Skip to content

A Confederación volve a demostrar a súa falla de rigor e inoperanza

22/03/2012

Como ben sabedes, a semana pasada, denunciamos a Confederación Hidrográfica por ocultación de datos. Despois de moitos meses solicitando unha información que non nós foi facilitada (bom, en realidade si que se fixo pero de forma sesgada), tivemos que recorrer a Fiscalía para que nós fixeran caso. E fixéronno, vaia se o fixeron.

Este martes recibimos unha chamada da Confederación, directamente ó número privado dun membro desta asociación. Que querían entregarnos unha información que solicitaramos, pero que non no-la ían entregar por correo, senón directamente en man, polo tanto ían achegarse esa mesma mañán até Ribadavia para facernos entrega da susodita información.

Pois moi ben, contestamos. Era a primeira vez en toda a historia desta asociación que a Confederación se daba tanta premura en entregar uns datos solicitados. E non só iso. Era a primeira vez que no-la ían entregar en man, vindo co seu coche (que en realidade pagamos todos) para facelo. A verdade, non facía falla. Pero claro, querían lavarse as mans, polo que poida decidir a Fiscalía.

Repetimos o que xa dixemos fai uns días. Resulta moi triste ter que ameazar con emprender accións legais para obter a información que por lei están obrigados a facilitarnos, o que dificulta moitísimo a nosa labor. Este non debería ser o modo de actuar dunha administración que se pretende considerar como seria.

Así que chegaron, entregáronnos a documentación e fixéronnos firmar un papeliño como que a recibíramos, o que probablemente os exonere nun futuro, se a fiscalía decide tomar cartas neste asunto. Unha vez máis: ben xogado. Uns fenómenos est@s da Confederación.

Pero o asunto, e as inquedanzas desta asociación, non rematan aquí. O papel firmado puña que facíasenos entrega da documentación solicitada o día 8 de marzo. Moi ben, pero é que en realidade só se nós contestou o que estaba denunciado na fiscalía, o da ocultación de datos. O resto, a verdade é mentres non se lles denuncie, parece que lles importa ben pouquiño.

Seguen sen contestar sobre a continua presenza de espumas no río Avia, que o outro día era portada do xornal La Voz de Galicia, conxuntamente coa contaminación do Miño e Barbaña. Pero isto é curioso, porque en realidade a nova trata sobre vertidos ó Miño e Barbaña, só que algún redactor ou redactora estivo hábil, enviando a un fotógrafo a que fixera fotos do Avia ese mesmo día. E que atopou: espumas. Se volve a ir hoxe, mañán ou pasado atopará o mesmo, dado que as espumas están a aparecer tódolos días. Pero da igual, a Confederación segue a dicir, repetido coma un mantra, que os nosos ríos están limpos e que no Avia non se atopan “vertidos susceptibles de provocar as escumas”. Pois vale.

Tampouco contestan sobre a rede de saneamento, os sumidoiros e o sistema de bombeo de residuais cara a E.D.A.R. de Francelos, que nunha charla informal cun membro de Aqualia, ó que atopamos polo río, comentounos que este sistema de bombeo (esa casetiña que está entre a ponte de San Franciso e a de ferro do tren) está mal deseñado, e por iso daba tantos problemas. Ante isto, e a falla de cordura da Confederación, repetimos o que levamos dicíndolle dende fai meses: “Denunciamos así o feito de que a Confederación trate de eludir a súa responsabilidade facendo crer que se trata dun problema puntual, debido ó temporal, e non estrutural, a pesar de que a estación de bombeo sita na zona de San Francisco reúne as características necesarias para que este tipo de “accidentes” se repita de forma cotiá. Deberíase solucionar o problema de risco permanente no que está esta zona do río antes de que teñamos que lamentar unha situación irreversible.”

O do tema dos amieiros é outra que non contestan, mentres tanto as árbores seguen a caer polo río, desmontando as barrancas que fan as beiras do mesmo, desaparecendo a sombra que tan necesaria será para manter a vida no verán, un ataque a biodiversidade, risco de erosión, aumento de nitrificación e polo tanto aumento da posibilidade de eutrofización da masa de auga…, etcétera, que non queremos aburrir cun tema xa explicado de xeito promenorizado.

Pero aquí tampouco se nós da información, cando a Confederación contestounos no mes de febreiro dicindo que plantaran árbores autóctonas de ribeira na beira do Avia. O que lle solicitamos no anterior escrito foi o seguinte:

“O da plantación de novos exemplares de especies autóctonas de ribeira para a rexeneración do bosque ripario debe ser o mesmo que o cd coa información dos datos de calidade da auga do río Avia: invisibles. De non ser así pedimos que se nos envíe a información detallada destas actuacións de repoboación: nome das especies repoboadas e puntos exactos onde se realizaron estas repoboacións.”

Pero claro, como isto non está denunciado, para que nós van contestar (no caso de ser verdade, porque esta asociación non ten constancia de ningunha repoboación feita pola Confederación ou permisos dados por ela para isto. Iso si, de desbroces imos sobrados, de desbroces de todo sen criterio ningún, menos de mimosas, que esas si que as deixan nas beiras dos ríos, manda truco). E que temos que facer agora, volver a denunciar para que se nós tome en serio?. Estamos xa bastante fart@s desta situación. Estamos fartos da inutilidade da Confederación. De verdade que non o podemos crer.

O último punto do noso escrito e sobre o caudal ecolóxico da presa de Albarellos, que tamén denunciamos en Fiscalía, inda que pedimos tamén que a Confederación o investigase dado que e a súa labor. E que pasará?. Pois que o investigará a Fiscalía, porque estes parecen non estar pola labor xa que todo queda na casa.

E todo isto levámolo repetindo non só meses (como se demostra en todos estes escritos), senón anos. Namentres tanto a administración non faga nada o resultado será o de sempre: os nosos ríos a morrer un pouquiño máis cada día. Esperamos non ter que levarnos as mans á cabeza un día destes, ante a visión dun río morto por desidia administrativa.

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: