Despedida Coto do Frade
E chegou 2015. E con el cumpliriamos vinte anos. Pero non os imos cumplir, dado que esta decisión xa foi tomada en asamblea fai tempo. Case un ano, e ningún socio ou socia se manifestou en todo este tempo pra retomar as rendas, o cal nos indica que aquela decisión foi a mellor que podiamos tomar.
Non é que non siga habendo problemas ecolóxicos na nosa bisbarra ou no mundo. De feito, este ano que pasou xurdiron dúas novas, aparecidas en páxinas perdidas dos xornais e cun escaso minuto de gloria nos informativosa televisivos, que nos indican que a nosa labor nunca foi por facer nin por dar a lata porque si: a irrefrenable e antropoxénica mudanza climática e a perda, en tan só os últimos corenta anos, do 50% das especies do planeta. Aí é nada…
E mentres, o noso río cheo de espumas e merdas varias, e mentres, Sogama medrando máis e máis, e mentres, os nosos montes a arder, especies a desaparecer, rías contaminadas, aire contaminado, reciclaxe de mentira e recuperación de materias inexistente, alimentación baseada na contaminación, xente enferma nunha Galiza contaminada, parte dun mundo podre e condeado, de novo e como tantas civilizacións humanas, ó fracaso absoluto.
E non é que non siga habendo problemas ecolóxicos, non. Non é por iso que pechamos o garito. Simplemente cansamos. Gañáronnos pola man. Nesta asociación fai anos que non existiu unha renovación real, quizais por toda a xente nova que tivo que emigrar, ou vai ti a saber por que. Pero o certo é que nos cansamos de estar sempre as mesmas, facendo sempre o mesmo e que inda por riba se nos tildase de tolos ou de que tiñamos escuros intereses ou que nos enchiamos os petos de cartos. Pfffff!!! Esa si que era boa!!
Pero bom, e falando de cartos… decidimos por asamblea deixar os cartos que quedaban (uns 1200 euros) repartidos de xeito equitativo en tres asociacións ás que lle temos especial agarimo: a FEG (Federacón Ecoloxista Galega) de quen esta asociación formou parte dende os seus inicios; á local Ridimoas que tanto aprecio lle temos a nivel individual inda que como colectivo nunca fixeramos moito xuntos; e á máis nova Ribanimal que está facendo unha labor polas mascotas abandoadas no noso pobo e arredores. Desexámosvos moita sorte e enviámosvos todo o agarimo do mundo.
Agradecemos tamén a toda a xente que participou e axudou nesta asociación, que fostes unha morea de xente e recordámosvos que, inda que poucas, algunha victoria si que fumos tendo. E o ben que o pasamos. E pedímosvos desculpas por non seguir coa labor que comezáchedes fai 20 anos, pero crédenos, fixémolo o mellor que puidemos.
E tamén pedimos desculpas por este derradeiro artigo, que non está ben escrito, falla na súa estructura e non di todo o que debería e, quizais, diga cousas que non debera. Desculpade, pero é moi difícil escribir cos ollos cheos de bágoas.
Os comentarios están pechados.