Skip to content

Alegacións á minicentral do Cerves

23/11/2011

Existen  147 minicentrais nos ríos galegos: 74 dependentes da Xunta e 73 do goberno do Estado español. Existen, hoxe en día, 33 solicitudes de minicentrais para a conca Galicia Costa, que parecen quedar paralizadas polo novo plan hidrolóxico dependente da Xunta (iso si, os dereitos concesionais destas minicentrais permitidas polo goberno Fraga serán recoñecidos pola Xunta, o que fará que a Administración, é decir tódolos galegos e galegas, pagaremos estas compensacións ás grandes e pequenas enerxéticas, no caso de que finalmente non se autoricen).

Na conca do Miño-Sil, dependente do Estado español, quedan pendentes 35 solicitudes de centrais. Estas non se sabe se se aprobarán definitivamente ou non dado que o plan hidrolóxico desta conca, galega de feito, española de dereito, inda está en fase de borrador, pendente das súas correccións tralas alegacións feitas por diferentes asociacións ó plan (o plan tiña que estar elaborado fai xa máis dun ano segundo o artigo 13.6 da Directiva Marco da Auga, o que probablemente traia sancións por parte de Bruxelas que, de novo, pagaremos todos).

Pois ben, hoxe en día atopámonos ante un novo reto: a chamada Repotenciación. Esta consiste en algo así como a pataleta dun neno pequeno ante unha prohibición, co único inconvinte de que esta pataleta pode matar a un. Sobre todo si estas patadas repítense en 147 puntos distintos dun mesmo corpo, concentradas ademais en puntos vitais, e coa intención de que sexan máis. É que parece que, como se dun conclave se tratase, tódalas compañías hidroeléctricas pretenden, nun futuro próximo, someter ós seus aproveitamentos á chamada repotenciación. Non queredes caldo, pois aí tendes sete tazas.

Quizais alguén non entenda en que consiste exactamente a repotenciación, polo tanto ímolo explicar dun xeito sinxelo: consiste en coller os aproveitamentos hidroeléctricos hoxe en día en funcionamento e, alí onde se atopan, chuchar máis auga do río para producir máis enerxía eléctrica. Máis cartos. Menos auga. Menos hábitat. Menos fauna. Menos flora. Menos ecosistema. Menos vida. Algo ante o que non podemos nin estaremos calados.

Se se fan estas prohibicións, ou intentos, de eliminar estas novas concesións debido a unha sobre explotación dos ríos galegos, ¿a ninguén se lle pasou pola cabeza pensar que este método é igual de lesivo para co entorno?. Parece que non. E aí entramos nós coa vosa axuda.

O río Cerves é un dos primeiros atacados -xa o foi no seu momento igual ca outros moitos- por esta nova febre do ouro hidroeléctrico. O Cerves nace na serra do Faro de Avión (Suido) a uns 1000 metros de altitude. O ir baixando cara ó Miño, ó seu paso por Melón e outras localidades, fai unhas marabillosas cascadas, fervenzas e incluso algún yakuzi natural que moitos de vos coñeceredes por ir bañarvos nas augas das súas pozas (Tourón, Mestas,…que en breve terán unha figura de protección polas súas fervenzas). Xusto antes de desembocar no Miño crea o espazo natural de Prexigueiro, onde existen unhas magníficas termas. Unha paraxe sen igual. Namentres o río discorre apreciase unha beleza sen comparación, con moitos endemismos  faunísticos e algún que outro florístico.

Pois ben, Enel Unión Fenosa pretende chuchar un 50% máis de auga deste río, algo que nos parece un acto de codicia ambiental flagrante. Presentamos as nosas consideracións ante a Dirección General de Evaluación Ambiental, para que fagan a declaración de impacto ambiental ante esta nova modificación que supón un ataque extremadamente agresivo ó hábitat deste río. Ademais solicitamos que se faga esta declaración non só das novas características a modificar, senón de toda a concesión da que ademais opinamos que se fixo dun xeito ilegal, algo no que estamos traballando e do que vos falaremos máis adiante, cando o teñamos completamente traballado.

Vista aérea do Cerves. Observade como queda seco a partir da minicentral, digan o que digan sobre o caudal ecolóxico non hai río

A continuación podedes ler estas consideracións picando nos dous enlaces de máis abaixo (pedímosvos desculpas porque hai un par de erros debido a que nun principio escribiuse en galego pero, ó ter que envialo a Madrid, houbo que traducilo empregando un corrector automático que, inda que se volveu repasar, deixou algún erro no conxunto. De todos xeitos son erros puntuais e en dous títulos que podemos considerar de menor importancia. A ver se os atopades en plan onde está Wally).

Graciñas a todos os que nós axudades, dunha ou outra forma, para seguir loitando.

Agradecémoslle tamén ós concellos de Melón e Ribadavia pola súa predisposición á hora de tratar este asunto, onde quedou clara a súa palabra e intención de loitar con nós en todo o que se poida. Agradecemos especialmente ó concello de Ribadavia que tomou todas estas consideracións de Coto do Frade como súas,  pedíndonos asesoramento en canto ás consideracións feitas por eles e enviadas a semana pasada a Madrid (Dirección General de Evaluación Ambiental) polo concello. Graciñas.

https://cotodofrade.files.wordpress.com/2011/11/contestacic3b3n-consulta-cerves-castelc3a1n-pdf.pdf

https://cotodofrade.files.wordpress.com/2011/11/ampliacic3b3n-contestacic3b3n.pdf

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: