Skip to content

Volta ó traballo: manchas de aceite nos ríos Avia e Miño

06/10/2011

Despois do período de vendimas xa estamos aquí de novo. A volta trae consigo manchas de aceite no río, do que falaremos agora. Pero primeiro analizaremos o que pasou mentres nós non estivemos:

O 20 de setembro apareceu outro vertido ó río Avia. Segundo a Confederación Hidrográfica motivado por un fallo nun colector de augas residuais que se obstruíu. Segundo o Concello de Ribadavia por unha mala utilización da rede de saneamento nesta época de vendimas. A Confederación volta ó mesmo e volve incoar expediente sancionador, pensando que así xa se resolven os problemas, cando queda claro (catro expedientes por vertidos só este ano ó concello de Ribadavia) que as medidas coercitivas non serven para paliar estas desfeitas. O concello di que vai tratar de descubrir quen fixo esta mala utilización e que o erro é puntual. Curiosa resposta esta, é a mesma que deu a Confederación para non impor sancións o Concello de Ribadavia por un vertido denunciado por esta asociación o 12 de xullo deste ano (ler o punto catro da resposta da confederación)cando o río presentaba un aspecto dantesco cun cheiro inda peor. Recomendámoslle ó Concello de Ribadavia que se quere evitar esta nova sanción siga por esta vía, empregando os mesmos argumentos para xustificarse que emprega a Confederación cando lle da a gana. A resposta da Confederación naquel momento foi que choveu moito e o sistema colapsou. Pois que o Concello da vila diga que alguén verteu moito e que o colector colapsou. Ou xogamos todos ou a pelota ó río.

Probablemente todo quede en auga de borralla ou, como moito, nunha pequena multa económica ó Concello. Pero o resultado segue sendo o mesmo: o Avia cheo de merda de novo. Confederación, Concello e Aqualia: uns por outros e a casa sen barrer. A opinión que temos deste trío e ben coñecida por todos, así que non seguiremos por aí. Pero si queremos salientar unha cousa en canto ós rebordamentos que a confederación tilda de fortuítos.

A Confederación naquel momento tratou de eludir a súa responsabilidade, facéndonos crer, ou cando menos pretendendo, que se trataba dun problema puntual, debido ó temporal, e non estrutural, debido a unión en certas zonas de colectores de pluviais con residuais, a pesar de que a estación de bombeo sita na zona de San Francisco reúne as características necesarias para que este tipo de accidentes se repita, e de feito xa o fai, de forma cotiá. Nós xa falamos tanto con Concello como con Confederación para optar ás subvencións dos programas Life+ da Unión europea (aportando nós o traballo que se nos requira por parte destas institucións) e cambiar o sistema de colectores que dean problemas e esquecernos dunha vez por todas dos vertidos ó río Avia. O concello dixo que as subvencións terían que ser do 100%. A confederación nin sequera contestou. E nesas estamos.

Pero ben, pensemos que non hai problemas na rede de saneamento. Que non hai erros puntuais, estruturais ou o que sexa. Que todo iso vai ben. Entón, ¿qué son as espumas que van polo río?. Xa as denunciamos en múltiples ocasións, con fotografías datadas durante todo o verán. As últimas son do 26 e 27 de setembro (hai máis días, pero xa da pereza ir ó río a facer fotos de espumas, a verdade) e do 3 de outubro. Hoxe a mañán aparecen algunhas espumas no río, pero non son moitas. ¡¡Que sensación de impotencia cando un ten que tomar, ó ir o río con algo de espumas pero non demasiadas, como algo normal!!

26 de setembro

26 de setembro

27 de setembro

27 de setembro

3 de outubro

3 de outubro II

Pois ben, ¿de que carallo é isto?. Dos colectores está claro que non é. A confederación xa a avisamos, veu un día que non había nada (cando xa lles dixemos que eran intermitentes, que non se producían tódolos días, pero case, probable indicativo antropoxénico) dixo que non había vertidos susceptibles de provocar espumas e marcharon para casa tan contentos. Iso si, non perderon a viaxe. De paso multaron ó Concello pola limpeza das piscinas, que vir pa na é tontería. Haberá que xustificar dietas, vamos, digo eu. As espumas, probablemente, agora empecen a desaparecer, cando Fenosa se lle de por soltar auga (xa parece que o está facendo) e o outono nos regale choivas que dilúan a concentración de contaminantes. Pero que ninguén se engane: os contaminantes seguen aí, só que máis dispersos. Disto das espumas que tivemos durante meses ninguén, salvo nós que pedimos análises que non foron feitos por parte da Confederación, dixo nada. Nin o PP.

É que o PP brindou un guante ó Concello que este agarrou con forza: a limpeza dos ríos Avia e Maquiáns. Esta petición, que nun principio se fai para paliar as posibles crecidas invernais e do que non faremos comentarios, foi aproveitado polo PSOE para tratar de confundir a opinión pública e manifestar que a Confederación tiña que facelo seu traballo, que xa estaban fartos, que é iso de tanto expediente sancionador. O dito: uns por outros e a casa sen barrer. Pois que agarden que o señor Fernández Liñares, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, non poña en práctica unha das novas perlas que soltou por esa boca chea de dentes que ten: “Limpiar los ríos es tremendamente caro, por lo que el momento actual no es el mejor”, descartando así a futura limpeza dos cauces fluviais. (Hai que salientar aquí que fai referencia a limpeza dunha alga invasora, pero xa deixa caer que a CHMS non ten cartos para nada, para que despois ninguén se confunda). É que todos sabemos que é mellor deixar que os ríos se contaminen e limpar despois os cauces, cando xa non soportan máis carga contaminante, que facer unha labor preventiva e ir mantendo os cauces limpos. ¿Ou era ó revés?.

Segundo aparece na moción conxunta de PP, PSOE e BNG, vaise pretender que alguén do concello se reúna co señor Liñares. Pois nós lle lanzamos tamén un guante a quen vaia a tal reunión. Que lle pregunte porque non viñeron nin veñen a analizar as espumas do río e as posibles causas. Que lle pregunte cal é o plan de actuación no tema dos amieiros. Que lle pregunte se van seguir impoñendo sancións ou se van tratar de buscar solucións máis construtivas (programa Life+? Solucións mías imaxinativas?, e non falamos de danzas da choiva) no tema dos vertidos da rede de saneamento. Que lle pregunte porque o caudal ecolóxico do río Avia non é aportado polo río Avia, senón por un afluente deste a través dun pacto entre Xunta e Fenosa, saltándose así a lexislación, e ademais que lle pregunte se lle parece ben que este pacto sexa fixado pola consellería de Medio Ambiente e Fenosa, e non pola administración española que é a encargada da determinación dos caudais ecolóxicos. Que lle pregunte tamén porque o río Avia foi sen caudal no verán (alguén pode pensar que foi sen caudal pola escaseza de choivas, pero estes días esta levando un caudal abundante, e que nós lembremos e mirando nos datos meteorolóxicos aquí non choveu nadiña estes días).¿ Será quizais porque o caudal do río Avia esta controlado por Fenosa e como non teñen que aportar caudal ecolóxico ningún, como dixemos antes saltándose a lexislación, pois o Avia se queda sen caudal ou lévao segundo o decida a concesionaria?. Aii Nachiño!!! Faste estas preguntas na radio en vez de chamar ós teus colegas de Penosa e preguntarlles.

Vale. Imaxinemos, xa por último, que non hai espumas no río, que o caudal ecolóxico se respecta, que a vexetación ripícola se mantén, que as especies migradoras do río campan as súas anchas pasando dun lado a outro dos encoros grazas ós sistemas de franqueo (aii que me meo da risa), que non existen vertidos ó río por causa dos problemas dos colectores… Soñemos pois, por un momento, que isto é certo. ¿Pois que demo era isto que había onte ó mediodía polo río?. Xulguen vostedes mesmos (a pesar de que nas lendas xa poña que é algún tipo de aceite, que cadaquén saque as súas propias conclusións, eu voto por graxas que ademais explicaría tamén o das espumas. Sen que sirva de precedente, ó final de todo e como proba, deixamos abertos os comentarios pra que opinedes sobre que é isto, inda que está bastante claro, ou para que faledes sobre a opinión que vos merece o río, actuación política e institucional, ou comentarios que nós quirades facer, inda que pra iso tamén temos o correo). Observade nos vídeos como ó botar unha pedra o aceite se separa para volver a unirse rapidamente.

Aceite Miño

Aceite Miño II

Aceite Avia

Aceite Avia II

Por se alguén se pregunta porque non chamamos ó Seprona ou á Confederación aquí vai a resposta. Os vertidos de aceite estaban na desembocadura de Avia co Miño e no Miño na zona de Francelos (é dicir, todo se atopaba onde se xuntan os ríos Avia e Miño, máis ou menos), sendo preto das dúas do mediodía, e como xa nós di a experiencia, probablemente ninguén viñese até a tarde ou até o día seguinte, co cal eses vertidos desaparecerían perdéndose no pai Miño. Nós fomos á tarde, sobre as catro, e xa non se apreciaban ditos vertidos. Hoxe volveremos por alí, a ver que pasa. Saúdos.

No comments yet

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: