Saltar ao contido

Manifestación no Irixo

03/01/2012

A Casa da Cultura do Carballiño quedouse pequena o martes 27 para escoitar a charla que deron o representate da Federación Ecoloxista Galega (FEG) e un biólogo membro da Sociedade Galega de Historia Natural, co gallo da próxima implantación no Irixo dunha incineradora. Tratouse a xeración de residuos en Galicia, os perigos da incineración e o fracaso do modelo Sogama. Argumentouse con datos técnicos e oficiais (da propia Xunta) como o modelo de incineración proposto é un modelo fracasado e totalmente desfasado. Comentouse cómo non se fomentan políticas de reducción, reutilización e reciclaxe, e por contra cómo se aposta pola incineración como primeira opción en contra da disposición das directivas europeas. Comentouse cómo non se cumplen os propósitos que aparecen no Plan de Residuos de Galicia 2012-2020 de “Responsabilidade do Productor” (quen contamina paga) ou o de “Proximidade e suficiencia” (xestión dos residuos próxima ás zonas de xeración). Díxose que como os ventos dominantes en Galicia son do norte e do oeste, comarcas como a do Ribeiro tamén se poden ver afectadas, posto que unha planta deste tamaño afecta a un radio bastante amplo. En definitiva, unha charla moi didáctica que aportou un anaco de luz ante tanto escurantismo. A presentación que fixo Serafín, membro da Sociedade Galega de Historia Natural, podédela consultar no seguinte enderezo electrónico.

http://www.sghn.org/Actuacions_Xeral/Residuos/Incineradora_O_Irixo.pdf

Tamén podedes botarlle unha ollada a este enlace que vos remitirá a un informe de Greenpeace sobre a incineración, onde tamén fan un repaso polas incineradoras repartidas pola xeografía nacional, onde por suposto esta sogama.

http://www.greenpeace.org/espana/Global/espana/report/costas/091124-02.pdf

 

O mércores 28, un grupo de veciños do Irixo escenificou o enterro do pobo ás 12 da mañá diante da praza do Concello. Ante a acollida dos veciños, púxose de manifesto que o alcalde non ten o apoio da maioría do pobo como se nos fixo crer nun primeiro momento. Nós queremos destacar a actuación da plataforma que foi quen de reaccionar con tanta rapidez, organizando actos de protesta e buscando apoio xurídico en tan pouco tempo e nestas datas tan sinaladas.

 

O próximo acto reivindicativo terá lugar no Irixo o sábado día 7 de xaneiro ás 4 da tarde. Nós animamos a tódolos nosos simpatizantes e á xente en xeral que se solidarice co pobo do Irixo e coa nosa terra e acuda á manifestación en contra da planta incineradora.

Os comentarios están pechados.