Denunciamos á Hidrográfica ante a Fiscalía
Como xa anticipamos a semana pasada, presentamos a denuncia, este martes pasado, contra a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, por ocultación de datos. Ademais disto, e como se nós respostou na derradeira carta entregada a esta asociación por parte da Confederación, aproveitamos esta mesma denuncia para alertar sobre o caudal ecolóxico deixado pola presa de Albarellos, que permite a desecación dun tramo importante do Avia, ó saltarse Gas Natural Fenosa co permiso sen competencias da Xunta, unha resolución da Hidrográfica do ano 2005, que obriga ó Avia a aportar caudal ecolóxico ó propio río Avia (tal e como establece a lexislación), feito que non se está a producir ó ser o Viñao o único que aporta caudal ecolóxico ó Avia. Por isto último pedimos, se a Fiscalía o considera necesario como nós cremos, actúe de oficio restaurando parte do equilibrio natural do río e contra os responsables que permitiron, e permiten, tal desfeita.
Todo isto o podedes ler na denuncia que vos presentamos a continuación (que consta tan só de dúas páxinas), salvo os anexos (que é o que forma o groso do escrito, sobrepasando as 50 páxinas), que os podedes atopar por data de publicación na sección de medio fluvial da nosa web.
Pero antes disto queremos facer unha reflexión sobre o tema das espumas e vertidos, no que continuamos traballando, e que cremos se está tratando dun modo estúpido e inoperante por parte dos concellos afectados, Xunta e Confederación.
O primeiro actor, neste entramado inoperante que só prexudica ó río e o seu ecosistema asociado, e o propio concello de Ribadavia (inda que o resto dos concellos, como o de Leiro, tamén teñen o seu). Non comprendemos como se puido dicir a semana pasada dende o concello que “a espuma posiblemente sexa xabón, seguramente do lavado de algunhas instalacións ou vehículos de outros concellos, porque é máis visible nestes últimos días na zona da Quinza (entorno de San Cristovo) e a primeiras horas da mañá”. Non o comprendemos simplemente porque levamos denunciando isto dende o mes de xuño do ano pasado (e que xa vimos detectando dende fai anos, se ben esta afluencia de espumas non era tan evidente, salvo nos meses de verán). Moi grande debe ser o coche que están a lavar para facer tal afirmación, que xa debe estar coa chapa desgastada de tanta auga a presión do lavado.
Tampouco comprendemos a Xunta que dende a Consellería de Medio Ambiente afirma, cun 95% de probabilidade, que os verquidos sexan debidos o lavado de cubas, debido a que estas son máis visibles no mes de marzo, que é cando se procede ó lavado e desinfectado de cubas nas adegas. Non o comprendemos polo mesmo razoamento que o anterior: o das espumas ven de lonxe e non só do mes de marzo. Resulta, ademais de ridículo e patético, de vergoña allea que se de dende a administración un dato dunha probabilidade dun 95%, cando se da este dato a falta das análises (que levamos meses reclamando) por parte da Confederación. E isto asegurámolo cun 98% de probabilidade.
De vergoña allea resulta tamén a actitude da Confederación en todos estes meses que, segundo nós consta por toda esta correspondencia mantida con eles ó longo deste tempo, só se presentaron unha vez a ver que pasaba, contestándonos que ese día non había “verquidos susceptibles de provocar espumas”, cando xa lles avisamos do carácter intermitente das mesmas, dándolle carpetazo ó asunto.
E que resultou de todo isto, pois o inevitable, o que vimos anunciado dende fai meses e que só é un primeiro toque de atención: mortandade piscícola, que é en realidade a cara visible de todo isto. Pero que ninguén se preocupe, que o luns comeza a tempada de pesca e os peixes, con tanta espuma, xa veñen limpiños.
Denuncia en Fiscalía de Coto do Frade contra a Confederación Hidrográfica Miño-Sil:
Asociación Ecoloxista Coto do Frade, CIF G-32213456, e con enderezo a efectos de notificación no Apdo. de correos 32, 32400 Ribadavia, Ourense.
Comparece e di:
Que por medio do presente escrito presenta DENUNCIA contra Confederación Hidrográfica Miño-Sil (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente do goberno do Estado español) en base ós seguintes feitos:
Despois do envío e recepción de diversa documentación e escritos entre a Confederación Hidrográfica Miño Sil e esta asociación, en base as diversas agresións medio ambientais que está a sufrir o río Avia nos derradeiros anos, temos que denunciar a ocultación sistemática de información que por parte da Confederación se nós esta facendo dun tempo a esta parte. Pero antes poñámonos en antecedentes.
O 15 de xullo de 2011 enviamos á Confederación, en soporte dixital (anexo I, soporte dixital), un informe denuncia baseado principalmente na presenza de espumas no río Avia, ademais da denuncia de vertidos continuos da rede de depuración dos colectores de Ribadavia e noutros puntos. Neste escrito xa solicitábamos información sobre os parámetros de calidade da auga da rede SAICA (Sistema Automático de Información de Calidade das Augas). Obtivemos resposta o 17 de agosto de 2011 (anexo I, soporte dixital), é dicir, tan só un mes despois.
Pero nesta resposta, na que ademais cremos que a Confederación fixo unha interpretación incorrecta e sesgada do informe que nós lle enviamos, faltaba información relativa sobre ós parámetros de calidade das augas, desaparecendo os datos nos anos 2010 e 2011 de días enteiros, chegando nalgúns casos a desaparición de datos de semanas ou incluso meses. Tal é o caso do caudal do río, amonio, condutividade, osíxeno do río, pH, temperatura, turbidez e incluso do nivel da masa de auga. Considerámolo de extrema gravidade ó crer que se nos está tratando de ocultar información cando os parámetros sobrepasan os niveis de seguridade admitidos na regulación, como se pode ler no punto 3 do anexo II, que é a contraresposta de Coto do Frade, con data de 6 de setembro de 2011, á contestación dada anteriormente pola Confederación.
Unha vez enviada esta contraresposta, máis ampla inda se cabe que o escrito anterior feito por nós, no que expoñemos máis problemas do río Avia como é o tema da vexetación de ribeira (afectada por un fungo) e do secuestro do río Avia por parte de Gas Natural Fenosa (puntos 4 e 5 do anexo II), non recibimos contestación pasados catro meses co cal, o 11 de xaneiro de 2012 enviamos, de novo, unha solicitude á Confederación (anexo III), solicitando se nós contestase, polo menos, ó punto terceiro do escrito referido (parámetros de calidade da auga da rede SAICA), dado que do resto non parecían ter gañas de contestar, tendo que chegar ó punto de ameazar con emprender accións legais se estes datos non eran enviados a esta asociación.
Contestaron en menos dun mes (anexo III), dun xeito máis ben torticeiro, a tódalas interrogantes plantexadas pero, lonxe do que se poida pensar e incluso do que ven escrito nesta resposta da Confederación (punto terceiro do seu escrito) non nós enviaron os datos solicitados sobre a calidade da auga, enganándonos de novo e ante o que fixemos un novo e definitivo escrito (anexo IV) perante a Confederación e ante o que, tamén, decidimos poñer en coñecemento da fiscalía estes feitos de ocultación de datos e polo que solicitamos, en virtude da Directiva 2003/4/CE del Parlamento Europeo y del Consejo, de 28 de enero de 2003, relativa al acceso del público a la información medioambiental, e a súa transposición a Ley 27/2006, de 18 de julio, por la que se regulan los derechos de acceso a la información, de participación pública y de acceso a la justicia en materia de medio ambiente, que a fiscalía actúe como considere máis axeitado para que se poñan as sancións pertinentes, tal e como está establecido nas leis anteriores, contra ós responsables de tal actuación.
Por todo o exposto solicito que, tendo por presentado este escrito, se admita e se teña por presentada a denuncia contra Confederación Hidrográfica Miño-Sil (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente do goberno do Estado español) polos feitos descritos anteriormente.
Tamén gustaríanos que a fiscalía observase o punto 5 do derradeiro escrito enviado (e nos asociados anteriores) por parte desta asociación á Confederación (anexo IV), por si observase, como nós cremos, que existe un delito contra os recursos naturais e o medio ambiente en canto ó caudal ecolóxico deixado por parte de Gas Natural Fenosa (que reflexa a idea de caudal ecolóxico como solta de auga a través das turbinas) no encoro de Albarellos, e o que as diferentes administracións non pareceron prestarlle atención ó longo dos anos, pero que permite a reiterada desecación do río Avia por parte da concesionaria da explotación hidroeléctrica ó non existir tal caudal ecolóxico, producíndose unha desecación continua entre o tramo do río que debería discorrer entre a presa e a saída da turbina (que desaparece como por arte de maxia chegado o verán, aproximadamente 5.000 metros) como ben sabe o Servizo de Conservación da Natureza, que seica xa denunciou este caso sen que, polo momento, se saiba nada disto. Así solicitamos á Fiscalía, se o estima oportuna, emprenda as accións legais pertinentes contra os responsables de tal desfeita.
Os comentarios están pechados.