Novo escrito ante a Confederación Hidrográfica
Como ben sabedes, o 15 de xullo do ano pasado, enviamos a Confederación Hidrográfica Miño-Sil un informe-denuncia pola situación de desamparo na que se atopaba o río Avia (baseado principalmente na presenza de espumas de xeito case que diario e nos continuos vertidos de residuais ó río).
Contestáronnos pero, nunha resposta que foi asumida por parte desta asociación como feita co único ánimo de manternos contentos, fíxemos unha réplica a esta resposta solicitando máis información sobre as actuacións levadas a cabo por eles mesmos no río Avia e o proceso dexenerativo que está a sufrir o mesmo dende diferentes perspectivas (contaminacións continuas, espumas, vertidos, amieiros e demais vexetación riparia, secuestro do río por parte de Fenosa, secuestro de información por parte da propia Confederación, …), cun escrito máis amplo inda que o anterior.
Esta réplica, de solicitude de información real dada a incorrecta e sesgada resposta dada por parte da Confederación, foi enviada na primeira semana do mes de setembro do ano pasado. Catro meses despois non obtivemos resposta co cal, no mes de xaneiro deste mesmo ano e ante o que consideramos unha deixadez de funcións por parte da administración, enviamos unha carta á Confederación, pedindo que se nós contestase á maior brevidade posible, dado que normalmente as respostas da Confederación non se alongan tanto no tempo pedindo, sobre todo, unha resposta ó punto tres (secuestro de información por parte da propia Confederación), dado que do resto non parecía tivesen gañas de contestar.
Pero desta volta, ó igual que ocorrera o mes pasado con Medio Rural (coa solicitude de informes sobre especies migradoras que se remontan no río Miño na presa de Frieira), tivemos que ameazar con emprender accións legais, baseándonos nas directivas e leis de acceso á información en materia de medio ambiente. De novo, ó igual que ocorreu con Medio Rural, a resposta foi dada nun tempo record, constatando así o que sabemos dende fai tempo nesta asociación: quen ten cu, ten medo.
Resulta moi triste ter que ameazar con emprender accións legais para obter a información que por lei están obrigados a facilitarnos, o que dificulta moitísimo a nosa labor. Este non debería ser o modo de actuar dunha administración que se pretende considerar como seria, o que deixa patente a ridiculez de todo o sistema no que nós atopamos inmersos: as asociacións, colectivos, partidos, cidadáns, … son denostados ó ostracismo por figuras que exercen un continuo abuso de poder, facendo deste abuso de poder a verdadeira lei, condenando ós cidadáns e ó medio ós intereses de non se sabe moi ben o que. Ou si.
Parece, asemade, que o ridículo deste sistema pretendeu levar en semanas pasadas, de novo, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a xuntarse coa do norte, e todo volvería a levarse dende Oviedo. Nós, ante isto, temos pouco que dicir. O certo é que cando estaba en Oviedo era moito máis doado obter información que agora que está en Ourense, ademais de que segue a ter as competencias do Estado español, que deixaría unhas oficinas en Ourense. Exactamente o mesmiño funcionamento que ten agora, só que non se gastará tanto en soldos e non haberá que facer un edificio destinado a tal fin, cun orzamento presupostado duns 4,5 millóns de euros. Rematadas as vacas gordas faríase o mesmo traballo, pero con distinto nome.
Recomendámoslle dende aquí ós empresarios e políticos, que foron practicamente os únicos que levantaron a súa voz ó ceo porque levasen un servizo do goberno español a outro lugar do Estado, que se poñan as pilas e reclamen a xestión dos ríos galegos para Galiza. Facelo doutro xeito será a continuación do imperialismo ó que tan afeitos estamos: se a competencia dos ríos galegos segue sendo do Estado español, mentres deixen unhas oficinas -que é o que se pretendía facer co cal o funcionamento sería exactamente o mesmiño só que cunha nomenclatura análoga,- por nós que o leven a Madrid ou que o metan no cu do rei se queren, que se lle sae algunha almorrana pode tinxir, co seu sangue, os nosos ríos de azul, que boa falta lles fai.
O certo de todo isto é que a única Confederación que se plantexou reunificar en todo o Estado español, para recortar gastos supostamente, é a do Miño-Sil. Unha vez máis, noraboa señor Liñares, volveu vostede a demostrar o erro que supón a libre disposición, que fai que os postos de responsabilidade -e os do día a día tamén, máis importantes se cabe- sexan dados por afiliación política, e non por méritos dos aspirantes. Pero seguimos co noso.
Pois ben, recibida a carta por parte da Confederación, firmada polo excelentísimo señor Liñares, antigo presidente da Confederación e o que, polas vicisitudes derivadas da libre disposición fixérono marchar pola porta de atrás (outra cousa será o cargo que lle teñan gardado os seus compañeiros), volvémonos atopar cunha resposta baleira de contidos, sesgada de información e torticeira en canto ós datos solicitados.
Por todo iso, e ante o cambio na presidencia da Confederación (haberá que darlle chance a ver que fai), enviamos unha derradeira contestación á Confederación, volvendo a expoñer, dun xeito moito máis resumido dado que se quere o señor presidente pode buscar os anteriores escritos entre esta asociación e a Confederación, as problemáticas que vimos denunciando dende o ano pasado (inda que veñan, en realidade, de moito máis atrás).
Do mesmo xeito, e ante o que consideramos un secuestro de información por parte da Confederación, denunciaremos a vindeira semana á Confederación ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense por ocultación de datos, aproveitando e pedindo outra cousa máis sobre o secuestro do río no embalse de Albarellos. Pero iso será a semana que ven.
A continuación poñemos unhas fotos (facede click nelas para amplialas, así veredes como nalgunha se ven montículos de espuma) como exemplo do día de hoxe, para que poidades ver as espumas que abundan no río, tomadas á mesma hora que a Confederación estaba a tomar as mostras, hoxe xoves, do vertido que denunciamos o martes pasado. Despois enviarán unha carta dicindo que non atoparon ningún tipo de contaminación susceptible de provocar vertidos. Xa.
Tralas fotos poñemos o escrito remitido dende a Confederación a esta Asociación, e tras este, a resposta enviada por nós a ese escrito.
Escrito Confederación:
Resposta Coto do Frade:
Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con domicilio a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.
En resposta ó seu escrito con data de saída de 10/02/2012, firmado polo antigo presidente da Confederación Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares, en relación co escrito remitido por esta asociación, con data de entrada á Confederación de 07/09/2011 e reiterado con data 11/01/2012, relativo a diversos aspectos da bacía do río Avia:
1.- En canto a presenza de espumas e outros vertidos:
Asegúrasenos que se fixo unha labor exhaustiva de vixilancia por parte da Gardería Fluvial, trala denuncia feita no mes de xuño por esta asociación, para ver de onde procedían as espumas. Porén, non se explica nada ó respecto, de se atoparon espumas ou non e se fixeron análises ou non (ademais dunha explicación coherente sobre o porque destas espumas, que no día de hoxe foron observadas por un dos técnicos da Confederación, que se presentou para tomar as mostras que debería ter feito o martes pasado), co cal, só podemos supoñer que isto é mentira dado que temos fotografías datadas de todo o verán con abundante presenza de espumas, que calquer habitante de Ribadavia ou quen pase polo río podía ver (feito por certo que se segue a repetir neste mesmo inverno, se ben a maior presenza de auga e o carácter intermitente desta presenza de espumas, diminúe a súa visibilidade. Outra cousa será o que pase no próximo verán, dado que os contaminantes que provocan esta presenza de espumas, está claro, seguen a verterse no río).
Opinamos de novo o mesmo, este é un problema multifocal, nunca visto antes a tal magnitude, e que está a acontecer en ríos de todo o país nos derradeiros anos, probablemente debido a un exceso de materia orgánica, unido con outro tipo de contaminantes. O que se debería facer é ir solucionando os pequenos problemas (multifocalidade) que ocasionan este exceso de materia orgánica e outros contaminantes a traveso, segundo a nosa humilde opinión, de políticas que diminúan a carga contaminante que chega ós ríos. De non ser así a contaminación dos nosos ríos irá en aumento de xeito progresivo até, quizais, chegar un momento no que os ríos non sexan capaz de asumir máis.
Gustaríanos tamén poñer en aviso a Confederación, que inda pode investigar e solventar isto se quere, que esta asociación está a recibir continuas denuncias por parte dos cidadáns do Ribeiro, dado que o río Avia continúa e continuou neste inverno con espumas con, ademais, un claro denominador común que fainos ter a certeza de que se tratan de vertidos dalgún tipo de empresa (ademais do tema da multifocalidade, que o consideramos de suma importancia): normalmente estas espumas poden verse de xeito máis claro a primeiras horas da mañán, como se os vertidos se fixeran de noite, desaparecendo paulatinamente ó longo das primeiras horas do día para volver a aparecer a mañán seguinte.
Ademais disto, quen aquí escribe, ten o san costume de pasear moito polo río, puidendo afirmar que a única vez que se ve a Gardería Fluvial no río é cando a chamamos, constatando ademais que a inmensa maioría de denuncias (por non dicir todas) feitas o ano pasado foron tralas inspeccións feitas ó río por parte desta asociación, e nalgúns casos de particulares. Vostedes son, máis ben, como o xuíz que certifica a morte dun accidentado. Só se persoan cando os chaman para dar fe.
Isto queda patente na última denuncia-chamada feita dende esta asociación á Confederación, o pasado martes 6 de marzo, alertando sobre a presenza de aceite no río. Dixéronnos que ían vir, a ver que pasaba. E aquí os poderiamos estar esperando, se non chega ser porque se enviaron fotos, ademais de envialas a propia Confederación sobre estas manchas, á prensa. Unha vez saído isto na prensa entón si, así si apareceron. Só que dous días despois, hoxe xoves. E nós nos preguntamos, que pensaban que ían atopar hoxe? A resposta é clara: nada. E así nos vai. E vostedes inda teñen a estúpida idea de crer que cada vez que hai un vertido os chamamos creando así, como vostedes din, alarma social. Pois que lles quede ben claro: non chamamos cada vez que hai un vertido, porque senón estariamos todo o día nela. Primeiro tratamos de solucionalo, se podemos, e senón despois e cando os chamamos. Como vostedes comprenderán, se hai aceite no río, pois non podemos solucionalo de ningún xeito. Pero tranquilos, visto como traballan, será mellor non chamalos nunca, porque se aparecen cando xa non hai vertidos…
A labor continua de control e vixilancia de vertidos, levados pola Gardería Fluvial, debe ser máis ben unha broma, como queda patente no penúltimo vertido incontrolado ó río Avia, do que vostedes non teñen nin a máis mínima idea, dado que desta volta non o denunciamos, senón que directamente chamamos a Aqualia para informarlles do mesmo, cuestión que solucionaron pasadas unhas cinco horas, tempo durante o cal se verteron residuais ó río, sen que vostedes, con esas magníficas mostraxes periódicas que din que fan, a labor de vixilancia continua e a teledetección da rede SAICA, tiveran constancia do mesmo.
Outra vez vólvennos a dicir o da EDAR de Ribadavia, en Francelos, que funciona estupendamente. E volvemos repetir: os vertidos veñen de máis arriba. A ver se isto queda claro dunha vez.
O derradeiro parágrafo do punto un da súa resposta é a culminación exemplarizante de todo este escrito, e dos anteriores, feito a esta asociación por parte da Confederación: botar balóns fora, que é o que se lle da ben. Mentres tanto o río Avia segue a morrer un pouquiño máis cada día. Deberían ter en conta o que está pasando no Barbaña, con presenza de espumas e vertidos durante anos, cada vez maiores. Isto mesmo é o que lle ocorre o río Avia, pero a súa deixadez é tal que non se poñen as pilas até que xa é demasiado tarde. Poñémoslles, así pois, en preaviso, dado que todas estas denuncias e informes poderían servir, nun futuro, para pedir responsabilidades penais se o proceso de vertidos continuos, contaminación e dexeneración do río Avia e do seu ecosistema asociado nos levan a unha situación de desprotección semellante a que lle ocorre hoxe en día ó Barbaña.
2. En relación coa rede de sanemento:
Debido a que o “Reino de España” xa foi sentenciado polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea -con sentencia en firme do 14 de abril de 2011, polo incumprimento da directiva 91/271/CEE, de saneamento e depuración de augas residuais e urbanas-, nós van a permitir que dubidemos da súa palabra.
Tamén está estupendo que, baseándose no Plan Hidrolóxico de conca, fagan un regate para saltarse a Directiva Marco de Auga, en concreto e como dixemos antes do artigo 4. De todos xeitos e a pesar de que temos que dicirlles “ben xogado”, gustaríanos que leran o parágrafo oitavo deste artigo 4, dado que consideramos que existe unha incoherencia en canto a aplicación desta norma por parte da súa administración.
Sexa como fore, resulta moi triste ver que vostedes, derradeiros responsables da calidade das nosas augas, adícanse a facer regates, bordeando a lexislación, para non cumprir co seu cometido. Esta asociación sinte noxo e vergoña allea de tales actuacións, dado que vostedes representan a conciencia cidadán e os seus intereses, salvagardando o medio para o que foron elexidos: a auga, que como ben dice a lexislación europea “non é un ben como os demais”.
Volvemos a reiterar o mesmo que dixemos no anterior escrito, en canto ó sistema de bombeo de residuais que tantos problemas xera, a pesar de que vostedes seguen lanzando balóns fora (cousa na que, por certo, son moi hábiles):
“Denunciamos así o feito de que a Confederación trate de eludir a súa responsabilidade facendo crer que se trata dun problema puntual, debido ó temporal, e non estrutural, a pesar de que a estación de bombeo sita na zona de San Francisco reúne as características necesarias para que este tipo de “accidentes” se repita de forma cotiá. Deberíase solucionar o problema de risco permanente no que está esta zona do río antes de que teñamos que lamentar unha situación irreversible.”
3. En relación cos datos solicitados sobre a calidade das augas:
Isto xa é o colmo. Nós din que se acompañan de novo os datos da rede SAICA de Ribadavia, dos anos 2010 e 2011, debido a desaparición destes datos na anterior entrega (o cal consideramos no seu momento como premeditado e de extrema gravidade https://cotodofrade.wordpress.com/2011/09/06/10229/), e o abrir o sobre, por máis que rebuscamos, non atopamos nada. Se é que nos mandan cd’s invisibles, por favor, fágannolo saber. De non ser así o caso consideraremos, de novo, como secuestro de información premeditado, o cal acarreará as accións legais que estimemos oportunas. Porque a verdade é que xa está ben.
Tamén resulta de chiste o último parágrafo deste punto tres, do cal só comentaremos que se a vostedes lles parece un río san o Avia, cunha temperatura media diaria de 23,2 ºC en época estival, é que non están ben da cabeza. Ou non saben vostedes facer o seu traballo, según se mire. Se o que se pretende é que toda a conca Miño-Sil sexa para facer termalismo nos ríos, por favor, rogamos se nós comunique.
Debido a este feito, ante o que durante meses e meses non se nós deu nin se nós da resposta denunciamos, en virtude da Directiva 2003/4/CE del Parlamento Europeo y del Consejo, de 28 de enero de 2003, relativa al acceso del público a la información medioambiental, e a súa transposición a Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente, ante a fiscalía para que actúe como considere máis axeitado para que se poñan as sancións pertinentes, tal e como está establecido nas leis anteriores, contra ós responsables de tal actuación.
4. En relación ó tema dos amieiros:
Estamos, a verdade, encantados ó saber que a súa administración considera que o fungo Phytophtora alni non é o único causante da debilidade e mortaldade dos amieiros. Encantados tamén estamos de que contratasen os servizos de asistencia de expertos en fitopatoloxía para detectar as posibles causas desta mortaldade que, segundo vostedes, tratase dunha suma de factores na que a súa identificación soamente se pode fundamentar a través dun estudo científico. Totalmente de acordo.
O problema é o seguinte, cando atopen estas causas serán vostedes capaces de palialas?. A nosa resposta é non, debido fundamentalmente a que xa son coñecedores de moitas delas. Volvemos a repetir o mesmo que no escrito anterior:
“Falar dun problema que garde relación directa co fungo en cuestión sería caer no autoengano, sendo realistas, teremos que plantexarnos certas circunstancias que derivaron nesta desfeita ambiental, a situación de estrés na que se atopan as árbores riparias dos ríos galegos resulta máis que evidente, situación esta provocada por varios factores onde destacan por riba doutros as condicións climáticas, a contaminación dos ríos ou as compactacións dos terreos (áreas recreativas) e fundamentalmente o uso indiscriminado desta área para usos agrícolas, paseos artificiais ou desbroces indiscriminados que alteran o hábitat afectando á cadéa trófica e, en definitiva, rachando o ecosistema fluvial. Esta situación de debilitamento das plantas riparias favorece a propagación de fungos e que o seu impacto sexa máis agresivo, sen equilibrio o ecosistema perde a súa capacidade de autodefensa. Esta é a única realidade, anos e máis anos vivindo de costas ós nosos ríos provocaron a situación, a incompetencia das diferentes administracións neste sentido resulta evidente, sendo os máximos responsábeis da quebra nos ecosistemas fluviais.”
Tendo en conta isto, e que vostedes ademais xa son coñecedores delo, fainos dubidar da súa competencia para resolver tales problemas, que non son de hoxe senón que veñen de anos atrás e incluso décadas. Ademais disto tamén hai que ter en conta a permisividade das administracións con Fenosa, permitindo o secuestro do río Avia, con denuncias xa presentadas polo Servizo de Conservación da Natureza segundo eles mesmos nos afirmaron nunha recente reunión sen que, polo momento, haxa nengún tipo de sanción. Todo o contrario: o dereito de pernada das hidroeléctricas cos ríos galegos continúa, como queda reflexado nas palabras do señor Liñares “los accionistas de Iberdrola tienen derecho a ganar dinero”, falando das futuras actuacións de Iberdrola para perforar o Sil. A empresa, coma sempre, por riba do cidadán e do medio ambiente. Isto reflexa moi ás claras as verdadeiras intencións do señor expresidente desta Confederación, que en troques de salvagardar o medio, adicouse a desprotexelo.
Volvemos a reiterar o que se expón no preámbulo da Lei 5/2006, de 30 de Xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos:
“ Las infraestructuras hidroeléctricas son responsables de las principales afecciones a los ríos gallegos. Galicia, con tan sólo el 5% del territorio y el 7% de la población, genera el 25% de toda la electricidad de origen hídrica del Estado español. El 34% de la electricidad generada en Galicia va fuera del país, se exporta, con unas pérdidas en el transporte que superan hoy toda la producción eólica en Galicia.Esta sobreproducción no redundó en un mejor abastecimiento a los pueblos y comarcas gallegas.”
Pero disto falaremos máis polo miúdo no punto seguinte. Antes permítanos dicir que, ou seguen vostedes de broma, ou nos queren facer a todos imbéciles. O do curso de boas prácticas para evitar a extensión da enfermidade dos fungos, trala corta ou tala de amieiros afectados, supoñemos, fíxose despois de actuacións, tanto levadas como permitidas pola Confederación, nas que se propagou este fungo, como pode observarse na nosa páxina web https://cotodofrade.wordpress.com/2009/08/26/continua-a-matanza-do-rio-avia/. Unha vez máis, en vez de ser vostedes cura, foron enfermidade.
O da plantación de novos exemplares de especies autóctonas de ribeira para a rexeneración do bosque ripario debe ser o mesmo que o cd coa información dos datos de calidade da auga do río Avia: invisibles. De non ser así pedimos que se nos envíe a información detallada destas actuacións de repoboación: nome das especies repoboadas e puntos exactos onde se realizaron estas repoboacións.
Os dous últimos parágrafos deste punto catro nin os comentaremos dado que son verbas baleiras de contido (como, en realidade, todo o seu escrito).
5. En canto a Fenosa e a presa de Albarellos:
A ver se nós entendemos porque, no caso de facelo, terían vostedes que actuar de oficio contra Gas Natural Fenosa e, incluso, contra a Xunta de Galicia (inda que xa podemos imaxinar que non o farán, deixando de lado a súa responsabilidade e exercendo, de novo, unha deixadez das súas funcións).
– Segundo o seu recente escrito:
“…Salto de Albarellos, establecéndose posteriormente (por resolución da Confederación hidrográfica del Norte de data 5 de abril de 2005), un caudal ecolóxico de 678 l/s e 340 l/s de auga nos ríos Avia e Viñao, respectivamente”
– Segundo a empresa Gas Natural-Unión Fenosa, que refrenda por escrito a Consellería de Medio Rural (Xunta de Galicia), esgrime textualmente o seguinte argumento:
“El caudal ecológico del río Avia se aporta desde el canal de derivación que parte del río Viñao hasta el embalse de Albarellos, mediante un sistema fijo, consistente en una abertura en el mismo por la que se evacúa el caudal fijado en el Pacto Ambiental firmado entre la Consellería de Medio Ambiente y Unión Fenosa, y que por el mismo sólo depende del caudal que en cada momento tenga el río Viñao”.
Do argumento exposto, pódese concluír:
● Que o río Avia non aporta caudal “ecolóxico” ó río Avia. Que o aporte queda restrinxido á acción da turbina.
● Que o caudal “ecolóxico” do río Avia queda reducido á aportación do canal de derivación do seu afluente (río Viñao), a todas luces insuficiente.
● Que o Pacto Ambiental fixado entre a Xunta de Galicia e a empresa é insuficiente (ademais de ilegal dado que non tiñan competencias para ilo) para manter o bo estado ecolóxico das súas augas.
● Que o caudal do río Avia foi e é, normalmente, o aporte natural do seu afluente, o río Arenteiro, insuficiente para o mantemento do seu bo estado ecolóxico.
Resumindo, é imposible o aporte dun caudal ecolóxico de 678 l/s do río Avia (a presa de tipo bóveda construída fai máis de 40 anos así o impide), como queda patente no pacto ambiental entre Xunta e Fenosa (que deixa como único aporte ó citado caudal ecolóxico o caudal que en cada momento teña o río Viñao a través da canle de derivación feita a tal fin), conculcando deste xeito a resolución da Confederación Hidrográfica do Norte de data 5 de abril de 2005, dado que a Xunta non ten competencia sobre este río. Deste xeito a Xunta conculca unha resolución da Confederación a favor, coma sempre, da concesionaria e non do río.
Denunciamos así un posible delito contra os recursos naturais e o medio ambiente en canto ó caudal ecolóxico deixado por parte de Gas Natural Fenosa (que reflexa a idea de caudal ecolóxico como solta de auga a través das turbinas) no encoro de Albarellos, e o que as diferentes administracións non pareceron prestarlle atención ó longo dos anos (o que nos obriga a pedir amparo ante a Fiscalía de Medio Ambiente por este feito), pero que permite a reiterada desecación do río Avia por parte da concesionaria da explotación hidroeléctrica ó non existir tal caudal ecolóxico, producíndose unha desecación continua entre o tramo do río que debería discorrer entre a presa e a saída da turbina (que desaparece como por arte de maxia chegado o verán, aproximadamente 5.000 metros) como ben sabe o Servizo de Conservación da Natureza, que seica xa denunciou este caso sen que, polo momento, se saiba nada disto.
Por todo elo pedimos que a Confederación emprenda as accións legais oportunas para que esta situación, manifestamente ilegal, quede solventada, depurando as responsabilidades necesarias en quen concedeu este pacto (Xunta de Galicia) xa que non tiña competencias para elo.
Do resto do escrito, neste punto cinco, nin falar, porque os que sabemos un pouco disto, o ler o que aquí está escrito e se propón no novo Plan Hidrolóxico só o podemos cualificar, de novo, de palabras baleiras de contido e totalmente incoherentes coas actuacións levadas a cabo por este organismo e coas verbas do seu anterior presidente.
Os comentarios están pechados.