Skip to content

A minicentral do Cerves é ilegal: denunciamos ante a Fiscalía

18/01/2012

Como vos anticipamos fai un par de meses escasos, tras estudar o novo proxecto para a repotenciación da minicentral hidroeléctrica do río Cerves, sita nos concellos de Melón e Ribadavia, onde enviamos as nosas consideracións para que toda a minicentral fose sometida o pertinente estudo de avaliación de impacto ambiental (algo que nunca se fixo en toda a vida desta instalación) trala súa petición de repotenciación (chuchar máis auga do río para producir máis electricidade), chegamos a conclusión de que a concesión de licencias de obra para este proxecto, dadas a finais dos 90, presenta demasiados claroscuros.

A concesión foi dada a Unión Fenosa en 1990 durante a época Fraga, goberno durante o cal maiores concesións hidroeléctricas se deron baixo o amparo de Don Manuel -33 das cales están paralizadas polo novo plan hidrolóxico Galicia-Costa dependente da Xunta debido a unha sobrexplotación dos ríos galegos, como a propia Xunta recoñece -, pensamento herdado do seu pasado franquista, onde os pantanos se converteron nunha fonte de ingresos e enerxía que hoxe en día tornouse nun grave problema de mantemento de ecosistemas acuícolas e de ribeira, o que explica en parte a crise económica que temos en Galiza, xa que non podemos aproveitar os nosos ríos para outros usos, pesca deportiva, pesca con fins comerciais, turismo de diverso tipo, actividades de natureza e observación animal…, dado que estes ríos, propiedade de tódalas galegas e galegos, teñen uns donos distintos a nós mesmos.

É que Don Manuel Fraga Iribarne, ese ser camaleónico que o mesmo lle daba traballar a prol da ditadura de Franco que reconverterse a democracia para ser presidente dunha Galiza a que nunca lle prestou, sexamos francos (valga a redundancia), demasiada atención, non lle tremía o pulso a hora de conceder licencias para que uns poucos se fixesen ricos a costa de empobrecer a toda Galiza, destrozando o territorio a cambio de cartos.

A capacidade de reciclaxe de Don Manuel, levado de ministro da ditadura en vida, a pai da democracia trala súa morte, foi dunha capacidade tal que se se aplicase este mesmo modelo a xestión dos residuos de Galiza, non habería debate posible hoxe en día sobre a xestión dos mesmos. Seguro que EL remataba coa discusión, como tantas outras veces fixo, dun golpetazo na mesa.

E nesas estamos. Como se recolle no preámbulo da Lei 5/2006, de 30 de Xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos:

“Las presas hidroeléctricas hacen que más del 70% de nuestros cauces fluviales sean inaccesibles a las especies migratorias.

 Las infraestructuras hidroeléctricas son responsables de las principales afecciones a los ríos gallegos. Galicia, con tan sólo el 5% del territorio y el 7% de la población, genera el 25% de toda la electricidad de origen hídrica del Estado español. El 34% de la electricidad generada en Galicia va fuera del país, se exporta, con unas pérdidas en el transporte que superan hoy toda la producción eólica en Galicia. Esta sobreproducción no redundó en un mejor abastecimiento a los pueblos y comarcas gallegas.”

Pois iso. O suficientemente claro como para que teñamos que explicalo. Electricidade exportada (e en aumento día a día), territorio degradado (podedes ler a lei enteira), cartos pros de sempre (sen que ademais se cree emprego, a minicentral do Cerves, coma todas, funciona de xeito automático), e pobreza e degradación para os demais. Isto foi o que deixou Don Manuel para os ríos galegos. Que caro custa criar un kilo de vaca, e que barato é un kilo de peixe, dicía o sabio Castelao referíndose a abundancia dos ríos galegos. Inda non chegara Don Manuel.

Esa herdanza quedou tamén no Ribeiro, e máis concretamente no río Cerves. En decembro do 97 concédense as licencias de obra, momento no cal o río Cerves tiña recoñecido a nivel administrativo unha figura de protección especial medio ambiental, co cal nengún proxecto podería ser levado a cabo nese río. Ademais en 1999 se cambian tódalas características do aproveitamento hidroeléctrcio, co permiso da Xunta e do goberno do Estado español, cando ese río xa tiña recoñecido, de xeito totalmente legal e non só administrativo, a súa figura de especial protección a través do Real Decreto 1664/1998, de 24 de julio, por el que se aprueban los Planes Hidrológicos de cuenca. Finalmente no ano 2000 a explotación comeza a funcionar. En todo ese tempo este proxecto debeu ser paralizado polas propias administracións.

Por todo iso denunciamos, a semana pasada e ante a Fiscalía de Medio Ambiente, a ENEL UNIÓN FENOSA RENOVABLES, S.A, Concellería de Medio Ambiente-Xunta de Galicia e Confederación Hidrográfica do Norte (hoxe en día do Miño-Sil)-Ministerio de Medio Ambiente do Goberno do Estado español, sabendo, iso si, que quen ten a máxima responsabilidade son as administracións, xa que elas concederon as licencias e son as principais responsables, pero non por iso cremos que Fenosa poida eludir a súa responsabilidade.

A denuncia a Fiscalía (onde está todo explicado máis polo miúdo) consta tan só de 9 páxinas (excluíndo os anexos que é o que a fan máis ampla). Podedes lela no seguinte enlace.

Denuncia Fiscalía minicentral Río Cerves

Os anexos I e II, xa coñecidos pois se trata das consideracións presentadas ante a Dirección General de Evaluación Ambiental do goberno do Estado español, podedes consultalas nos documentos finais do seguinte enlace.

O anexo III non se adxunta por consideralo irrelevante nesta presentación pública (iso si, quen o queira non ten máis que pedilo). O anexo IV podedes velo a continuación. Grazas a tod@s quen traballastes durante anos nesta asociación. Esta denuncia non podería ser levada a cabo sen a información, gardada como ouro en pano, e traballo feito por vos. Se fai 15 anos as leis funcionasen como hoxe en día – a pesar de que inda fallan bastante- o igual que internet, quizais non tivésemos que andar con isto hoxe en día. Saúdos e graciñas de corazón.

Anexo IV

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: