamén nos gustaría engadir que esta tarde, as 18:30 aproximadamente, estaremos na ponte de San Francisco. Imos instalar unhas pancartas na ponte, por onde pasa o río Avia e que foi motivo de denuncias nesa zona este ano por vertidos e espumas. Despois faremos unha entrega de panfletos a nivel particular por casas e poremos, nos baños dos bares que nolo permitan, unha serie de claves a seguir polos usuarios que eviten a saturación da estación de bombeo por compresas, toalliñas e demais obxectos que non deben ser tirados polo retrete dado que non son biodegradables. Completaremos así unha actuación de concienciación cidadán que consideramos imprescindible e que o concello de Ribadavia fixo de forma deficiente só para cumprir coas promesas que dende a institución se nos fixeron.
Graciñas pola vosa atención.
Contestación de Coto do Frade no día de hoxe a esta resposta da Confederación Hidrográfica
Á atención de Xoán Nóvoa Rodríguez
Comisaría de Augas da Confederación Hidrográfica Miño Sil
Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.
En contestación ó seu escrito dirixido a esta asociación, con data 17 de agosto de 2011 e número de saída 8253, en resposta ó escrito feito por esta asociación con data de 15 de xullo de 2011.
■ Expón:
1.- En relación cos feitos denunciados no anexo I e que vostedes tiveron coñecemento a través da nosa páxina web:
– En ningún momento facemos referencia a un deficiente funcionamento da E.D.A.R. de Francelos. Non sabemos de onde sacan esta información pero dende logo non aparece recollida nin no anexo nin na nosa páxina web (no día referido). Alegrámonos de que a toma de mostras no vertido da E.D.A.R. de Francelos reflectisen uns parámetros normais en cumprimento da autorización do vertido vixente, pero volvemos a repetir: nos nese sentido non denunciamos nada. De todos xeitos está ben que se persoen de vez en cando polas distintas depuradoras galegas para comprobar os parámetros dos vertidos.
– O mesmo día 10/06/2011 vostedes, a través da Gardería Fluvial, realizaron unha inspección da zona da Veronza, constatando que naquel momento non observaron vertidos susceptibles de provocar espumas. Neste punto consideramos que están facendo unha interpretación deficiente do noso escrito e que se nos están ofrecendo respostas sesgadas da súa actuación co ánimo de manternos contentos. Como xa explicamos as espumas aparecen de xeito intermitente no río, se nese momento non había espumas sería moi difícil averiguar de onde proceden os vertidos -no caso de ser vertidos-. O que está claro é que o río apareceu este verán cheo de espumas en repetidas ocasións -como se observa nas fotografías datadas que lles enviamos e que só eran unha pequena mostra do que ocorre-, se vostedes so viñeron un día a ver que pasaba e non ofrecen máis solución que dicir que ese día todo estaba ben, é que non teñen unha intención clara de dar solucións a este problema. Como xa dixemos anteriormente un estudo pormenorizado, non só a nivel analítico senón tamén a nivel de vixiancia, sería o único método eficaz para averiguar a orixe das espumas e darlle solución a un claro problema de contaminación que se pode agravar co paso do tempo.
Temos constancia de que existen máis ríos galegos con presenza abundante de espumas e de xeito semellante ó que ocorre no Avia. Se vostedes opinan que un río cheo de espumas é un río san, apaga e vámonos. Isto é un problema, quizais de contaminación multifocal, nunca visto e que está acontecendo nos derradeiros anos en ríos de todo o país. A solución quizais sería atallar os problemas que provocan a contaminación dos ríos, antes de que esta sexa demasiado manifesta e se teñan que poñer medidas paliativas como ocorre hoxe en día nas Conchas. Do das Conchas sa sabían anos atrás e nunca fixeron nada e, agora, así nos vai. A prevención é a medida máis eficaz e barata para solucionar os problemas de contaminación. Adoita ser máis barato previr dende o principio a degradación e a contaminación que palialas cando o mal xa está feito. A ver se se aplican o conto e falan coas distintas institucións e tratan, entre todos, de minimizar a carga contaminante que chega ó río. Empezar por aí sería un bo comezo, só hai que ter o ánimo de facelo.
Pero bom, se quen preside esta institución o que di é que para solventar os problemas da contaminación a única solución é que chova…Sabemos de sobra que hai técnicos comprometidos dentro da Confederación, a ver se saen a luz e cambia o modus operandi desta institución. Senón recomendámoslle dende aquí que busquen os máis indios da CHMS, guiados todos polo señor Liñares, e se dediquen a invocar a danza da choiva por aí diante. A ver que pasa. Dende logo agardar a que a meteoroloxía sexa a única que faga algo por ter unhas augas máis limpas parece un claro exercicio de incompetencia.
– Non nos parece nin mal nin ben que volvan a incoar expediente sancionador o Concello de Ribadavia polo da limpeza das piscinas, pero volvemos a repetir: as sancións como medida coercitiva non son suficientes. Impoñer sanción tras sanción é unha estupidez se non se atalla o problema real. Se a Confederación non se implica no problema o río vai seguir contaminado e o Concello de Ribadavia con 300 euros menos. Se iso é unha solución eficaz que baje Dios y lo vea.
2.- En relación cos feitos denunciados no anexo 3:
Está ben que ós señores da Confederación lles quede o cu descansado dicindo que os desbordamentos foron puntuais e fortuitos, e que despois digan que pola choiva intensa a capacidade da rede de saneamento de tipo unitario veuse desbordada. Como dixemos no escrito anterior o artigo 4 da Directiva 2000/60/CE (Directiva Marco da Auga), é moi claro “…aplicar as medidas necesarias para previr o deterioro de tódalas masas de auga superficiais…”. A aparición de causas excluíntes no devandito artigo da presente Directiva – apartados 6, 7 e 8 – non son de aplicación neste caso dado que esta causa maior ou de natureza excepcional ten o feito, como aparece recollido no apartado 6-a deste artigo, de que non se adoptaron tódalas medidas factibles para impedir que se siga deteriorando ese estado.
A solución é simple: se en vez dunha rede unitaria se construíse unha rede separativa, non teriamos problemas de vertidos tan a miúdo. Neste senso existe, por exemplo, o programa Life+ da Unión Europea que ofrece axuda económica a quen quere solucionar este tipo de problemas. Nos ofrecémonos a participar neste tipo de iniciativas co noso traballo, tanto a nivel Confederación como Concello, para a solución dun problema que só este ano causou catro vertidos constatados.
Denunciamos así o feito de que a Confederación trate de eludir a súa responsabilidade facendo crer que se trata dun problema puntual, debido ó temporal, e non estrutural, a pesar de que a estación de bombeo sita na zona de San Francisco reúne as características necesarias para que este tipo de accidentes se repita de forma cotiá. Deberíase solucionar o problema de risco permanente no que está esta zona do río antes de que teñamos que lamentar unha situación irreversible.
3.- En relación cos datos solicitados sobre a calidade da auga:
A falla de facer un estudo pormenorizado de cada un deles -a masividade dos datos recibidos fai que inda tardemos un tempo en estudalos polo miúdo-, parécenos preocupante a desaparición de datos enteiros, cunha duración de horas nalgúns casos, en anos anteriores. Isto pode deberse a un funcionamento deficiente da rede SAICA en momentos puntuais e poderiamos chegar a comprendelo. Pero o grave do caso non é isto.
O grave desta actuación e a desaparición de datos nos anos 2010 e 2011 de días enteiros, chegando nalgúns casos a desaparición de datos de semanas ou incluso meses. Tal é o caso do caudal do río, amonio, condutividade, osíxeno do río, pH, temperatura, turbidez e incluso do nivel da masa de auga. Considerámolo de extrema gravidade por un feito que nos fai, máis que dubidar ter a certeza, crer que se nos está tratando de ocultar información cando os parámetros sobrepasan os niveis de seguridade admitidos na regulación: un dos datos desaparecidos, entre outros moitos, é do día 1 de agosto de 2011, onde temos constancia de que a temperatura da masa de auga rondaba os 24 graos, así como un elevado nivel no pH da mesma (La Voz de Galicia, 2-8-2011).
A dedución do que acontece é lóxica e levada a cabo de xeito sistemático polas diferentes administracións, a nivel nacional e estatal, co fin de ocultar datos das redes de información ambiental e non decretar así o estado de alerta e seguir os protocolos de actuación para paliar tales desaguisados. A ocultación de datos e a non posta en marcha dos protocolos de actuación pertinentes parécenos de extrema gravidade, o que demostra o pouco interese dos responsables políticos e institucionais por solucionar de xeito eficiente os problemas de contaminación dos nosos ríos. Solicitamos neste sentido unha resposta clara, veraz e verificable do porque de tal actuación e a falla dos datos antes mencionados. De non ser así consideraremos este secuestro de información premeditado -en realidade xa o consideramos premeditado polo exposto anteriormente, pero queremos darlle a oportunidade para que se expliquen-. Esta información contrasta claramente coas declaracións de normalidade e control que se transmite dende a Confederación.
4.- En canto o tema dos amieiros:
A pesar de non aparecer no informe-denuncia enviado a Confederación no mes de Xullo gustaríanos saber se existe, a día de hoxe e anos despois da aparición do fungo Phytophtora Alni do que esta asociación deu a voz de alarma no ano 2009, algún plan de actuación para a recuperación da área riparia do río. Para nós resultou un insulto que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil nos comunicara que esta situación de seca dos amieiros xa fora detectada en anos anteriores, sen facer ningún tipo de análise para identificar o problema, algo que a esta asociación lle levou tan só tres meses a través de medios propios que ademais están a nos luz dos que posúe a Confederación, o que demostra moi as claras a falla de interese na defensa dos ecosistemas asociados á paisaxe da conca hidrográfica que deberían constituír o pilar de actuación da súa institución.
Sen pretender estendernos en canto a bibliografía si nos gustaría destacar que, en clara contraposición co que sucede na actualidade, resulta de suma importancia destacar que as áreas riparias deberían manterse inalterables e incólumes xa que estas nos provén de diversos servizos ambientais como son a diminución na erosión das barrancas dos cursos de auga, a mellora na calidade da auga, ecosistemas sans, o mantemento da biodiversidade e dos cursos de auga, a diminución de pragas e crecemento algal, o mantemento do stock pesqueiro, o incremento no valor engadido, refuxio e microclima, a retención de nutrientes, a redución do nivel de auga, a desnitrificación, oportunidades para a diversificación, o entretemento cultural e espiritual e o ecoturismo (Lovett, 2003; Lovett et al., 2004).
Porén, e a pesar da súa significativa importancia, estanse eliminando sistematicamente grandes extensións de bosques e matorrais que noutros tempos conformaban a vexetación natural dos ecosistemas riparios, coa finalidade de empregalos para o desenrolo das actividades agrícolas, as que lóxica e indefectiblemente acarrean consigo o emprego indiscriminado e indebido de praguicidas, fertilizantes e outros produtos químicos dificilmente degradables que son fonte de contaminación dos solos, das augas e dos ecosistemas en xeral. Lembremos que na industria agrícola aparece o emprego de deterxentes en forma de humectantes, que forman parte da descomposición de insecticidas, herbicidas, xermicidas, funxicidas…, todos eles incluídos na lista de principais contaminantes das augas, no anexo VIII da directiva Marco da auga. A industria máis importante do Ribeiro é eminentemente agrícola, en forma de viñedos, e é ben coñecido o emprego masivo, e máis na época do ano en que as espumas apareceron no río de xeito máis que abundante, de funxicidas de base cúprica, que poden empregar nas súas composicións este tipo de humectantes. Ademais disto, a limpeza de adegas, preparándose para a vindeira vendima, podería ser outra causa probable. De todos xeitos, esta asociación considera que este tipo de compostos, que é indubidable que discorren polo río, non son a causa principal da presenza destas espumas, senón máis ben un motivo máis de contaminación ó provocar sinerxías con outros vertidos, o que fai que o río presente unha elevada carga contaminante que se manifesta de xeito máis visual nesta época de escaseza de auga.
As áreas riparias manteñen unha biodiversidade alta de flora e fauna en comparación coas áreas non riparias, sendo en moitos casos o refuxo de especies vulnerables de plantas e animais (Robins y Cain, 2002). Estas áreas provén de hábitats a grande cantidade de especies silvestres, á vez que actúan como corredores pro movemento entre parches de vexetación na paisaxe fragmentada (Price y Lovett, 2002). Canto maior sexa a conectividade entre os parches-hábitats, os animais poderán desprazarse de sitio en sitio con maior facilidade. Loxicamente isto axuda a manter as poboacións de vida silvestre en bosques e áreas de parches arboradas como a que nos ocupa (Robert et al., 2000).
Polo xeral son áreas máis fértiles e produtivas, con mellor calidade de solos e constitúen a derradeira liña de defensa para a protección da calidade da auga e dos sistemas acuáticos (Price y Lovett, 2002a; Robins y Cain, 2002). Outra das características importantes das áreas riparias é a marcada influenza sobre a organización da diversidade e da dinámica das comunidades asociadas a ecosistemas acuáticos e terrestres (Robert et al., 2000), completando os seus servizos ecolóxicos ó brindar un amplo rango de valor económinco e social, ofrecendo as comunidades e produtores recursos, ademais dos servizos ambientais de protección e conservación (Robins y Cain, 2002).
Outro dos factores que caracterizan as áreas riparias é o soporte exercido en canto a sedimentos e nutrintes, principalmente fósforo e nitróxeno, procedentes das áreas de cultivo (Prosser y Karssies, 2001). Estes compoñentes afectan drasticamente a calidade da auga, traendo aparellado nalgúns casos a perdida dos hábitats diminuíndo en consecuencia as diversas formas de vida acuática. As funcións principais das áreas riparias son as de retardar e reducir a escorrentía superficial empregando para elo o exceso de nutrintes, atrapar os sedimentos e outros contaminantes que se desprenden dos solos descubertos ou solos de cultivos, protexer os corpos de auga e aumentar ademais a infiltración nas áreas de inundación por acción das raíces das plantas que crecen nestas áreas (Price y Lovett, 2002b y c; Price et al., 2004). Existe un exceso de sedimentación no río Avia, presentando este uns niveis de turbidez elevados a simple vista durante todo o mes de agosto -non podemos falar de datos a nivel de turbidez dado que estes son uns dos que aparecen secuestrados, falamos só dunha constatación a nivel visual que é apreciada por calquer veciño que se achegue o río, como tantas veces nos fan constatar- que poderían en parte ser paliados por unha vexetación riparia normalizada.
A sombra que produce a vexetación riparia é determinante nas flutuacións de temperatura das augas e cantidade de luz solar -algo que xa está afectando como queda constatado pola elevada temperatura da masa de auga que houbo, cando menos porque seguimos sen datos, a principios do mes pasado-, afectando ó crecemento das plantas que viven xunto ós cauces, e consecuentemente ós peixes de auga doce e invertebrados que se alimentan de animais e froitas provintes dos mesmos (Price y Lovett, 2002d; Boutin et al., 2003). A vexetación que atopamos en terrazas de inundación nos bosques riparios provén refuxo para peixes e outros animais que se atopan dentro do ecosistema acuático de xeito que non sexan arrastrados polas altas correntes que xeran as inundacións e crecidas dos ríos (Price y Lovett, 2002d; Boutin et al., 2003).
Falar dun problema que garde relación directa co fungo en cuestión sería caer no autoengano, sendo realistas, teremos que plantexarnos certas circunstancias que derivaron nesta desfeita ambiental, a situación de estrés na que se atopan as árbores riparias dos ríos galegos resulta máis que evidente, situación esta provocada por varios factores onde destacan por riba doutros as condicións climáticas, a contaminanción dos ríos ou as compactacións dos terreos (áreas recreativas) e fundamentalmente o uso indiscriminado desta área para usos agrícolas, paseos artificiais ou desbroces indiscriminados que alteran o hábitat afectando á cadéa trófica e, en definitiva, rachando o ecosistema fluvial. Esta situación de debilitamento das plantas riparias favorece a propagación de fungos e que o seu impacto sexa máis agresivo, sen equilibrio o ecosistema perde a súa capacidade de autodefensa. Esta é a única realidade, anos e máis anos vivindo de costas ós nosos ríos provocaron a situación, a incompetencia das diferentes administracións neste sentido resulta evidente, sendo os máximos responsábeis da quebra nos ecosistemas fluviais.
A extracción ou simple perda de árbores de zonas riparias incrementa a luz e o calor que chega ós cursos de auga, favorecendo o incremento de algas nocivas e malas herbas que alteran sobremaneira os ecosistemas acuáticos. Ademais, a remoción da vexetación riparia desestabiliza as barrancas dos regatos e incrementa significativamente o seu ancho, provocando do mesmo xeito desprendementos e derrubos. A deforestación das zonas referenciadas provoca tamén que a auga flúa a maior velocidade, contribuíndo en consecuencia ó incremento de inundacións e a erosión terras abaixo (Lovett y Price, 1999), algo que debería ser de especial interese para Confederación xa que estamos a falar dunha zona potencialmente inundable. Botarlle despois a culpa o tempo semella o doado, porén esta asociación o considera outro claro exercicio de irresponsabilidade. Os principios de prevención e precaución, recollidos en diferentes directivas e leis, tanto comunitarias como estatais e nacionais, parecen deste xeito quedar no limbo.
Isto non é algo que nos inventemos, está recollido no preámbulo da Lei 5/2006, de 30 de Xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos:
“Los principios de prevención, de evaluación de impacto ambiental, de información pública, de participación ciudadana, de educación ambiental… en los que se basa la Ley 1/1995, de 2 de enero, de protección ambiental de Galicia, no se materializaron en el caso de los ecosistemas fluviales. Diversos aspectos de la Ley 7/1992, de 24 de julio, de pesca fluvial de Galicia, están teniendo una aplicación deficiente, al igual que la normativa de evaluación de impacto ambiental, siendo manifiesta la necesidad de evaluar el impacto global de planes y programas mediante una evaluación estratégica de los mismos.”
O artigo 16 da Lei de pesca fluvial de Galicia, esa mesma lei que se considera pola propia administración como de aplicación deficiente en diversos aspectos, di que:
“Para tódolos efectos, declárase de interese xeral a conservación das formacións vexetais, así como a repoboación arbórea e arbustiva nas marxes dos ríos e regueiros con especies ripícolas ou de ribeira, respectando as servidumes legais.”
Así, consideramos que se está conculcando a lexislación pola propia administración, tanto Xunta de Galicia a través da súa Consellería de Medio Rural e a de Medio Ambiente, como a do goberno español a través da Consellería de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. A conservación da vexetación riparia, tal e como se expresa nesta lexislación, declárase de interese xeral así como a súa repoboación. Nós, cos nosos escasos medios, xa fixemos repoboacións nas zonas afectadas con vexetación ripícola autóctona. Non nos consta ningunha actuación neste sentido por parte da administración, o que supón unha deixadez nas súas funcións e un desprezo manifesto da normativa vixente. Nós gustaría saber tamén se neste sentido están preparando algún expediente sancionador, vostedes que tan amigos son deste tipo de solucións coercitivas, contra a súa propia institución ou o goberno español ou galego. Base legal, se rascan un pouco, dende logo sóbralle.
5.- En canto ó encoro de aproveitamento hidroeléctrico de Albarellos:
A pesar de non saír no escrito anterior tamén queremos falar disto e saber a súa opinión. O proceso dexenerativo do río Avia en canto o seu sistema ripario, afectando a especie Alnus Glutinosa pola acción do fungo Phytophtora Alni, no tramo do embalse Albarellos desembocadura (aprox. 21 Km.), tivo unha maior incidencia da esperada debido a pésima xestión que deste pantano se fai dende a concesionaria, quedando partes deste tramo do río semisecas, ó non soltar a concesionaria nin un só litro de auga durante boa parte do ano 2009, atendendo esta a criterios puramente economicistas. Despois do longo período sen aportar nin un só litro ó caudal do río Avia (Maio-Outubro de 2009) se evacuaron en tres semanas 40 Hm3. Esta circunstancia provocou importantes danos no ecosistema ripario, as barrancas ceden en numerosos tramos do río provocando a caída dun número indeterminado de árbores. Este verán o embalse de Albarellos volveu a non aportar practicamente nin un só litro o caudal do río Avia, volvéndose a producir unha situación de estrés hídrico. Botarlle logo a culpa o tempo, dicindo que non chove cando a xestión do pantano é claramente irregular, parece unha broma de mal gusto. Ademais hai que salientar que si o encoro non solta auga, as turbinas non funcionan e a produción eléctrica é ridícula, cuestión esta que ven acontecendo nos últimos anos e que alguén debería sopesar en canto a viabilidade de manter esta presa en funcionamento.
O estado de estrés ecolóxico e a vulnerabilidade da vexetación riparia obedece, como factor definitivo, á incidencia do embalse de Albarellos, carente dun sistema efectivo para o mantemento do caudal ecolóxico. A estrutura referida é a antítese da vida fluvial, o tramo do río que debería discorrer entre a presa e a saída da turbina desaparece como por arte de maxia chegado o verán, aproximadamente 5.000 metros. En definitiva, todo o caudal do río Avia pasa por unha turbina -salvo a pequena canle de derivación do río Viñao, a todas luces insuficiente para manter o caudal ecolóxico e saltándose a normativa legal en canto a caudais ecolóxicos se refire-, sendo tecnicamente inviable outra circunstancia en condicións normais (mantemento do caudal mínimo necesario), en gran medida, a flora e fauna están sometidas a unha decisión empresarial, o que está sucedendo na actualidade pode marcar a defunción biolóxica do río Avia.
A pésima xestión dos recursos hídricos que se efectúa dende o pantano de Albarellos afecta negativamente ós hábitats de interese comunitario «Carballeiras galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica» e «Bosques aluviais de Alnus glutinosa, Fraxinus angustifolia, Fraxinus excelsior», estes últimos moi ben representados e considerados prioritarios pola Directiva 92/43/CEE, directiva hábitats. As seguintes especies animais vense afectadas en diferentes graos pola alteración e destrución dos seus hábitats, todas elas incluídas nos diferentes anexos da directiva hábitats e algunhas coa cualificación de animais de especial interese comunitario: Libélula (Oxigastra curtisii, recentemente engadida no catálogo galego de especies ameazadas), Libélula (Gomphus graslini), Cervo voante (Lucanus cervus), Ranita de San Antón (Hyla arborea), Nutria (Lutra lutra), Desmán (Galemys pyrenaicus), Salamandra rabilarga (Chioglosa lusitanica).
Entre as aves limícolas están presentes o andarríos chico (Actitis hypoleucos) e grande (Tringa ochropus). Tamén é característico o martiño pescador (Alcedo atthis), cuxa nidificación non se descarta na área de estudio ou na súa inmediata proximidade. Todas estas aves están clasificadas como especies de «Interese Especial» segundo o CNEA. Respecto ós mamíferos, están presentes especies como o morcego ratoneiro grande (Myotis myotis), igualmente considerado especie de «Interese Especial» segundo o CNEA (Catálogo Nacional de Especies Amenazadas e catálogo galego). Tamén debemos salientar que os morcegos de ferradura grande, pequeno e mediterráneo poden verse afectados por esta deficiente xestión do caudal do río, todos eles recollidos como vulnerables no catálogo galego de especies ameazadas.
Ademais disto o encoro de Albarellos non respecta o caudal ecolóxico, o aporte de caudal, segundo a empresa Gas Natural-Unión Fenosa que refrenda por escrito a Consellería de Medio Rural (Xunta de Galicia), esgrime textualmente o seguinte argumento:
“El caudal ecológico del río Avia se aporta desde el canal de derivación que parte del río Viñao hasta el embalse de Albarellos, mediante un sistema fijo, consistente en una abertura en el mismo por la que se evacúa el caudal fijado en el Pacto Ambiental firmado entre la Consellería de Medio Ambiente y Unión Fenosa, y que por el mismo sólo depende del caudal que en cada momento tenga el río Viñao”.
Este pacto ambiental, máis propio dun filme de Coppola que dunha administración seria e competente, permite que o río Viñao, a través dunha canle de derivación, sexa quen aporte o suposto caudal ecolóxico ó río Avia. É dicir, se o Viñao vai seco, inda que o Avia rebose, non se aportará nin un só litro de auga ó referido caudal ecolóxico, a non ser que a concesionaria o permita. Demencial.
O artigo 74 do Regulamento de Ordenación da Pesca Fluvial e dos Ecosistemas Continentais, aprobado mediante Decreto 130/1997, de 14 de maio, adicado a caudais ecolóxicos, expresa:
“1. Entenderase por caudal ecolóxico a reserva de caudal que necesaria e obrigatoriamente deberá deixarse circular polo leito dun río para compatibilizar, en cada época do ano, os efectos das detraccións de auga sobre o ecosistema acuático co mantemento das comunidades animais preexistentes e, en xeral, co adecuado funcionamento do citado ecosistema.
Este caudal ecolóxico non poderá ser obxecto de aproveitamento hidráulico. Nos procedementos para a súa determinación, deberase solicitar informe preceptivo da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.”
Non existe tal reserva de caudal establecida dado que como dixemos anteriormente e unha canle de derivación doutro río quen aporta o caudal ecolóxico. O caudal que se reserva pro río Avia e para o río Avia non é aportado polo propio río Avia. O artigo referido expresa que “entenderase por caudal ecolóxico a reserva de caudal que necesaria e obrigatoriamente deberá circular polo leito dun río para compatibilizar….”. Queda claramente expresado que o caudal ecolóxico e dun só río, é dicir, o caudal ecolóxico dun río só poderá ser aportado por ese mesmo río.
Tendo en conta o recollido neste artigo da Lei mencionada, a concesión do aproveitamento hidroeléctrico outorgado pola administración galega á empresa Unión Fenosa Generación S.A.- actualmente Gas Natural Fenosa- relativo ó aproveitamento do caudal ecolóxico é, a todas luces, ilegal, feito a partir dunha interpretación, mais que deficiente das leis, interesada.
Ademais disto o encoro de Albarellos carece de escala de peixes e tecnicamente resulta imposible a súa construción (embalse de bóveda cunha altura de 90 metros que ocupa un espazo de orografía accidentada). Segundo a lexislación estatal e comunitaria vixentes, o movemento dos peixes ó largo dos ríos debe estar garantido e calquer estrutura que o impida ou limite, debe acondicionarse para tal fin.
O artigo 76 do Regulamento de Ordenación de Pesca Fluvial e dos Ecosistemas Continentais, aprobado polo decreto 130/1997, de 14 de maio di:
“1. Co obxecto de facilita-las migracións periódicas dos peixes ó longo dos cursos fluviais, tódalas presas, diques ou canles deberán te-la pertinente escala, paso, esclusa, ascensor ou calquera outro dispositivo que permita su eficaz franqueo polas poboacións migratorias, tanto en ascenso como en descenso.
No caso de obstáculos que dispoñan dun paso ou escala cosntruído de acorodo coa normativa anterior á entrada en vigor da Lei de Pesca Fluvial, a dirección xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá efectuar as modificacións precisas para garantir o seu óptimo funcionamento.
2. Nas presas levantadas con anterioridade á Lei de Pesca Fluvial, cando debido a imposibilidade técnica non sexa posible construír un dispositivo de franqueo, estableceránse outras alternativas baseadas nun proxecto técnico aprobado pola dirección xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, sen prexuízo das competencias doutros organismos.
No caso de presas situadas augas arriba de obstáculos naturais de máis de 5 m de altura, e polo tanto infranqueables para determinadas especies piscícolas, a devandita dirección xeral poderá acordala suficiencia de dispositivos de franqueo aptos para especies concretas ou a ausencia deles, agás cando a presa se sitúe a unha distancia do obstáculo maior de 200 m ou de 10 veces a anchura do leito fluvial.”
O eficaz franqueo non existe dado que non existe escala para peixes. O problema técnico da súa construción non fixo, como aparece reflectido na lexislación, o establecemento de medidas alternativas para o eficaz franqueo de especies ictícolas. É dicir, que se lle está permitindo a concesionaria a conculcación de leis de referencia en canto a temática medio ambiental se refire, sendo participes ademais as diferentes administracións. Á pésima xestión das augas que realiza a empresa Gas Natural Fenosa no encoro de Albarellos e o inaceptable manexo na regulación do caudal do río Avia, temos que sumar a deixación nas súas funcións das diferentes administracións públicas, tanto do Estado español como galego que colaboraron por omisión das súas obrigas na degradación do espazo referido.
A Unión Europea xa admitiu a trámite un informe denuncia elaborado por esta asociación denunciando feitos que tamén aparecen neste novo escrito, expresados claro de xeito máis pormenorizado, e o que engadiremos a seca do río Avia co secuestro de caudal que a concesionaria perpetrou durante o ano 2009, que contribuíu de xeito substancial a propagación do fungo dos amieiros.
A Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, establece no seu preámbulo que:
“la ley establece que las Administraciones competentes garantizarán que la gestión de los recursos naturales se produzca con los mayores beneficios para las generaciones actuales, sin merma de su potencialidad para satisfacer las necesidades y aspiraciones de las generaciones futuras, velando por el mantenimiento y conservación del patrimonio, la biodiversidad y los recursos naturales existentes en todo el territorio nacional, con independencia de su titularidad o régimen jurídico, atendiendo a su ordenado aprovechamiento y a la restauración de sus recursos renovables.
Los principios que inspiran esta Ley se centran, desde la perspectiva de la consideración del propio patrimonio natural, en el mantenimiento de los procesos ecológicos esenciales y de los sistemas vitales básicos, en la preservación de la diversidad biológica, genética, de poblaciones y de especies, y en la preservación de la variedad, singularidad y belleza de los ecosistemas naturales, de la diversidad geológica y del paisaje.”
Todo este escrito deixa patente a inutilidade das diferentes administracións e, no caso particular do encoro de Albarellos, a constatación de que a responsabilidade subsidiaria destas non está tendo aplicación.
Esta mesma lei, no seu artigo 4 da Lei 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y la Biodiversidad expresa:
“1. El patrimonio natural y la biodiversidad desempeñan una función social relevante por su estrecha vinculación con el desarrollo, la salud y el bienestar de las personas y por su aportación al desarrollo social y económico.
2. Las actividades encaminadas a la consecución de los fines de esta Ley podrán ser declaradas de utilidad pública o interés social, a todos los efectos y en particular a los expropiatorios, respecto de los bienes o derechos que pudieran resultar afectados.”
Quizais tiveran a ben aplicar estes principios e pensar na incoación de expediente de caducidade da concesión -podemos engadir máis base legal para ratificar o exposto se así o desexan, pero cremos que isto se debe máis a un exercicio de responsabilidade por parte da confederación que a observancia das leis vixentes-, dado que queda demostrado o ataque patente a todo o ecosistema. Así quizais se adianten vostedes, por unha vez e sen que sirva de precedente, a unha decisión europea. O ataque ó ecosistema tampouco é algo que nós nos inventemos. Como se recolle no preámbulo da Lei 5/2006, de 30 de Xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos:
“Los ríos gallegos se caracterizan por una elevada biodiversidad dentro de su contexto ibérico y europeo. Su gran biodiversidad y porcentaje de endemismos les otorgan un valor excepcional en la actual situación mundial de crisis ecológica. En los ríos gallegos viven cerca de cuatrocientas especies endémicas de invertebrados, y en ellos se descubrieron cerca de ochenta nuevas especies para la ciencia.
Pero los ríos hoy se encuentran en peligro. La alteración física, debida sobre todo a las presas hidroeléctricas, la pérdida y degradación de los hábitats, la invasión de las zonas de inundación por todo tipo de construcciones, la sobreexplotación, la contaminación y la introducción de especies no nativas son los factores que más contribuyen a la disminución de su biodiversidad. Los mencionados recursos socioculturales corren la misma suerte que los ríos.
Las presas hidroeléctricas hacen que más del 70% de nuestros cauces fluviales sean inaccesibles a las especies migratorias.
Las infraestructuras hidroeléctricas son responsables de las principales afecciones a los ríos gallegos. Galicia, con tan sólo el 5% del territorio y el 7% de la población, genera el 25% de toda la electricidad de origen hídrica del Estado español. El 34% de la electricidad generada en Galicia va fuera del país, se exporta, con unas pérdidas en el transporte que superan hoy toda la producción eólica en Galicia. Esta sobreproducción no redundó en un mejor abastecimiento a los pueblos y comarcas gallegas.”
Aquí tamén nos gustaría engadir que non só está sobreprodución eléctrica non redundou nun mellor abastecemento o pobo galego, senón que ademais supuxo un freo económico-social o perder especies que antes poboaban o río en cantidade abundante -fundamentalmente salmónidos-. A presenza do azud exerce un efecto barreira que imposibilita os movementos migratorios, afectando ás poboacións de troita (Salmo trutta fario), bordalo (Squalius caroliterii), bermejuela (Chondotroma arcasii) e anguía (anguilla anguilla). Ademais das especies nas que, segundo a información aportada pola Consellería de Medio Ambiente do ano 2006, se desenrolaron actuacións para favorecer a presenza de poboacións piscícolas de tendencia regresiva, caso de: salmón (Salmo salar), alosa (Alosa fallax), sábalo (Alosa alosa) e lamprea (Petromyzon marinus). O que resultou a día de hoxe unha medida estéril dado que o non protexer os hábitats nos que están presentes estas especies, dificilmente se pode protexer a estas. Isto queda patente na recente incursión do sábalo no catálogo galego de especies ameazadas ou a ampliación da protección, por parte da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) -estamento de referencia a nivel europeo-, da anguía, quedando catalogada fai tres anos como en perigo crítico de extinción.
O bloqueo das rutas de migración debidas ós embalses, como o caso que nos ocupa de Albarellos, fixeron que estas poboacións se atopen en claro retroceso, cando non desaparecidas, do río Avia e do tramo do Miño no que desemboca. Ademais disto, a regulación artificial de caudais provoca danos importantes en flora e fauna, non xa polas grandes flutuacións de niveis provocadas -a meirande parte delas moito máis dramáticas que as debidas a torrencialidade natural-, senón tamén polo desfase temporal no que ocorren respecto a fenoloxía natural.
Consideramos a retirada da concesión e, no seu caso, a posterior demolición do encoro de Albarellos como fundamentais para a devolución do ecosistema, patrimonio natural e biodiversidade, que servirían ademais, nun momento de crise como o actual, para repartir os beneficios de tal actuación: un río rico e cheo de vida que pode ser un pilar fundamental, como o foi antano, como base económica para toda a poboación a través do aproveitamento dos recursos, tanto piscícolas como turísticos e incluso vexetativos, que o río posúe. A ridícula produción eléctrica deste pantano -produción que por outra parte se exporta- en mans privadas versus beneficios económicos comúns, así o suxiren.
Neste punto gustaríanos que a Confederación fixese unha reflexión e contemplase que os dous primeiros puntos do artigo 45 da Constitución española recoñece o dereito de todos a gozar dun medio ambiente axeitado ó desenrolo da persoa, así como o seu deber de conservalo e a obriga dos poderes públicos de velar pola utilización racional dos recursos naturais para promover e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente apoiándose na solidariedade colectiva.
O mesmo artigo 45 da Constitución remata, no seu punto terceiro e último, dicindo que:
“3. Para quienes violen lo dispuesto en el apartado anterior, en los términos que la Ley fije se establecerán sanciones penales o, en su caso, administrativas, así como la obligación de reparar el daño causado.”
Esta concesión data da época de Franco, pero non por iso cremos que se poida saltar a Constitución española. Por todo isto creemos que se poden observar principios de inconstitucionalidade na aplicación da norma.
Ademais disto cremos que se debe abordar dunha vez a cuestión do prazo preconstitucional dado a esta concesión, outorgada por 99 anos na ditadura franquista e polo que solicitamos o amparo da Confederación Hidrográfica Miño Sil e do Ministerio de Medio Ambiente do Estado español. Noutro caso sería concederlle un novo dereito de pernada a unha concesión que data da época franquista e que se perpetúa na actualidade.
A reparación do dano causado só se poderá lograr a través da incoación do expediente de caducidade de concesión. Base legal sobra e, se vostedes queren, nós podemos ampliala ó que neste escrito se expón. Pero temos que advertir que é unha cuestión máis de vontade política e institucional que de base xurídica. Se a vostedes lles da igual a cousa se complica.
■ Solicita:
Que se teña en conta todo o reflexado neste escrito e se conteste a tódalas interrogantes feitas no mesmo por parte desta asociación, en particular os problemas de contaminación do río, a problemática polo saneamento da rede de depuración de tipo unitario e posibles solucións a mesma, a desaparición dos datos de calidade da auga, a problemática dos amieiros e a incoación do expediente de caducidade da concesión para o encoro de aproveitamento hidroeléctrico de Albarellos debido a graves afeccións de flora e fauna sobre o río Avia con, ademais, un escaso aporte de produción hidroeléctrica.
Esta asociación agradece de xeito anticipado a Confederación, agardando a resposta de todos estes temas de especial interese para a poboación do Ribeiro.
Os comentarios están pechados.