Skip to content

Pleno no Irixo

22/12/2011

Hoxe estivemos no Irixo de novo dado o  pleno extraordinario para a aprobar o plan xeral de ordenación urbanística trala invitación que se nós fixo a asistir por parte dalgúns dos veciños do concello. O pleno durou cinco minutos durante os cales, ó mesmo que ocorreu antes e despois do mesmo, houbo unha gran rifa dirixida ó alcalde e a corporación local motivada pola recente baixada de pantalóns da corporación ó aceptar a instalación da Sogama Sur no seu municipio.

Sentimos non poder mostrarvos imaxes, pero a nosa cámara parece que sufriu unha defunción que agardamos sexa momentánea. De todos xeitos volo comentamos. Había bastante xente (unhas 50 persoas), sobre todo para ser un xoves de mañá e a primeira hora. Que o alcalde e dirixentes do PP digan o que queiran pero está claro, tras falar cos veciños, que a meirande parte dos habitantes da zona están en contra deste suicidio medio ambiental e socioeconómico perpetrado dende as altas esferas. Pero os nosos dirixentes seguen ó mesmo, mentindo máis que falan. O sheriff Penedo segue ó mesmo: confiade en min, non vai haber contaminación, traballo para todos, isto é o mellor que lle podía pasar a O Irixo…. Dixo o rei dos ladróns: nós nunca roubamos nada.

O de que non vai a haber contaminación é de broma. Por suposto que vai haber contaminación,e máis queimando na incineradora lixo orgánico con plásticos e o que cadre. Quen defenda esta postura é que ou non ten nin a máis mínima idea do que está a falar ou obtén algún tipo de plusvalía con isto, algo que nós explicaremos de xeito pormenorizado en vindeiros artigos. A eliminación dos residuos sólidos procedentes das plantas de incineración, especialmente das cinzas procedentes dos filtros, conteñen cantidades moi elevadas de dioxinas, furanos e metais pesados. Algo que se van ter que comer os veciños do Irixo, non hai medias tintas. Quen queira pode ver aquí o que se fai con isto en Sogama: sacos de 1.000 kg de peso á intemperie, máis de 30.000 cada ano, sen ningún tipo de tratamento posible. Outra cousa serán os contaminantes atmosféricos ou os que irán parar ás augas (efluentes), que nolos comeremos entre os veciños do Deza, Tabeirós, o Carballiño e o Ribeiro (pero xa dixemos que daremos datos máis concretos en breve).

 En realidade non existen argumentos sólidos para defender a incineración, por iso o único que din unha e outra vez son eses 250 postos de traballo que van traer ó pobo. Que ninguén se engane, quizais a macroplanta si xere 250 postos de traballo nun primeiro momento, sobre todo para saltarse certa burocracia, pero en canto comece a funcionar estes postos veranse diminuídos, como moito, á metade. Senón que lle pregunten ós recentemente despedidos traballadores de Sogama ou consultade por internet cantos postos de traballo dan as incineradoras no Estado español hoxe en día: ningunha chega a 250 e esta planta, que se moverá por criterios puramente economicistas, non será unha excepción.

E para xustificar todo isto nada mellor que seguir mentindo. Onte Baltar tiña a caradura de dicir para Faro de Vigo que non existían problemas de contaminación coa incineradora en Cerceda, que levaba alí 40 anos!! Dende os anos 70!! E que nunca pasara nada!! E van os do Faro e publícano. Pero vamos a ver, se a incineradora inaugurouse no ano 2000, entrando en explotación comercial no 2002. Calquera pode comprobar este dato. Non se dan conta, señores xornalistas, que a xente cre o que lee nos seus xornais. Se vostedes publican iso están faltando á verdade e a súa ética profesional queda manifestamente posta en dúbida. Por favor, un pouquiño de criterio. Está ben que estean vostedes subvencionados, igual que La Voz (onde onte saía Luis Lamas, abogaducho lucense de meixelas sonrosadas reconvertido por obra e gracia da libre disposición a presidente de Sogama, loando as bondades da incineración, manda carallo) ou La Región e demais. Pero se espera moita máis de vostedes e da súa ética profesional, non só que publiquen todo o que se manifesta dende unha parte da ecuación, sen contar co que se manifesta dende o outro lado, onde normalmente, ademais, se dan datos concretos, contrastados e verificables. Facelo doutro modo é un claro signo de adoutrinamento. E para iso son vostedes periodistas? Onde quedou a investigación, o contrastar e verificar os datos, a obxectividade dos artigos e a pluralidade da palabra? Dende logo nos seus xornais, inda que de vez en cando xorde, brilla de xeito xeral pola súa ausencia.

De seguir así a palabra dos políticos, que en realidade son quen menos saben de tratamento de residuos, agricultura, medio ambiente, economía… parecerán ter razón cando todo indica que se equivocan. Ou quizais non se equivoquen tanto, dado que eles son, moitas veces, os máximos beneficiados de andar fodendo ó cidadán.

Pero bom, isto é unha opinión subxectiva e quizais nos trabuquemos. Quizais non se vai contaminar, quizais todo o mundo terá traballo mentres das chemineas onde se queima un lixo potencialmente reutilizable e reciclable saian bolboretas en troques de contaminantes atmosféricos, quizais as cinzas procedentes do proceso incineratorio sirvan até para comer, quizais este sistema sexa a panacea e todos estamos errados salvo eles, que son a xente de carreira, os científicos, os investigadores, biólogos, enxeñeiros, economistas… Ou é o revés?

Trala errada experiencia de Sogama, un escándalo de xestión que, lonxe de mellorar no tempo, foi incrementando a súa inoperanza e mala praxe: denuncias por contratos millonarios irregulares, tráfico de influencias en empresa pública, prevaricación, despedimentos por falseamento de datos, vertidos tóxicos ó río Lengüelle, ademais da pobre bagaxe recicladora da planta e as emisións de substancias perigosas á atmosfera, auga e solos, derivadas da incineración dos RSUs, ó que hai que sumarlle o escándalo na xestión dos residuos farmacéuticos do punto Sigre, que nos converteu durante máis de seis anos no vertedoiro ilegal de todo o Estado español; quen de verdade pode crerse que a repetición do mesmo modelo pode ser un éxito? Quen pode crerse ademais que a privatización do modelo pode traer beneficios para coa nosa terra?

Xa o dixemos antes: o criterio que vai primar será puramente economicista. A redución, reutilización, reciclaxe, respecto polo medio ambiente e boas prácticas quedará relegado a unha posición secundaria, sempre por detrás da obtención de beneficios por parte da empresa. Namentres tanto, a veciña Portugal xa está interesada na xestión do lixo que se faga no sur galego. É unha empresa privada e, segundo a lei, se poden traer residuos para queimar de calquera parte de Europa. Se iso ocorre e incluso se amplía a capacidade incineratoria da planta no futuro, por favor, que ninguén se leve as mans a cabeza. É o que ten ser europeos.

P.S.: falando da falla de criterio xornalístico, e sen que isto pretenda ser una ataque contra ninguén senón, máis ben, como unha chamada de atención, La voz publicou que o alcalde de Cortegada fora a Vitoria a ver una planta da mesma empresa que vai construír no Irixo, e que non había contaminación ningunha. Normal que non exista contaminación de algo que simplemente non existe. E o de Luis Lamas de onte, de coña, parece que en Alemaña ou Austria as incineradoras non contaminan e que a xente está a favor delas, por favor. E o que di sobre o informe ese británico sobre o que molan as incineradoras e o chachis que son? Onde está? que os demais tamén queremos lelo, porque a nosa información di que a Gran Bretaña prohibiu hai anos a comercialización de leite e carne procedente de vacas que pastan na contorna de plantas incineradoras de residuos. Pero como non imos a dar unha información contrastada sobre isto, que cada quen pense o que queira.

Inda que si imos dar unha info contrastada que fai tempo queríamos poñer na páxina, e que hoxe case se nós volve a esquecer. É a merda esa publicada tantas veces nos xornais cada vez que Luis Lamas fala, e que onte volveu saír co gallo da entrevista que lle fixeron, sobre que os verdes en Alemaña están a favor da incineración. Por favor, solicitamos dende aquí, se o volve decir, que o xornalista encargado de falar con este personaxe lle presente esta ou outra info que se pode atopar facilmente na rede. Quen dixo en realidade que a incineración era a mellor opción, falando ademais de entre tres posibles (vertedorio, pirólisis e incineración) foi Michael Weltzin, asesor dos verdes e que non representa a este partido para nada (de feito tras isto deixou de ser colaborador), cuestión malinterpretada intencionadamente polos defensores da incineración (os que gañan cartos con isto, vamos). Agora adícase, pagado polas incineradoras, a dar charlas loando as bondades da mesma. Unha vendida en toda regra e unha manipulación da realidade, segundo o propio partido dos verdes. Podedes ler a info aquí, e se buscades un pouco veredes que o diario La Nueva España foi quen sacou isto e que institucións como Sogama se aproveitan dunha información que saben falsa. O dito, están enganando todo o rato facendo crer, falsamente, que a incineración é a solución cando na Galiza xa demostrou sobradamente que é parte do problema.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: