Skip to content

Sogama Sur: a gran mentira

19/12/2011

O sábado pasado asistimos, no Irixo, á reunión organizada pola plataforma Incineradora, no Irixo, non. Gustounos bastante, sobre todo porque, como se anunciaba, si parece unha plataforma promovida principalmente polos veciños, sen que sexa ningún partido político o que, en principio, estea detrás disto. Outra cousa será o que pase máis adiante e quen trate de sacar proveito.

De todos xeitos e, coma sempre, a Asociación Ecoloxista Coto do Frade non formará parte de ningunha plataforma. Outra cousa será o apoio que faremos a calquera acción puntual levada a cabo por esta plataforma, asistencias a plenos ou reunións para manternos informados ou informar ou calquer cousa que se nós solicite por parte da mesma dado que deste tema, por sorte ou falla dela, sabemos bastante.

Queremos deixar claro que se non formamos parte desta plataforma é principalmente por dúas razóns. A primeira consiste en que, a pesares de declararse apolíticos (inda que opinamos que confunden o termo a político con apartidista porque, que non se confundan, están facendo política inda que non queiran) vai ser inevitable que as formacións políticas traten de empregar o nome da plataforma e de calquer colectivo que se sume a ela para facer unha utilización, precisamente, política. Disto poden falar os do PP, cando fora o do parque de Carballeda, que se gañaron un enorme número de votos grazas a subirse ó carro, criticando aquilo e agora apoiando isto. Caraduras.

A segunda razón estriba precisamente no propio nome da plataforma: no Irixo non. Iso é algo co que nós non estamos de acordo e que ademais foi algo que escoitamos e limos na reunión do sábado pasado. Isto non consiste en incineradora no Irixo non, isto consiste en incineradora ou macroplanta de xestión de residuos non en calquera parte. Doutro xeito ocorrerá o mesmo que pasou co parque de Carballeda, alí non  pero se a poñen noutro sitio que lles vaian dando. E nesas debía estar pensando Clodomiro Montero, membro fundador do foro social Temos Dereito a Saber (a plataforma contra o parque de residuos de Carballeda) segundo as súas propias palabras, cando se presentou no Irixo este fin de semana para falar. Ou máis ben para meter cizaña, meténdose con Adega cando foron os primeiros en apoialos, e dicindo que nós os apoiaramos cando só o fixemos de xeito puntual, exactamente o mesmo que pretendemos facer agora. O señor Clodomiro, dando leccións de vida de como deberían facer para loitar contra a incineradora, esqueceuse de comentar que nas primeiras reunións mantidas a cabo pola plataforma o que se propuñan, e conseguiron,  era o mesmo que pretenden aquí. No Ribeiro non, coreaban daquela. E alguén se lembra de onde dixeron que fose a macroplanta? Pois aquí estamos nós para lembralo: no Irixo.

Que cada quen opine o que queira, pero pasarse a pataca quente de a ver onde metemos isto, está claro que non é a solución. O cambio de modelo na xestión e produción de lixo é a única receita para reverter a actual tendencia de respostas cortoplazistas, que non fan máis que agravar o problema en vez de ser unha solución ó mesmo.

Pero hoxe estamos aquí para contar mentiras. En primeiro lugar queremos falar sobre os 250 postos de traballo prometidos. Ja, menuda estafa. Unha planta de tratamento de residuos para 360.000 toneladas anuais a cambio de 250 postos de traballo?. Fagamos un cálculo realista, sen saír sequera da Galiza (non fai falla falar de Austria, Alemaña ou Holanda para falar de residuos, que aquí tamén os hai e se tratan, de mellor ou peor forma e con apoio ou sen el). Vexamos o que ocorre con Lousame: 150 traballos directos co tratamento de 35.000 toneladas de residuos (cun tratamento ademais comarcal e sen incineración, onde se optimizan os resultados de valorización total. Outra cousa é o desprezo que está sufrindo este sistema de tratamento e a postura de poder exercida por Ecoemebes e o pasotismo da Xunta, do que falaremos outro día). Facede as contas. O resultado é claro: a Sogama Sur tería que ofertar máis de 1500 postos de traballo directos. Pretender ofertar 250 postos de traballo a cambio do experimento químico permanente que supón a incineración parece unha broma de mal gusto.

 A instalación de plantas de compostaxe sextuplicaría eses postos de traballo, fomentando paralelamente unha industria galega do retorno e a reciclaxe de residuos -o que na práctica se traduciría en máis postos de traballo, multiplicando exponencialmente o emprego a medida que o retorno e a  reciclaxe se vaian convertendo nunha realidade, non nunha utopía como parece selo hoxe en día no noso país-  e apostando pola redución en orixe, sensibilizando e lexislando para afrontar de forma realista e pragmática a problemática. Se realmente a prioridade das políticas é a xeración de emprego, non comprendemos como desde a Xunta se defende o sistema de xestión que precisa menos postos de traballo.

Pero aí está Manuel Penedo, ilustre alcalde do Irixo e axente de enquisas no seu tempo libre, prostituíndo ó seu pobo, a cambio de que?. É que o único argumento esgrimido a favor da macroplanta, a favor de concentrar tódolos residuos do sur da Galiza nunha zona escasamente produtora dos mesmos, son os postos de traballo. Uns postos de traballo que, segundo o propio alcalde, serán xestionados por el mesmo, xeito de actuar totalmente fraudulento é que o señor Feijóo non tardou en desmentir. Pero todos sabemos como funciona isto, no Irixo, en Corcubión, Ferrol ou no Ribeiro: os alcaldes deixan facer, pactan coas empresas e, a cambio, xestionan eles mesmos os postos de traballo. Un fraude democrático que deriva no abuso de poder. Pero como explicamos arriba estes postos de traballo son unha gran mentira, un engano para bobos. Quen gañe con isto non van ser os veciños do pobo, iso está máis que claro.

Ademais diso hai que facer unha reflexión: os datos do paro do Irixo, no mes de outubro, eran dun 5,9%. Quen lle dera a case que calquer outro pobo, vila ou cidade desta Galiza deprimida, na que os nosos políticos nós tratan a todos como imbéciles, dado que eles o son, non sabendo aportar solucións reais, eficientes e imaxinativas a un problema real. 250 postos de traballo, menuda broma. É o peor de todo é que máis dun picará. Coa que está chovendo, pensarán. Pois que vaian sacando os paraugas, que a próxima choiva que caia pode vir ácida.

Imos a contar mentiras. O 29 de Xaneiro de 2011 o señor Baltar explicábao no xornal La Voz de Galicia “cunha oposición frontal dos veciños non o imos facer”, en relación a que non se instalaría a planta sur naquel lugar onde houbese unha oposición da veciñanza a esta macroplanta. Porén, as declaracións do señor Baltar mudan substancialmente, loando hoxe en día os beneficios económicos que traerá esta Sogama Sur. Tanto o señor Baltar, como Feijóo como o señor Hernández, proxenetas máximos dun reino inventado por eles, dixeron no seu momento que non se faría con oposición. Pero donde dije digo, digo Diego. Que cara máis dura, que engano a poboación. E despois se vós enche a boca falando de democracia, cando vos limpades o cu con ela.

Pero as imaxes valen máis que mil palabras e, agora, faremos unha reflexión, a raíz do vídeo que podedes ver enlazado abaixo -dun mitín do PP en Ribadavia, antes das eleccións á Xunta do 2009-, e que quen escribe non pode facer máis que aplaudir en canto o escoita, sobre todo as verbas finais, escapándoseme entre os dentes unha frase que non podo reproducir aquí.

“Non podemos consentir un atropello medio ambiental como o que se quere levar a cabo”. Me lo dices o me lo cuentas. Non podiades consentir iso, pero si isto. Porque agora sodes vós quen o facedes, dándolle ós vosos colegas de Estela Eólica o dereito de pernada sobre o lixo. É que de merda, a verdade, sabedes un rato. É normal ó vivir nela. Collestes exactamente o mesmo sistema que pretendía o bipartito en Carballeda de Avia, só que volvéndoo máis lesivo coa implantación, de novo, do fracasado modelo incineratorio e levándoo a outro emprazamento. E pretendedes que o aceptemos?.Ides aviados.

Pero imos seguir falando de mentiras. É doutra data en concreto. O 23 de novembro do 2010. Ese día falaba Javier Gracia, administrador de Estela Eólica e conselleiro delegado de Gecal Renovables, para la voz de Galicia. Nese momento el mesmo definía a planta de tratamento de residuos que Estela Eólica ía construír a cambio de megavatios no concurso eólico como “La Sogama del Sur”. Curiosa definición. Pero nela non falaba de incineración, inda que si dun proceso de xeración de enerxía eléctrica a través da reciclaxe dos residuos aproveitando os gases que se produxeran no proceso. Biometanización?. Quen sabe. O curioso do caso é que ese mesmo día, no xornal el correo gallego, Javier Gracia volve a falar de que a súa planta sería o reverso ecolóxico de Sogama, dicindo que a súa planta non será unha Sogama dous, mandando a afirmación “La Sogama del Sur” a tomar vento e contradecíndose a el mesmo: “…planta de tratamiento de RSU sin valorización energética. Sogama es a nuestra planta lo que una central nuclear a una eólica”. No se quemará basura, afirmaba ó xornal tras estas declaracións. Con dos cojones. Supoñemos que será simplemente que a Javier Gracia, igual que o resto, lle gustan do monte, aparte do vento, as sardiñas, tralará.

Imos a contar mentiras. Ou máis ben, desta volta, doutro novo engano poboacional e á democracia. Agustín Hernández, consellerio de Medio Ambiente, subliña unha e outra vez que o proxecto da Sogama Sur pasará a tramitación ambiental. Para iso nada mellor que modificalas leis. Modificando a Lei de Política Industrial e introducindo modificacións normativas grazas a Lei de Acompañamento dos Orzamentos, o mesmiño que fixestes o ano pasado. Sodes uns grandes. Uns grandes senvergoñas.

Imos a contar mentiras. Nestes días tamén, o excelentísimo señor Hernández, remarca o que se ven dicindo coma se dun mantra se tratase por todo aquel afín ó PP (lembrémonos do heroe contemporáneo Luis Lamas, ese gran hombre): “o obxectivo da Xunta é parecerse ós países máis desenrolados, como Holanda ou Austria, que incineran tres veces máis ou Dinamarca, seis veces máis. Dado que os grupos da oposición pretenden ser como Togo, Costa de Marfil ou outro calquer país do terceiro mundo”, segundo verbas do propio Hernández, instando ós partidos da oposición a non faltar á verdade.

Vexamos a comparativa cos países europeos máis desenrolados(os datos que mostraremos a continuación, tratados por nós en forma de porcentaxe, foron extraídos en bruto do eurostat, quen quera pode contrastalos aquí).

É certo que o Estado español incinera menos, é Dinamarca a que máis. Pero, observando os datos de recuperación material total, Dinamarca recicla menos que ningún, case o mesmo que o Estado español, sendo ademais Dinamarca quen máis residuos produce, con moitísima diferenza, claro indicativo de que a maior porcentaxe de incineración, menor capacidade de reciclaxe (o contrario do que se fai crer) e maior produción de residuos. Austria e Alemaña, cunha porcentaxe similar de incineración, rondando o 30%, obteñen os mellores resultados de recuperación final de materiais (tratando ademais, día a día, de reducir as porcentaxes incineratorias en troques da recuperación dos materiais, ó contrario tamén do que se fai crer). Pero aquí hai que facer unha distinción. Quen escribe, por motivos da vida, estivo por tempadas vivindo en Austria. E a cousa funciona ben distinta. A maioría do que se incinera en Sogama, e do que se incinerará na planta do sur, son residuos orgánicos. Iso alí non existe. Que non conten milongas sobre a incineración en Austria ou Alemaña. A xente alí deposita o lixo orgánico en contenedores axeitados a tal fin, en días concretos da semana, e levándoos e gardándoos na casa sen empregar bolsas de plástico, só material orgánico. Incrible verdade. Que tolos estes tipos. Menudo traballo que levan. Co cómodo que é tiralo nunha bolsa, cando me pete, e que o leven a un lugar máxico onde o lixo se converte en enerxía. E sen nadiña de contaminación, oes. A incineración, no ultimísimo caso de empregarse, só debería ser para a fracción rexeites, unha vez esgotadas tódalas outras vías. O contrario é, coma dixemos antes, experimentos químicos permanentes. A incineración de todo o que vai no contenedor verde, cun altísimo porcentaxe de materia orgánica, é un dos principais xeradores de elementos altamente contaminantes e creador de novos compostos que non existen na natureza (pero diso falaremos outro día, de xeito máis conciso, xa que este artigo se está alongando moito máis do pensado).

Pero bom, non queriamos falar diso en realidade. Queriamos facer unha nova conta. E é que non estamos a falar do Estado español. Estamos a falar de Galiza. A Xunta é a que manda e a xestión do lixo faise ó nivel das comunidades autónomas. Así pois, resulta un tanto abraiante que o flamante conselleiro expoña este exemplo de países máis avanzados, pretendendo que nos creamos que así se segue este modelo co novo plan de residuos e coa nova incineradora. Nada máis aloxado da realidade. Nesta volta de torca por parte do goberno galego é doado analizar os datos. Vexamos: Sogama xestiona 1.000.000 de toneladas de residuos anuais, e a súa incineradora ten unha capacidade para tratar 500.000 toneladas. Se a isto lle sumamos a nova incineradora do sur, cunha capacidade de 310.000 toneladas de residuos por ano (inda que a súa capacidade total será dun 10% máis, o mesmo que ocorre con Sogama), nos da a incrible cantidade de 810.000 toneladas destinadas á incineración. O cal quere dicir que Galiza, coa nova incineradora do sur queimará, dun total de 1.08 millóns de toneladas que xe xerarán no país segundo previsións da Xunta pro ano 2020, o 75% dos seus residuos (máis do 80% se as dúas plantas funcionasen a pleno rendemento, o 10% de incremento que falabamos no paréntese anterior), deixando a Galiza como a rexión máis contaminante do Estado español e relegándoa á última posición de toda a Unión Europea en canto á xestión do lixo. Vaia vaia, parece que as bonitas palabras por parte da consellería xa non o son tanto.

E vai outro dato. Nova planta sur de tratamento. Tratamento para 360.000 toneladas de residuos anuais. 10.000 toneladas do chamado contenedor amarelo (envases lixeiros). 40.000 toneladas para compostaxe. Fagamos contas de novo. Material reciclado (envases lixeiros): 2,8 %. Recuperación material total (sumando a compostaxe): 14%. Non se achega en ningún caso as cifras absolutamente mínimas que ten o Estado español hoxe en día e, por suposto, non se achega as cifras de recuperación material prometidas polo goberno galego. Quen se parece agora a Togo?

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade pon de novo en manifesto o absoluto escurantismo levado a cabo pola administración galega no tema dos residuos, mentindo cada vez que falan, deixando claro que até o momento se está a actuar de xeito totalmente fraudulento sen seguir en ningún momento o principio de acceso á información e participación na toma de decisións pola poboación reflexado no convenio de Aarhus, a súa transposición as directivas europeas, estatais e por último as leis galegas, saltándose continuamente a Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente. O plano de residuos, aprobado a principios de ano, non tivo en conta ningunha das 68 alegacións presentadas por diferentes colectivos ó mesmo.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade é radicalmente contraria á incineración, sexa cal sexa o lugar elixido, esixindo neste sentido unha nova planificación na xestión do lixo para cumprir cos obxectivos de recuperación establecidos na normativa europea, reducindo a capacidade incineradora actual da propia Sogama e desbotando a planificación dun novo plan que redunda no mesmo.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade posiciónase en contra da xestión dos residuos sólidos urbáns do Sur de Galiza concentrados nun macropolígono, maquillado coa posta en funcionamento dunhas insuficientes plantas de compostaxe, medidas recicladoras e de prevención. Esta Asociación aposta, dun xeito claro e contundente, pola xestión a nivel comarcal en pequenas plantas, onde o impacto medioambiental é mínimo, o aforro enerxético faise evidente e os resultados acadan a máxima eficacia. Rexeitamos a idea dunha Planta Sur que xestione os residuos sólidos urbáns das provincias de Ourense e Pontevedra.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade maniféstase contraria á privatización na xestión dos residuos de Galiza sinalando que o feito de empregar o lixo como unha mercadoría só poderá ter como efecto ineludible o aumento na xeración dos mesmos, polo simple principio de que a maior residuos xerados, máis mercadoría coa que comerciar e maior beneficios para a empresa que se encargue de xestionalos. O novo-antigo modelo que se trata de impoñer, xestionado de xeito privado, fará que primen os intereses económicos: máis incineración e vertedoiro, que é o que da cartos. Quen pense que esta xente se vai encargar de reciclar o lixo, por favor, que esperte do soño dunha vez.

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade lamenta o pouco traballo de concienciación social, denunciando que a xente non ten nin idea do que facer cos seus residuos xa que o sistema así o permite. Avogamos por un modelo de xestión comarcal e descentralizado, transparente e participativo, optimizando todo o proceso para lograr a máxima eficacia. Apostamos por un modelo de redución, onde os sistemas de depósito, devolución e retorno de envases sexan unha realidade. O modelo que a Xunta pretende perpetuar é un modelo fracasado de antemán, coa xente vivindo de costas á realidade. O lixo hai que xestionalo, pero facelo dunha forma ineficaz, como é o caso, pode traer graves consecuencias futuras.

Pretender medrar infinitamente, nun mundo finito e limitado, é de tolos.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: