Skip to content

Denunciamos ante Fiscalía a hidroeléctrica de Frieira

03/01/2013

“Vale máis unha terra con peixes nos ríos que un Estado con ouro nos bancos”

Alfonso R. Castelao. Da súa obra Sempre en Galiza

 

E cando ese Estado non ten se queira ouro nas súas arcas…

castelaoBoas, seguro que máis dunha se preguntaba por onde andabamos. Pois aquí seguimos, o que pasa é que ás veces imos máis de vagar, pero iso non significa que non esteamos aí. Desta volta aparecemos para presentar unha nova denuncia, probablemente a máis seria e completa que fixemos até o momento. Iso débese a experiencia que imos collendo e, tamén, á cantidade de datos recompilados até o de agora, o que facilita moito a nosa labor.

Denunciamos ante Fiscalía a Gas Natural Fenosa, Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Xunta de Galicia) e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do Goberno do Estado español). A denuncia é polo tema de Frieira, o tema estrela desta asociación que naceu ós pes deste encoro ó tratar de salvagardar as especies migradoras do río Miño, nomeadamente, e como ben sabedes, ás anguías.

A denuncia é enviada á Fiscalía porque as diferentes administracións parecen non estar pola labor na defensa do patrimonio natural de tódolos galegos e galegas antepoñendo, coma sempre, os intereses dunha entidade privada fronte ós do ben común (que probablemente sexa o menos común de tódolos bens existentes no planeta).

A Asociación Ecoloxista Coto do Frade leva dende a súa fundación loitando pola recuperación integral dos ríos da comarca do Ribeiro, constituíndo a concienciación e a educación ambiental da poboación uns dos nosos pilares de actuación. É neste marco onde debemos englobar as distintas actuacións que esta asociación ven desenrolando dende os seus inicios e, en particular, na defensa e recuperación do río Miño.

Dende o ano 1995 esta asociación ven levando a cabo unha labor de recollida de anguías na presa de Frieira, no río Miño, en termos de Padrenda (Ourense) e Crecente (Pontevedra), propiedade de Gas Natural Fenosa, dado que os medios postos por esta empresa para garantir o tránsito de especies migradoras no río Miño só se poden cualificar, ó longo de todos estes anos, de ridículos. A presa de Frieira púxose en funcionamento en 1970, cunha concesión dada en 1960. Amparándose en leis franquistas e o descoñecemento propio da época, conseguiu conculcar a legalidade vixente en canto ó libre tránsito de especies acuícolas migradoras até hoxe en día.

Como queda patente no preámbulo da Lei 5/2006, de 30 de Xuño, para a protección, conservación e mellora dos ríos galegos:

 “As presas hidroeléctricas fan que máis do 70% dos nosos leitos fluviais sexan inaccesibles ás especies migratorias. O salmón é un bo indicativo da perda de poboacións nos nosos ríos: nos últimos cincuenta anos as súas existencias reducíronse en máis dun 99%.”

Pois non todo ían ser anguías. Salmóns, sábalos, reos, lampreas…todas elas ameazadas. Queremos salientar tamén que existen máis especies que vulneran os catálogos nacionais e españois de especies ameazadas, tratados e convenios internacionais, leis estatais e a Directiva Hábitats -como parece claro dentro do que é unha biocenose ou trama ecolóxica completa dun río e dun tramo de río tan importante como do que estamos a falar- pero que non se tratan aquí por non considerarse de relevancia para tal denuncia, inda que si é algo tremendamente relevante pro medio ambiente en xeral e para este biotopo en particular.

Dentro da denuncia facemos fincapé no novo modelo de ascensor existente en Frieira, que só en teoría é capaz de pasar estes peixes até o outro lado do encoro, xa que na práctica isto nunca se deu (isto queda patente nas imaxes que mostramos, onde se pode ver a ridiculez de todo este sistema, que só funciona nos meses de xullo e agosto e só dous días a semana). O sistema non garante as migracións de peixes, conculcando así a lexislación vixente. Nos seguintes enlaces podedes ver parte dos videos que entregamos en Fiscalía, para que vexades e vos dedes conta da lentitude e inoperanza de todo este proceso que vimos denunciando.

http://youtu.be/VEx5Caj_860

http://youtu.be/hlpNr8XVguE

http://youtu.be/R0rFpgZ_x0M

Dentro da denuncia facemos tamén fincapé no aproveitamento, a todas luces ilegal, que se está a facer hoxe en día do caudal ecolóxico no encoro de Frieira. Como é posible que se levase esixindo tantos anos esta evacuación de caudal, para a conservación das especies piscícolas augas abaixo –lembremos que este tramo augas abaixo é o tramo internacional do río Miño, compartido con Portugal-, e para que isto sexa así a administración concédelle a concesionaria o aproveitamento de dito caudal? Porque non se obriga simplemente a Gas Natural Fenosa a cumprir o que debe, sen obter por elo nada a cambio? É compatible este aproveitamento, que turbina todo o caudal ecolóxico esixido, co que se pretende nun principio (a conservación das especies piscícolas, enténdese), dado que a lei non o permite, precisamente por ser incompatible coa vida do río?

Hai que salientar que a importancia do mantemento e fomento da conectividade ecolóxica -a conectividade ecolóxica refírese o movemento de especies entre concas que permite un intercambio xenético, fluxos ecolóxicos entre poboacións e hábitats…- é unha peza clave nos esforzos nacionais e internacionais para a conservación da biodiversidade, tal e como recollen numerosas iniciativas, políticas e lexislacións vixentes en todo o mundo ó permitir contrarrestar os efectos adversos da fragmentación e illamento dos ecosistemas e facilitar a adaptación das especies ós desprazamentos nas súas áreas óptimas de distribución, interrompidos neste caso por esta gran presa. Por elo é necesario tomar medidas que contribúan a garantir a viabilidade e persistencia das especies de flora e fauna.

Hai que salientar, dentro disto, a proposta do novo Programa de Medio Ambiente (PMA), presentado a finais do novembro pasado, para orientar a política da UE na materia até o ano 2020. Un dos nove obxectivos prioritarios desta proposta é: protexer á natureza e consolidar a capacidade de recuperación ecolóxica. Ou como se definiu de xeito brillante, respectar os límites ecolóxicos do planeta.

A estratexia europea de biodiversidade da UE para o ano 2020 – quen afirma que as especies estanse a extinguir a unha velocidade moi elevada, que supera entre 100 e 1000 veces ó ritmo natural, recoñecendo que só o 17% das especies e hábitats e un 11% dos ecosistemas protexidos na UE funcionan ben- ten un obxectivo principal: deter para o ano 2020 a perda de biodiversidade e a degradación dos servizos ecosistémicos -beneficios que os seres humanos extraemos dela- da Unión Europea, e restauralos na medida do posible, incrementando ó mesmo tempo a contribución da UE á loita contra a perda de biodiversidade mundial e unha visión hacia 2050, ano no que a biodiversidade da Unión Europea e os servizos ecosistémicos que ofrece deben estar protexidos, valorados e restaurados -o cal parece unha broma, tendo en conta que a UE recoñece que non se logrou o obxectivo de biodiversidade para 2010 debido en boa parte o incumprimento das leis medioambientais-.

Os datos subliñan cada vez máis a insostibilidade do noso modelo de consumo de alimentos e enerxías e os stocks de especies de peixes comestibles están en claro descenso. Nembargante, esta problemática ecolóxica non se manifesta nos prezos, posto que estes non incorporan os custes ecolóxicos. Non se trata só de frear as emisións para evitar o efecto invernadoiro, é necesaria unha visión holística para comprender a situación que afecta a este río galego, con profundos desequilibrios na súa conca, cun sistema artificial de saltos de auga baseado en criterios económicos, perda de biodiversidade e degradación das súas augas. Este problema non se resolve con sentenzas que despois non se cumpren tralas declaracións das distintas administracións.

Por todo elo solicitamos, ante o ministerio Fiscal e coa lei na man, a caducidade da concesión e posterior derrube do encoro de Frieira. Dado o carácter de reincidencia que tivo a concesionaria, actualmente Gas Natural-Fenosa, conxuntamente co exterminio e espolio biolóxico perpetrado por esta empresa a través dunha concesión, consideramos que o único xeito capaz de solventar os efectos negativos que a instalación deste encoro tivo pro Miño só se conseguirán a través do seu derrube.

Ademais disto cremos que se debe abordar dunha vez a cuestión do prazo preconstitucional dado a esta concesión, outorgada por 75 anos na ditadura franquista e polo que solicitamos o amparo da Fiscalía. Como xa dixemos esta concesión data da época de Franco, pero non por iso cremos que se poida saltar a Constitución española. Por todo isto cremos que se poden observar principios de inconstitucionalidade na aplicación da norma.

A reparación do dano causado só se poderá lograr a través da incoación do expediente de caducidade de concesión dado que esta obra, que xa cumpriu con creces o fin para o que nun principio fora creada, xa chegou ó seu momento final dado que o seu impacto social, económico e ambiental é, hoxe en día e como queda demostrado nesta denuncia, desproporcionado debendo de procederse a súa eliminación.

Se a biodiversidade que nos proporcionan os ecosistemas consegue manterse, a poboación galega podería ter nela un froito pro seu propio beneficio e unha soberanía e seguridade alimentarias que son a base de calquera sociedade desenrolada, por diante dos beneficios propios dunha entidade privada. Para elo deberemos parar a desertización biolóxica que está a sufrir hoxe en día o pai Miño.

A denuncia en si consta de 51 páxinas, anexos aparte. O contido dos anexos especifícase na denuncia, pero non son amosados o público debido a enorme cantidade destes que faríano moi pesado para quen o lea (anexo imaxes aparte).  A cantidade de páxinas de cada anexo é a seguinte:

-Anexo 1: 20 páxinas

Anexo 2: 6 páxinas

-Anexo 3: 32 páxinas

-Anexo 4: 4 páxinas

-Anexo 5: 42 páxinas

-Anexo 6: unha páxina máis un mapa

Inda que non os poñemos, se queredes podedes solicitarnos os anexos facendo unha petición a través do noso correo. A denuncia podedes lela clickando nos seguintes links.

Saúde, Terra, Matria, Liberdade e Biodiversidade!!

 

https://cotodofrade.files.wordpress.com/2013/01/informe-denuncia-frieira-galego-prensa.pdf                       https://cotodofrade.wordpress.com/?attachment_id=10562

 

https://cotodofrade.files.wordpress.com/2013/01/informe-denuncia-frieira-completo-castellano-prensa.pdf          https://cotodofrade.wordpress.com/?attachment_id=10563

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: