Skip to content

Minicentral no río Cerves e inundacións no Avia

02/11/2011

Río Cerves

Bom, hoxe non imos facer un análise pormenorizado do que ocorre no Cerves, pero si queremos que o vaiades sabendo xa que, inda que xa levamos tempo traballando nelo, inda non o publicamos na web. Quen non coñeza o río explicarémoslle un pouco cal é o magnífico río Cerves. O Cerves nace na serra do Faro de Avión (Suido) a uns 1000 metros de altitude. O ir baixando cara o Miño, ó seu paso por Melón e outras localidades, fai unhas marabillosas cascadas, fervenzas e incluso algún yakuzi natural que moitos de vos coñeceredes por ir bañarvos nas augas das súas pozas (Tourón, Mestas…) e xusto antes de desembocar no Miño crea o espazo natural de Prexigueiro, onde está a zona das termas. Unha paraxe sen igual. Namentres o río discorre apreciase unha beleza sen comparación, con moitos endemismos faunísticos e algún que outro florístico.

Pois ben, isto que é de tódolos galegos e galegas, ademais de ser propiedade do propio medio natural, quéreno condenar a súa práctica desaparición. Hai unha solicitude para ampliar o caudal concesional da minicentral do Cerves, isto é, chuchar máis auga do río para o seu aproveitamento hidroeléctrico. Piden poder extraer un 50% máis do caudal que agora está concedido, pasando de 2200 litros por segundo a 3300. Unha barbaridade para ese río vaia, onde a flora e a fauna sufrirán unha agresión continua por mor dos criterios economicistas dunha empresa: Enel Unión Fenosa.

O máis importante da memoria e estudos presentados pola empresa, sería a solicitude de ampliación do caudal (que será unha solicitude de ampliación de caudal dun 50%, ó pasar de 2,2 m3/s a 3,3 m3/s) e modificacións na estrutura da central para evitar inundacións. Dentro do documento de memoria e demais o máis importante sería o aumento de caudal ecolóxico (que a nós nos parece unha broma xa que hoxe en día o caudal que se deixa polo río é maior que este caudal ecolóxico proposto, por iso se pretende unha ampliación do caudal a turbinar dun 50%) e que podería ter efectos indesexables e irreversibles para flora e fauna. Tamén que se baseen nun estudio piscícola de 1998 (antes da central) e que se esquezan as figuras de protección da flora (onde se atopan unha gran cantidade de amieros en bo estado de conservación, é dicir, sen ser atacados polo fungo phytophtora alni) e sobre todo das figuras de protección da numerosísima fauna que poboa o río sometido a explotación hidroeléctrica.
Iso sería todo a grandes rasgos. De todos xeitos para a semana presentaremos as nosas consideracións finais.

Como xa dixemos nós xa estamos traballando nelo e, na próxima semana, teredes cumprida información de boa parte de todo o que faremos e estamos facendo (por agora temos practicamente rematado o informe que lle enviaremos a  Dirección General de Calidad y Evaluación Ambiental do goberno do Estado español, para que fagan a declaración de impacto ambiental da minicentral e do novo aproveitamento, algo que a concesionaria pretende saltarse). Tamén lle pediremos apoios ós Concellos de Melón e Ribadavia, ademais de saber a súa intención e que medidas levarán a cabo.

O dito, xa estamos traballando niso. Agardamos o voso apoio para todo o que fagamos.

Vista da minicentral fai dúas semanas (apreciase o río seco)

Río Avia

Chegadas as primeiras choivas do outono en moitas zonas que baña ó río Avia se mira cun ollo pro ceo e outro pro río. Moitas de estas zonas están estipuladas como zonas potencialmente inundables, como queda recollido no documento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil Riesgo de Inundación en la Cuenca.

Pois ben, onte soubemos que dende a Confederación se nos bota a culpa a nós, polo menos iso é o que parecen dicirlle ós medios de comunicación que publican tal desfachatez, de que non se fixera a limpeza do río aducindo que había especies que non poderían ser retiradas porque os ecoloxistas reclamaríamos por dita desaparición, corta, tala, retirada ou como vostedes lle queiran chamar a esta limpeza. Incrible, ademais de ser a primeira vez que nos teñen en conta para algo así claro.

Isto é incrible simplemente porque é mentira. Nós xa dixemos unha vez que nos reservamos a nosa opinión sobre a limpeza dos cauces, pero dende logo o que está claro é que en moitas ocasións son necesarios e que si se fan respectando as especies animais e vexetais presentes, cun mínimo de cordura, saber facer e seguindo unha regulamentación clara como está estipulado, é dicir, seguindo unha metodoloxía concreta, non só non diriamos nada na súa contra senón que estariamos a favor de facela. Outra cousa son as actuacións levadas a cabo na limpeza dos cauces pola Confederación Hidrográfica que fixeron, por exemplo fai uns anos, expandir o fungo phytophtora alni debido a unha mala praxe na metodoloxía empregada e que era de primeiro de carreira.

Pois non señoras e señores. Cremos que xa o dixemos nunha ocasión anterior, pero volvémolo repetir por se alguén se lle pasou naquel momento: se estas limpezas non se están levando a cabo e por falla de cartos, punto pelota. Quedou claro nas declaracións feitas polo presidente da Confederación, o señor Liñares, por esa boca chea de dentes que ten. Segundo a Directiva e Lei española (Directiva2007/60/CE relativa a la evaluación y la gestión de los riesgos de inundación, e o Real Decreto 903/2010) inda ten tempo até finais do 2015 para establecer plans de xestións para estas zonas (limpezas de cauces?, outras medidas mais serias, menos agresivas co medio e máis perdurables no tempo?, …). Se alguén pensa que estes señores van facer algo antes, que esperen sentados.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: